A fama chegoulle moi noviña, antes de cumplir os vinte. A carreira de
Anita Page (por verdadeiro nome Anita Pomares) comezou no cinema mudo, onde acadou éxitos notábeis coma
Our dancing daughters, xunto a Joan Crawford, coa que volveu coincidir noutros dous filmes,
Our modern maidens e
Our blushing brides. Foi compañeira de reparto de
Ramón Novarro,
Lon Chaney e
Buster Keaton, e apareceu en
The Broadway Melody, o primeiro filme sonoro gañador do Oscar. Entre os directores cos que traballou figuran nomes senlleiros coma os de
Mervyn LeRoy,
Jack Conway,
Richard Thorpe,
Sam Wood,
W. S. van Dyke e
Clarence Brown.
Cando en 1933 acabou o seu contrato coa MGM, a produtora negoulle un aumento salarial e ela decidiu retirarse do cinema, con apenas vinte e tres anos (moito tempo despois, nunha entrevista en 2004, apuntou como razóns o seu rexeitamento ás insinuacións sexuais de Irving Thalberg e Louis B. Mayer). As súas aparicións posteriores en pantalla cóntanse cos dedos, aínda que curiosamente esténdense no tempo até a actualidade, o que facía dela unha das pouquísimas actrices en activo cuxa carreira arrancou na época silente.
Faleceu o pasado sábado na súa casa de Los Angeles, aos 98 anos de idade.
¶