“Non penso no futuro, senón máis ben en xubilarme. Xa non teño enerxía para continuar. Tampouco me atrevo a dicilo con seguridade. A posibilidade de rodar outra vez nunca está pechada de todo”. Despois de case seis décadas de traballo ininterrompido, o director Jean-Marie Maurice Scherer, coñecido polo seu alcume “
Eric Rohmer”, apuntaba o remate da súa carreira nunha entrevista concedida en xullo de 2007
a Carlos F. Heredero. O hedonismo inocente e bucólico de
O romance de Astrea e Celadón marcaría así o final dunha filmografía estensa e coherente, ao longo da cal o cineasta soubo definir un estilo característico e moi recoñecíbel, sobrio e cálido, con gusto polas composicións de evocación pictórica e as longas conversas de forte carácter naturalista. Unha obra, a de Rohmer, acolledora e confortábel, na que é doado permanecer a gusto.
Nacido en Tulle, Francia, en 1920, Eric Rohmer comezou a facer cinema na década dos 50, despois dunha primeira tentativa como novelista. Foi redactor xefe da revista
Cahiers du Cinema entre 1957 e 1963, nos anos decisivos do debut de directores que logo se revelaron indispensábeis, como
Jean-Luc Godard,
Claude Chabrol ou
François Truffaut, exemplos dunha “Nouvelle Vague” que ten ao propio Rohmer como unha das súas figuras esenciais.
A coleccionista, Premio Especial do Xurado no Festival de Berlín de 1969, supuxo o lanzamento internacional definitivo para o autor, que xa coa súa seguinte longametraxe,
A miña noite con Maud, competiría no Festival de Cannes e mesmo chegaría a acadar dúas candidaturas ao Oscar, como guionista e na categoría de mellor filme en lingua non inglesa.
Moitas das películas de Rohmer agrúpanse formando ciclos que comparten unha certa unidade de argumentos e intencións. A programación de setembro do Fórum Metropolitano revisa dous dos máis celebrados, os
“Contos morais”, variacións sobre o tema do home que se debate entre a muller que ten por parella e outra que aparece na súa vida (
La Boulangère de Monceau,
La Carrière de Suzanne,
Ma nuit chez Maud e
La genou de Claire) e as
“Comedias e proverbios”, inspiradas por unha frase ou máxima que forma parte da sabiduría popular (
Le beau mariage,
Pauline à la plage e
L'Ami de mon amie), así como dúas curtametraxes da súa primeira época,
Charlotte et son steak e
Nadia á Paris.
Sala Fernando Rey: programación de setembro de 2008
Fórum Metropolitano, r/ Río de Monelos, s/n, 15006 A Coruña
4 e 5 de setembro:
A carreira de Suzanne (La Carrière de Suzanne, 1963). 52 min. B/N. VOSE.
6 de setembro:
A panadeira de Monceau (La Boulangère de Monceau, 1962). 26 min. B/N. VOSE //
O amigo da miña amiga (L'Ami de mon amie, 1987). 1h38min. Cor. VOSE.
11, 12 e 13 de setembro:
Charlotte e o seu filete (Charlotte et son steak, 1960). 12 min. B/N. VOSE //
A boa voda (Le beau mariage, 1981). 1h37min. Cor. VOSE.
18, 19 e 20 de setembro:
Nadia en París (Nadia á Paris, 1964). 13 min. B/N. VOSE //
Pauline na praia (Pauline à la plage, 1982). 1h34min. Cor. VOSE.
25 e 26 de setembro:
A miña noite con Maud (Ma nuit chez Maud, 1968). 1h50min. VOSE.
27 de setembro:
O xeonllo de Claire (La genou de Claire, 1970). 1h45min. VOSE.
Horarios: xoves ás 20.30, venres ás 20.30 e 23, e sábados ás 17.30 e 20.30.
¶