caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Le comigo
> Le comigo <

Fixéronme un cuestionario para Praza das Letras, e isto é máis ou menos o que respondín:

Cal foi o primeiro libro galego que liches?
Direi dous porque non recordo cal foi antes. Son O misterio das badaladas e A nosa cinza, escritos por dúas persoas, Xabier Docampo e Xavier Alcalá, aos que ademais agora teño por amigos e veciños. Falo do ano 86 ou 87, cando practicamente a única colección [de LIX galega] que había era a de Vía Láctea.

E un libro que fose especialmente importante na túa vida?
Os dous de Alicia de Lewis Carroll, Alicia no país das marabillas e A través do espello, que seguen sendo os meus libros de cabeceira. Logo destacaría tamén os de Sherlock Holmes de Conan Doyle, que mercaba nunhas edicións pequerrechas de Molino; e a novela negra, por exemplo Colleita Vermella de Dashiell Hammett. Tamén Dickens, mesmo os seus textos máis coñecidos, como Canción de Nadal, que creo que é preciso reler cunha óptica distinta. Hai versións cinematográficas que tamén contribuíron a unha mala interpretación do texto.

Que libro che gustaría ler en galego?
O que menos hai: ensaio de divulgación científica, ou libros sobre cinema. Se teño que dicir un título, escollería Que é a vida?, de Erwin Schrödinger.

Cal pensas que podería ser un referente para a xente cativa e nova?
Para os nenos, calquera de Gianni Rodari, pois sabía escribir fantasía con naturalidade e humor. Detesto o ton didáctico de moitos libros infantís, esa inercia de querer comerlle a orella aos cativos. Hai que escapar dos tópicos e da corrección política. E Rodari facía xustamente iso, unha literatura libertaria, recomendábel tamén para adultos, sobre todo a imprescindíbel Gramática da fantasía. Para os mozos é máis difícil porque o vexo máis como unha descuberta persoal. Hai rapaces que aos catorce anos poden estar lendo Crime e castigo, e outros á mesma idade están cos libros das W.I.T.C.H.. De citar a algún autor galego, recomendaría o que fai Marcos S. Calveiro.

Que libro te acompañará no verán?
Varios. A última novela de Caneiro, porque teño que escribir unha crítica; Festina lente, de Marcos S. Calveiro, que presentarei con el tres veces este verán, e Os grouchos, de Manuel Rivas. Tamén un libro de divulgación científica que me acaban de agasallar, o Gödel, Escher, Bach, co que Douglas Hofstadter obtivo un premio Pulitzer nos 80.

Algún que elixirías como agasallo para as vacacións estivais dos amigos?
Os dous títulos que máis levo agasallado este ano son O xiro postal, de Ousmane Sembène, e Jesus Betz, un álbum ilustrado de gran formato feito por Fred Bernard e François Roca, e que editou en español o Fondo de Cultura Económica.

Como crítico de cinema, algunha obra literaria que che gustaría ver na pantalla?

Hai moitos clásicos moi ben levados ao cinema, como poden ser As uvas da ira e O soño eterno, pero gustaríame ver algunha adaptación máis experimental, como Profit motive and the wispering wind, un documental de John Gianvito inspirado no libro La otra historia de los Estados Unidos, de Howard Zinn, publicado e español por Editorial Hiru. En galego este ano imos ter A casa da luz, sobre o libro de Xabier Docampo. Nesa liña de levar ao cinema a literatura infantil e xuvenil eu propoñería unha adaptación de Rinocerontes e quimeras, aínda que sería moi complicado.

2008-06-29, 17:47 | 0 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/58284

Comentarios

Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.166.238.61 (01bd5c8f63)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley