caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Indielisboa 2008
> Indielisboa 2008 <

Aquí vai outro artigo meu para o número 5 da Revista do Audiovisual Galego:

En tan só cinco edicións o Festival de Cinema Independente de Lisboa conseguiu erixirse no máis importante dos que se celebran no país veciño, non xa atendendo ao innegábel éxito de público, senón tamén á luz do exquisito criterio que guía aos seus directores, Miguel Valverde, Nuno Sena e Rui Pereira. O Indielisboa vén sendo o irmán pequeno doutros festivais de referencia coma Rotterdam, Gijón ou Buenos Aires, cos que comparte unha curiosidade incansábel pola creación contemporánea.

Non son poucas as coincidencias programáticas entre todos eles, o cal limita, é certo, o descubrimento de grandes novidades, mais tamén permite o desenvolvimento dunha especie de “star system” autoral, con nomes que circulan de boca en boca ao redor dos cales medra unha indiscutíbel expectación cinéfila. É o caso de John Gianvito e o seu Profit motive and the whispering wind (Motivo de lucro e o murmurio do vento), un deslumbrante documento de espírito straubiano que revisa a historia da loita polas liberdades e os dereitos civís nos Estados Unidos e rende un tributo silencioso e sentido aos que a fixeron posíbel. Enterramentos, lousas e estatuas conmemorativas son o obxectivo principal dun traballo revolucionario e cheo de vida que escolle como retrouso imaxes do vento a zoar entre as ramas das árbores.

Denso, rigoroso e científico é Staub (Pó), de Hartmut Bitomsky. O director alemán comeza lembrando que o pó e o obxecto máis pequeno que pode quedar rexistrado nun fotograma, para ir logo na súa procura por fogares, laboratorios e museos, convertíndose en testemuña da incansábel e con frecuencia inútil pelexa do home contra esas minúsculas partículas das que sempre acaba por quedar algún rastro. Resolto con deliberado distanciamento, Staub é un filme fermoso e profundo cuxa inesgotábel riqueza se propaga nunha morea de direccións.

Non estiveron á altura desexada as películas a concurso. O xurado outorgou o Grande Premio Cidade de Lisboa a un empachoso pasteliño, Wonderful town, do tailandés Aditya Assarat. A película, rodada nunha pequena vila arrasada polo catastrófico tsunami de decembro de 2004, narra de maneira relambida o namoramento dun arquitecto que traballa na reconstrución dun hotel e a dona da pensión na que se aloxa. Para esquecer esta oda mexericas ao amor lánguido, nada mellor que as películas do homenaxeado Johnnie To, prolífico director hongkonés que fai cinema de xénero cun exquisito refinamento estilístico, ou a do outro “herói independente” deste ano, José Luis Guerín, en especial En la ciudad de Sylvia, repousada e fermosa obra mestra para mirar e escoitar que tivo no Indie a súa premiere portuguesa. A listaxe de retrospectivas complétase coa mostra dedicada ao cinema romeno actual, na que puideron verse traballos de Cristi Puiu, Corneliu Porumboiu e Cristian Mungiu anteriores aos que lles deron fama nas últimas edicións do Festival de Cannes.

A austera beleza e emoción de Killer of sheep, filme de culto dirixido por Charles Burnett que nos chega con trinta anos de retraso; a imaxinación da galega Peque Varela para contar en oito minutos a construción da identidade dunha rapaza na espléndida 1977”, ou a provocadora mestura de humor e información que demostran Isabella Rossellini e Jody Shapiro en Green porno, serie de curtísimas pezas que exploran as prácticas sexuais de diferentes bechos, son outros dos grandes momentos que nos deixou o Indielisboa, verdadeira festa do cinema que se beneficia da engaiolante efervescencia dunha cidade acolledora e luminosa.

2008-06-27, 13:01 | 0 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/58230

Comentarios

Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.156.90.21 (687e7f7a15)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley