O meu artigo no número 4 da Revista do Audiovisual Galego:
Na outra beira das augas grandes (I)
Un tópico ben estendido atribúelles aos críticos unha inevitábel tendencia a falar de cineastas exóticos sempre que poden, xente de obra case invisíbel, só ao alcance duns poucos privilexiados. Se un revisa, porén, as relacións dos mellores filmes de 2007 que apareceron nunha morea de publicacións hai unhas semanas descobre que a maior parte dos títulos citados coñeceron unha distribución máis ou menos normal e están feitos por autores ben coñecidos, moitos deles norteamericanos. As películas de David Lynch, Gus van Sant, David Cronemberg, Clint Eastwood ou David Fincher repítense en case todas as listaxes, e estou seguro de que nas que se fagan a finais deste 2008 soarán unha e outra vez os nomes dos irmáns Coen e Paul Thomas Anderson. O abafante predominio do cinema norteamericano nas salas comerciais do noso país fai que agrome ás veces un certo “desprezo global” pola industria ianqui -mesmo desde voces autorizadas e intelixentes, caso do cineasta Albert Serra- contra o que se pode combater expoñendo unha longa serie de brillantes exemplos, mesmo nacidos no seo das grandes produtoras, como é o caso da gloriosa
There will be blood. Nos Estados Unidos hai, por suposto, moitas persoas a faceren grandes películas e a reflexionaren sobre a creación audiovisual. Alí se editan algunhas das publicacións máis destacadas tanto no ámbito da información como no da crítica, e dispoñemos de algúns dos seus contidos en Internet. A rede tamén é o medio onde se expresan centos e centos de afeccionados a través de blogs de gran calidade. Cruzamos desta volta o océano na procura de páxinas sobre cinema en inglés, e deixamos para futuras entregas o repaso ás bitácoras en español e portugués.
A chamada “biblia do espectáculo”,
Variety, leva máis de cen anos contando todo o que se coce na industria do cinema. Unha das editoras, Anne Thompson,
postea a diario na web da revista para achegarnos novas de actualidade e algo de lercheo. Un certo ánimo necrófilo móveme a visitar todas as mañás a páxina de
obituarios do New York Times; unha vez alí, non está de máis pasar polo
blog sobre fotografía que escribe o espléndido documentalista Errol Morris. Na tempada outono-inverno, camiño dos Oscars, é utilísimo ler
Awards Daily, sempre á espreita de todos os premios que outorgan as distintas asociacións de xornalistas e sindicatos de profesionais.
Roger Ebert foi o primeiro crítico de cinema en gañar un Premio Pulitzer, e hoxe é tan popular que mesmo posúe unha estrela co seu nome no mítico “paseo da fama” de Los Angeles. O
Chicago Sun-Times ten reservado
un espazo en Internet para os seus escritos. Alí se publica tamén o semanario
Chicago Reader; un dos seus columnistas, Jonathan Rosembaum, habitual do
Cahiers du Cinema español, colabora no blog
On Film. No
Chicago Reader empezou a escribir Dave Kehr, agora vencellado ao
New York Times, onde publica as súas reseñas de películas editadas en DVD e outras pezas sobre cinema ás que podemos acceder desde
a súa páxina. Exhaustivo é o arquivo de críticas do
New Yorker, revista que na súa edición online inclúe un blog sobre actualidade cultural,
Goings on, que repara de cando en cando na sétima arte. Nesa cidade reside unha importante institución dedicada á divulgación do cinema,
The Film Society of Lincoln Center, que publica a revista bimensual
Film Comment, unha das máis prestixiosas do mundo.
Observations on film art and Film Art é o título do
blog de David Bordwell e Kristin Thompson, da Universidade de Wisconsin. Profesor, pero non de materias relacionadas co audiovisual, é
Girish Shambu, que leva escrito moito sobre películas en publicacións como
Senses of Cinema, por onde tamén pasou Darren Hughes, cuxo blog
Long pauses vai de primeiro na miña listaxe de preferidos. De Tenessee marchamos a San Francisco para atender a axenda cinéfila de Brian en
Hell on Frisco Bay. De regreso a Nova York facemos unha primeira parada en
Invisible cinema para logo rematar a viaxe na
bitácora de Daniel Kasman, que vén de facer crónica do Festival de Berlín no caderno de
The Auteurs' Cinema.
dos arquivos estranhos: Todos críticos /
Cinema na rede /
Todos cineastas?
¶