Non son o único que o pensa: o mellor Manuel Rivas é o Rivas xornalista, aínda que logo sexa capaz de facer
unha obra mestra da novela con tal de levarnos a contraria. Ninguén coma el sabe escribir o relato deste país e deste tempo, en textos
gloriosos que levan a súa inconfundíbel pegada, intelixente e retranqueira. O luns presentou na
libraría Ler de Santa Comba o seu novo libro,
Os Grouchos, compilación dos artigos publicados nas
paxiniñas de
El País, e alá fun eu, atendendo ao amábel convite de
Edicións Xerais. Botei o día enteiro con Rivas e con
Xosé Manuel Pereiro; compartín con eles viaxe de ida e viaxe de volta e gocei co privilexio da súa conversa boa e xenerosa. Nos vindeiros días irei subindo imaxes da xornada, mais para empezar aquí lles deixo -lixeiramente
desanamorfizada para non perder o costume- a lectura que Rivas fixo á mañá na presentación para a prensa d'
O decálogo do galego que abre o volume a maneira de pórtico:
Pola tarde foi Josito quen deu lectura ao texto:
E aquí lles queda o decálogo por escrito, por se se animan a gravar vostedes mesmos a súa versión e colgala en Internet:
O decálogo do galego
1. O paraíso tamén está en Galicia. Non é chauvinismo. Por que imos ter menos autoestima que as inmobiliarias? O que lle fai falta a este país é unha man de pintura coas cores das dornas e un azul de Patinir.
2. Somos fillos da vieira. É dicir, de Venus. En Santiago está soterrada unha deusa adolescente e o Camiño de Santiago foi sempre o da fertilidade, o da comitiva de Dionisio, usurpado pola burocracia do Santo Oficio e a multinacional das Indulxencias.
3. Somos do partido do riso. Aquí, os mortos pásano ben. Chegará un día en que en lugar de crego pediremos un mariachi que cante
Pero sigo siendo el rey!
4. Somos larpeiros, a moita honra. Sempre nos din: "Nada de caramelos agora. Cando non teñades dentes, xa comeredes todos os que queirades". Pois imos comer cos dentes as Pedras todas de Santiago.
5. Temos vontade de estilo. Facemos ben o mal e mal o ben.
6. Temos unha lingua propia, moi lírica, moi lercha. E un acento con moitas curvas, afrodisíaco.
7. Somos moi de aldea: só nos interesa o planeta Terra e a estreliña do luceiro, compañeiriña da lúa.
8. Somos sentimentais, que pasa? A ver quen ten collóns a chorar como choramos nós!
9. Disque temos unha ironía británica. Mais o noso himno nacional, coa letra d'
Os pinos, supera en todo o
God save the Queen.
10. Seremos os últimos en marchar deste lugar. Chegaremos tarde ao Xuízo Final.
Manuel Rivas
para saber máis:
274 quilómetros por unha débeda con Manuel Rivas (Jaureguizar)
De Grouchos e Harpos (Calidonia)
O decálogo, nos blogs de
Folerpa,
Pablo Carballada e
Manuel Rivas (Uz).
¶