caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Unha muller na Lúa
> Unha muller na Lúa <



Este mércores proxectan no CGAI Frau im Mond, o derradeiro dos filmes mudos que dirixiu Fritz Lang, en 1929. É un filme fantástico ben coñecido por ser o que introduciu a conta atrás no lanzamento dos cohetes espaciais, idea que foi logo recollida nas misións reais moitos anos despois. A esta película pioneira non lle podemos pedir coherencia científica; antes polo contrario, é un encantador disparate que visto hoxe resulta intensamente entrañábel. Mentres o cohete despega, cóase nel un rapaz que podería formar parte das futuras xuventudes hitlerianas, cun certo ar tintinesco, é dicir, un bocadiño repelente. Os astronautas, que van vestidos como para un pic-nic no Tirol, descobren ao pousaren na Lúa que alí se respira divinamente porque hai osíxeno, e un dos membros do equipo, o típico científico visionario ao que todos tomaban por louco, mesmo se anima a ir na procura de auga armado cunha vara de meigo. Nunha escena explícase que no cohete non hai gravidade mais iso debe ser só por momentos, pois ás veces camiñan por el como se estivesen nun salón-bar, tomando unha copa. En fin, hai un feixe de situacións que lle darían a Miguel Barral para facer un longo artigo, mais non por iso deixa de ser unha obra gloriosa, como era habitual no seu director.

O máis significativo do filme, que xustifica ademais o seu título, é a presenza dunha muller no equipo que vai á Lúa. De feito, boa parte da fita xira arredor do clásico conflito amoroso entre a intrépida dama, o home co que vai casar e outro que está secretamente namorado dela. Ao final, este último sacrificarase a ficar el só na Lúa despois de que un accidente limite seriamente as súas reservas de osíxeno e impida o regreso de todos á Terra. Deixará marchar á aparentemente feliz parella, mais para a súa sorpresa ao final ela tamén se decidiu a ficar alá, e cando se ven danse unha aperta como se se acabasen de atopar paseando polos xardíns dun balneario. Un final gozoso, non me negarán.

"Unha muller na Lúa", o mércores 30 ás 20:30 no Centro Galego de Artes da Imaxe da Coruña.

2008-07-28, 22:16 | 2 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/58721

Comentarios

1
De: David_Holm Fecha: 2008-07-29 13:36

Frau im Mond é un filme especial, particular, non tan exento desa coherencia científica coma poida parecer (tivo asesoramento científico detrás). Para min si que podemos falar de Frau im Mond coma dun filme de ciencia ficción en contraposición co filme fantástico de Méliès, Le voyage dans la Lune, entre outras cousas porque Méliès non pretendía facer ciencia ficción en absoluto (nunca lle interesou a parte verosímil das historias).

O máis interesante da cinta creo que é a motivación, o que se achegou máis á realidade. Está moi ben iso de explorar, chegar onde ninguén antes chegara, descubrir, experimentar... pero no filme o que leva ao ser humano a pousa-los pés no satélite é o ouro agochado na cara oculta (se se rodara hoxe en día, a bo seguro que se mudaría o elemento a procurar, polo Helio 3). Coma sucedería 40 anos despois na ficción real, o que levou alí arriba a Neil Armstrong e compaña, foi un fin estratéxico, militar, económico en definitiva.

Frau im Mond non xurdiu lonxe de Metropolis (que tras varias décadas se poderá gozar nunha metraxe case idéntica á orixinal), xa no hoxe en día convertido en filme de culto, pretendíase que os protagonistas viaxaran á Lúa.

Sobre o final (igual o seu sería non desvela-lo cando se está a invitar a asistir á súa proxección), xa comentei noutros lugares, que o do Armageddon do inefable Bay, é unha copia detallada deste.

A tradución do título ao galego creo que é desacertada, case coma aquilo dun "That's one small step for man; one giant leap for mankind", onde Neil esqueceu o artigo (ou este perdeuse no camiño á Terra). Neste caso pasou o contrario, porque non é o mesmo "A muller na Lúa" ca "Unha muller na Lúa".

Saúdos



2
De: Ferdinand Von Galitzien Fecha: 2008-07-29 20:32


Coma estamos en tempo estival, unha época máis despreocupada do normal ( dentro da anormalidade ), pra as clases aristocráticas, asemade indicar que ámbolos vostedes dous, melenudos practicantes, xa fixeron comentários encol de "Frau In Mond" moi pertinentes, permíntanlle unha maldade á este Herr Graf e comentar que durante os tempos da República de Weimar, nos círculos aristocráticos lóxicamente cheos de malas línguas, dicíase que o feito de que Herr Lang permitise a licenza pouco científica de que na lúa se "respirase divinamente", foi motivada polas esixencias estéticas da súa protagonista feminina, Dame Gerda Maurus, e así poder lucir sen complicacións o seu teutónico peinado polos cráteres do devandito satélite... excusa dicer o que aconteceu có vulgar e ordinario casco espacial, natürlich!!...

Herr Graf Ferdinand Von Galitzien



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.198.52.8 (b2f138890d)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley