Abra la ventana, desde hace unos días puedo volar
Inicio > Historias > Festival de Gijón 2008
> Festival de Gijón 2008 <


Picar sobre a imaxe para ampliala


O mellor festival de cinema da península anunciou antonte algúns contidos da súa edición número 46, que se celebrará entre o xoves 20 e o sábado 29 de novembro. A principal novidade, o ciclo La mitad del cine. Mujeres tras la cámara, que ofrecerá quince filmes de directoras europeas actuais, entre elas Claire Simon, Catherine Breillat e Barbara Albert. Moito máis apetecíbel a priori parece a retrospectiva La utopía yanqui, formada por obras de cineastas norteamericanos "que se educaron en torno a la contracultura de los 60, trabajando con vías de distribución alternativa". Nesa definición encaixa moita xente, desde Barbara Hammer ao celestial James Benning, mais sospeito que non van ir por aí os tiros (no que atinxe ao xenio de Milwaukee a tempada outono-inverno pode ser fonte de magnifiquísimas noticias). A organización do festival cita coma exemplos a Jim Finn (que estará presente en Xixón e tamén máis perto), Jem Cohen e John Gianvito, o autor dunha das obras mestras do ano, Profit motive and the whispering wind (Motivo de lucro e o murmurio do vento), que competirá polo premio de mellor filme de non ficción e documental (e gañará, claro).

Como vén sendo habitual, Xixón homenaxeará a algúns cineastas cuxa obra é pouco ou nada coñecida en España, entre eles os libaneses Joana Hadjithomas e Khalil Joreige, que traballan nos campos do cinema, o vídeo e as instalacións, e que van ser obxecto dunha exposición no Centro de Cultura Antiguo Instituto. A directora arxentina Lucrecia Martel e o austríaco Peter Tscherkassy protagonizan os outros dous ciclos do festival.

Até aí as informacións oficiais: o que vén agora é puro lercheo. O crítico arxentino Diego Lerer adiantou hai unhas semanas no seu blog os filmes do seu país que estarán en competición: Una semana solos de Celina Murga, Salamandra de Pablo Agüero (premiado no certame asturiano hai dous anos pola súa curta Primera nieve), e Liverpool do gran Lisandro Alonso, que coma quen di xa é da casa. Alén deses tres, entre as cousas que agardamos ver en novembro están os filmes Ballast de Lance Hammer, premio á mellor dirección en Sundance; Wendy and Lucy de Kelly Reichardt (que xa estivo en Xixón coa sobrevalorada Old joy); a chilena El cielo, la tierra y la lluvia de José Luis Torres Leiva, premio FIPRESCI en Rotterdam, ou Tulpan de Sergei Dvortsevoy, e tamén un par de títulos interesantes do catálogo de Golem que aínda non teñen data de estrea.

2008-09-12, 01:18 | 0 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/59418

Comentarios

Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 38.107.179.241 (abd9886ba3)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com



O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley