Muchachote grispálido / Aguerrido mariachi de la nada
Inicio > Historias > Cinema galego
> Cinema galego <

um

Número de espectadores dalgúns filmes galegos segundo o Ministerio de Cultura:
Sempre Xonxa (Chano Piñeiro, 1989): 62.203 espectadores
Urxa (Carlos López Piñeiro, Alfredo García Pinal, 1989): 18.899 espectadores
Días de voda (Juan Pinzás, 2002): 38.579 espectadores
Pradolongo (Ignacio Villar, 2007): 17.007 espectadores

dois

Nos últimos meses falouse moito en Galiza do filme Pradolongo, da súa estratexia promocional “porta a porta” e o que podía significar na recuperación e na conquista de espectadores galegos que non acoden habitualmente ás salas de cinema. Non vou entrar agora a xulgar os méritos do filme (na miña opinión, inexistentes), pois do que quero falar é de se é ou non posíbel un audiovisual de noso comercialmente viábel. Hai público abondo no país para alimentar un cinema propio?

A ver, fagamos números. Supoñamos que un filme de moito éxito leva en Galiza ás salas de cinema a uns cen mil espectadores. Iso equivale a uns 600 mil euros de recadación, que descontado o IVE se reparten grosso modo a metade para o exhibidor e a metade para a produtora/distribuidora. Desa caixa total aos produtores pódenlles quedar máis ou menos uns 150 mil euros. Con cifras nesa orde de magnitude un hipotético cinema comercial galego podería soñar con autofinanciarse sen saír do Bierzo de apostar por producións (moi) baratas, que hoxe en día son factíbeis, mais non con orzamentos que ocupan sete díxitos. E se ben é certo que hai subvencións directas outorgadas por institucións como a Consellería de Cultura ou o ICAA grazas ás cales son posíbeis proxectos que doutra maneira non existirían, non debemos esquecer que esas políticas de apoio están para estimular unha actividade, non para mantela a toda costa. É dicir, como resultado dun sistema de axudas ao cabo dun tempo prudente debe agromar unha industria sólida e autónoma, deben adquirir oficio e experiencia os profesionais de talento, que os hai, e deben aparecer froitos de calidade. As axudas á creación de produtos culturais non se convocan para pagar oficinas nin para soster artificialmente estruturas e modelos inservíbeis: as axudas están para xerar obras que respondan a criterios culturais, e non a valores e intereses financeiros. Non o digo eu, dío a Comisión Europea.

A mellor saída para o cinema galego é facer produtos que poidan venderse fóra. E fóra non significa unicamente Madrid, senón tamén o estranxeiro. Un exemplo actual interesante é o de Rumanía, cinematografía emerxente que nos últimos anos sorprendeu con obras tan valiosas como A morte do señor Lazarescu, recén editada en DVD en España, ou a (amarga) comedia 12:08 ao leste de Bucarest. En maio de 2007 o filme 4 meses, 3 semanas e 2 días (que a min non me entusiasma) proxectouse con gran éxito de crítica no Festival de Cannes, tanto que na véspera de levar a Palma de Ouro xa estaba vendida a unha morea de países (o premio serviu, con certeza, para que as contas fosen aínda mellores). O filme de Cristian Mungiu custou arredor de 600 mil euros (a metade que Pradolongo, para facérmonos unha idea). O prezo de compra polas distribuidoras dunha produción deste tipo, a concurso en Cannes, andará entre os 75 e os 150 mil euros: unhas cantas ventas internacionais deixan a película pagada.

Hai moito que matizar, non o nego, e é evidente que o número de filmes que pasan polos festivais máis importantes (os grandes escaparates do cinema mundial) é limitado, así que "non todos van chegar aí". Asumindo eses feitos, a pregunta segue sendo a mesma: que é máis rendíbel cultural e economicamente falando, apostar pola calidade e intentar crear produtos competitivos nos mercados internacionais (e xa que non podemos facer The dark knight, fagamos Kiarostami), ou optar por un cinema popular inzado de referencias locais e dificilmente exportábel? En Rumanía parecen telo claro.

2008-09-09, 23:38 | 6 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/59372

Comentarios

1
De: Martin Pawley Fecha: 2008-09-10 00:17

Matiz importante: a billeteira dos cinemas non é a única fonte (e depende dos casos nin sequera a principal) de amortización dun filme, cuxa vida esténdese na comercialización de DVDs, nos canais de pago, na venta de dereitos de emisión ás televisións en aberto, etc. En calquera caso, convén lembrar que en xeral esas outras canles son máis exitosas canto mellor funcione o filme nas salas. É dicir, véndense mellor os DVDs das películas que antes pasaron con fortuna polos cinemas, e ao revés: un fracaso estrepitoso pode acabar maquillando os seus resultados grazas ao DVD e a televisión, mais dun fiasco inicial ben gordo dificilmente vai acabar nacendo logo un éxito.



2
De: zerovacas Fecha: 2008-09-10 20:33

Un apuntamento: nas cifras que difunden as produtoras de Pradolongo (ao redor de 40 ou 45 mil espectadores) creo que inclúen o público das proxeccións ao aire libre e os pases gratuitos (http://www.ferrol.es/ampliar.aspx?id=3330)



3
De: Martin Pawley Fecha: 2008-09-10 21:19

Si, si, as contas pódense botar de moitas maneiras, e podemos facer estimacións xenerosas de canta xente había nunha praza vendo un filme, mais o dato oficial de espectadores é o que dá o Ministerio.



4
De: danielo Fecha: 2008-09-16 16:59

Teño lido que cando fixeron Pradolongo querían facer un cinema baseado en feitos locais, pero extrapolables a calquer rincón do mundo (amor xuvenil, protección do medio...) ou de Europa... Non a vin, así que non sei se o conseguiron ou non? Entendo que non.

O que si é certo é que esa promoción porta por porta da que falas, non debe ser desvotada. Por que? Porque tan importante é para a sociedade galega que "catro actoriños e directoriños" (a industria do audiovisual) podan vivir de puta madre exportando os seus filmes, como que haxa historias que cheguen á xente e que se facilite o seu acceso.

Se cadra habería que buscar a fórmula para revalorizar esas exposicións locais, e televisivas a nivel máis local. E afondar na reducción de custos de producción.

As dúas vías, a túa proposta e a "proposta Pradolongo" con baixo custo parecenme saídas dignas.



5
De: Martin Pawley Fecha: 2008-09-16 17:59

O problema é que Pradolongo non é un filme de baixo custo. Non é cara, mais parece claro que hoxe en día é posíbel facer filmes moi por debaixo do seu orzamento oficial.

Eu non teño nada en contra de que exista un cinema popular, mais si creo que hai que ter ben claras as dimensións do país. Ese esforzo "porta a porta" consegue que o filme chegue a vinte, trinta, corenta mil persoas, sendo moi moi xenerosos. E non sería mellor emitilo directamente pola televisión, é dicir, enfocar esa produción de autoconsumo cara a(s) pequena(s) pantalla(s), onde o número de espectadores pode ser cinco ou seis veces superior?



6
De: Marián Be. Fecha: 2008-09-19 13:45

Eu penso que o fundamental dunha película é que teña algo que contar. Os orzamentos e os cartos deberían ir despois. Se primeiro pensamos no rendemento nunca lograremos facer un cinema de calidade, cunha linguaxe propia. Cando hai unha historia, dunha forma ou outra, chegará ós espectadores. De pouco vale que chegue se despois o único que queda é a decepción e a mala imaxe do que fai o noso audiovisual.



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 38.107.191.95 (5458a05618)
Comentario

tradución automática: es pt



















os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com



Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet

O sistema de comentarios está á disposición dos leitores de "días estranhos" exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley