caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Masked and anonymous
> Masked and anonymous <

No estraño caso do despremio a Eduardo Estévez están en xogo dous conceptos: o carácter inédito dunha obra e o anonimato do seu autor, e parece claro que estes dous valores quedan en cuestión ao ter publicado Eduardo nun blog poemas que logo formaron parte do libro galardoado. Agora ben, iso mesmo acontece nunha chea de premios literarios, por non dicir todos, pois é frecuente que unha parte da obra, aínda que sexa pequerrecha, xa fora publicada antes en revistas ou xornais, ou lida/recitada en público, e desde logo non é inusual que a autoría dun libro sexa recoñecíbel (obviamente non ten sentido pretender que un autor escriba textos nos que a súa voz literaria non poida ser identificada), o cal converte a esixencia de anonimato en papel mollado. Por outra parte, se eu me presento a un premio co alcume Martin Pawley, serei suficientemente anónimo? E se Yolanda Castaño presentase un poemario co lema Edénica erofanía? Haberá que impoñer nas bases regras para a asignación de pseudónimos, tamén? O estraño caso parece resolverse, pois, por redución ao absurdo: de aplicarmos sempre o mesmo rigor que no caso do González Garcés a Eduardo Estévez, poucos premios se salvarían.

O importante é se a publicación previa beneficiou a Eduardo Estévez para obter o premio, pois esa é verdadeira razón de fondo da petición de anonimato. É evidente que non foi así, pois o xurado non tiña noticia de que os poemas apareceron antes nun blog, e o que valorou foi soamente a súa calidade (a "contemporaneidade da súa escrita e a aposta do autor pola renovación da nosa tradición estética", e "a liña de construcción expresiva" dunha obra "na que se pode advertir unha proximidade do cotián"). Non sabían, pois, de quen eran, ou polo menos non tiñan máis pistas que de calquera outro dos que se presentaron. Eduardo gañou, pois, en boa lide, cousa que non se pode dicir agora de Xavier Lama, que vence de rebote por descalificación do primeiro. Isto non é un tour de Francia, onde se o vencedor Floyd Landis emprega axudas ilegais, o maillot amarelo vai -e con xustiza- para Óscar Pereiro. Aquí non houbo axudas ilegais. Nun certame literario o que se discute é cal é o mellor dos traballos presentados, e o xurado acordou que ese era o de Eduardo. O de Lama non era tan bo, e por iso se lle entregou un accesit. Que o primeiro quede fóra da competición non implica que o segundo pase a ser un libro merecente do premio maior: podería conformarse co que tiña, e quedar o premio declarado deserto (de non ser así, penso que sería lóxico que o xurado elixise unha terceira obra para lle asignar un novo accesit).

2008-10-01, 12:49 | 0 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/59758

Comentarios

Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.156.90.21 (687e7f7a15)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley