Muchachote grispálido / Aguerrido mariachi de la nada
Inicio > Historias > Premios Xerais 2008
> Premios Xerais 2008 <

Na intervención que pecha o acto de entrega dos Premios Xerais, o editor Manuel Bragado (que pronunciou catro veces a palabra "beizóns") anuncia que a volta a Cesantes desde a Illa de San Simón vai adiantarse media hora para se axustaren ao que aconsellan as mareas. O recorte de tempo resultou un símbolo perfecto para unha celebración á que chegamos con grandes expectativas, e que finalmente acabou tendo un perfil máis baixo que noutras ocasións.

No vixésimo quinto aniversario dos galardóns foi o primeiro gañador, Carlos R. Reigosa, quen actuou como mantedor literario do acto. O autor de Crime en Compostela homenaxeou á editorial cun discurso austero e algo chato, ben lonxe da impetuosa elocuencia de Teresa Moure do pasado ano, do mesmo xeito que o innegábel bo oficio de Tino Baz tampouco fixo esquecer a marabillosa actuación de Xavier Blanco en 2007 cos seus instrumentos pobres.

Mar Guerra Cid levou o Merlín de Literatura Infantil co libro Xenaro e o misterio da mochilota verde, que ten como protagonista a un neno ao que lle encanta facer de detective e resolver os misterios que acontecen no seu colexio. Ao recollelo definiuse como unha madrileña residente en “La” Coruña, e case pediu desculpas polo seu galego, declaración que quizá non sexa moi oportuna na boca de alguén que acaba de gañar un premio por un texto na nosa lingua. Ao Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil chegara de finalista unha novela magnífica e outra mala como a fame; acabou gañando unha de Marilar Aleixandre, A cabeza de Medusa, que previsibelmente non será nin unha cousa nin a outra. A coñecida autora de novelas de instituto establece paralelismos entre o mito clásico de Medusa e a dramática experiencia dunha rapaza violada ao saír dunha festa nun texto ao que lle poderán poñer por fóra unha faixa que diga “baseado en feitos reais”.

O Xardín das Pedras Flotantes proporciounoulle a Manuel Lourenzo González as honras (e os vinte e cinco mil euros) do Premio Xerais 2008. A súa estensa novela, adobiada de elementos fantásticos e que contén unha morea de historias e relatos xenealóxicos que conflúen no namoramento de dous adolescentes, impúxose ao outro medio cento de candidatos nunha convocatoria que bateu records de participación. Non han de ser moitos os escritores con novela acabada nesta altura do ano que decidisen non enviar o seu orixinal ao Premio Xerais, así que para ben ou para mal o que saia desta edición acabará por ser unha boa referencia do estado de saúde da nosa narrativa.

Acabado o acto formal de entrega, comezou a merenda nos xardíns da Illa de San Simón, un momento sempre gozoso e estimulante pola oportunidade que nos dá de facer tertulia con xente benquerida e/ou admirada. Óscar Villán cóntame que descubriu o cinema de Werner Herzog grazas ao meu blog, feito que para min xa xustifica a existencia destes días estranhos. Lembramos os méritos de Grizzly Man e de Rescue dawn, e eu doulle aviso de The wild blue yonder, que saca fermoso partido de imaxes submariñas e doutras gravadas dentro da Estación Espacial Internacional. Lerchear con Josito e a súa viguesísima compañeira (da rúa Príncipe e con pai ourensán, para que non haxa dúbidas) é xa unha das tradicións inescusábeis deste evento, ao que asiste O'Mestre en calidade de xurado. Avisóvolo xa agora: aí para outubro ou novembro o dream team publica en Anaya e Xerais o libro do ano. Vexo a Manuel Bragado máis relaxado do habitual, e deslumbrante a Celia Torres, tan encantadora coma sempre. Fran Alonso anda coa absurda teima de querer deixar o blog, e Noli -que gran tipo, por certo- non desbota a posibilidade de reabrir o seu (dito sexa de maneira algo tendenciosa). Pregúntolle a Ignacio Chao polos seus intereses astronómicos, e logo seguimos de palique con Marcos e Menchu. A madonna do quattrocento ilumina unha tarde na que tiven tempo para falar co gran Agustín e con An Alfaya, de ver xuntos a Beiras e a Camilo, habituais desta festa, e comprobar que Bernardino Graña está con moito ánimo. Marchamos e aínda era día: asomaba a Lúa e unhas poucas estrelas. Puidemos velas todas cando veu a noite, xa de volta, na casa de Cobas. Insisto máis unha vez: o libro do ano chega en outono. E por máis que me pregunten non lles direi como é a capa.

dos arquivos estranhos: Premios Xerais 2007: An Alfaya e Illa soidade + Conversas na Illa de San Simón. Premios Xerais 2006: A crónica.

2008-06-08, 20:49 | 18 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/57868

Comentarios

1
De: El Preñaputas Fecha: 2008-06-09 14:06

Mar y Marilar se merecen menos desdoro que el que les demuestras. Aunque es una pena que publiquen en el fondo por su enchufe habiendo gente más válida que ellas y sin una oportunidad.



2
De: webensis Fecha: 2008-06-09 14:19

"Ao recollelo definiuse como unha madrileña residente en “La” Coruña, e case pediu desculpas polo seu galego, declaración que quizá non sexa moi oportuna na boca de alguén que acaba de gañar un premio por un texto na nosa lingua"

Esa frase ha estado a punto de rozar lo xenófobo. Bien contenido, Martin ;o)



3
De: Martin Pawley Fecha: 2008-06-09 14:26

En absoluto, webensis. O problema non é que sexa de Madrid (outra das gañadoras, Marilar Aleixandre, tamén o é), senón que o diga explicitamente como argumento para xustificar a súa posíbel torpeza lingüística (que eu non percibín, dito sexa ao paso). O que me sorprendeu da afirmación de Mar Guerra é que calquera malpensado podería sospeitar a partir desa confesión de limitada destreza co galego que o seu libro foi escrito en español e traducido á nosa lingua coa colaboración de mans amigas. Non é así, claro. Supoño que todo foi cousa dos nervios.



4
De: Martin Pawley Fecha: 2008-06-09 14:41

Por outra parte, non creo en absoluto que Mar e Marilar "publiquen por su enchufe" (no caso de Mar esta é ademais a súa primeira novela). Que non goste o máis mínimo do que escribe Marilar non quita que lle recoñeza habilidade, e unha innegábel sona como escritora ao longo dos anos. Marilar ten obra traducida a outras linguas, por exemplo, cousa que non todos os escritores poden dicir.



5
De: webensis Fecha: 2008-06-09 14:54

"Supoño que todo foi cousa dos nervios".

O a lo mejor simplemente es sinceridad: cree que aún no habla suficientemente bien el gallego y pide disculpas, como haría cualquiera. E ingenuidad: no se imagina lo retorcidos que pueden llegar a ser algunos con esto de las lenguas.
Esta mujer tiene toda mi admiración: viene de Madrid, aprende a vosa lingua, publica un libro en gallego y gana un premio "importante". Enhorabuena para ella, y que pase ampliamente de las habladurías palurdas.



6
De: Martin Pawley Fecha: 2008-06-09 15:23

Noraboa, por suposto. O que non vexo eu é necesidade de "desculparse" por non falar ben unha lingua, esta ou calquera outra: o valioso é intentalo, non conseguir unha escrupulosa corrección. Mar leva ademais vivindo en Galiza vinte anos, tempo abondo para ser quen a decidir con total liberdade se quere falar e escribir en español, en galego ou no que lle pete.



7
De: amara orzania Fecha: 2008-06-09 16:17

Unha vez metida nos teus días estranhos, confeso que me encanta pasear por eles. Verdadeiramente, inda que no meu caso como crítico nos estiveches en certos e concretos puntos o que se dí moi atinado,(prefiro un fusilameto á condescendencia con tufo paternalista) reconciliome contigo, pois admiro sen recato a túa boa pluma. Sinceros parabens polo teu blog, Pawley. Sinto que a miña timidez impedírame achegarme a ti, e intercambiar saúdos na festa de san Simón.Tendo coma te tiven tan, tan a tiro.



8
De: El Preñaputas Fecha: 2008-06-09 16:24

Pawley, has ligado. Se alza presto el fin de tus años sin mojar otra cosa que no sea el gaznate con moet chandon mientras escuchas música austroeslovaca.



9
De: El Preñaputas Fecha: 2008-06-09 16:29

Mira, mira, qué guapa es tu nueva novia, con la que podrás tener gafapastitos.

http://www.xerais.es/cgi-bin/html_generados/aut_ilus_100022073_44.pl



10
De: Mar Guerra Fecha: 2008-06-09 18:39

Só unha achega: o que quixen dicir ao amosa-lo meu pasmo pola concesión do premio Merlín (a unha madrileña, si -que lle vou facer-, mesmo residente en "La" Coruña, isto é, nunha cidade onde non se fala galego case que endexamais) é que, pensaba eu, ten que haber autores galegos (de orixe) con máis habilidade ca min para contar boas historias. Ao que se ve, trabuqueime, posto que fun eu a gañadora; ou mellor, o meu texto. Que queres que che diga, por unha parte, ben que me alegro de que o xurado non atopase nada mellor...



11
De: Martin Pawley Fecha: 2008-06-09 18:40

Tremenda elegancia, si señor, tanto o comentario coma o pseudónimo.



12
De: Martin Pawley Fecha: 2008-06-09 18:45

O de que en "La" Coruña non se fala galego nunca, é tema que poderiamos discutir (a miña percepción como residente nesta cidade desde hai máis anos que vinte é moi distinta). E que vostede nacera en Madrid, coma Marilar (igual que Xavier Alcalá naceu en Miguelturra, por exemplo) é totalmente irrelevante: a literatura ten que ver coa lingua que se emprega, non co berce onde un durmiu de cativo.



13
De: Mar Guerra Fecha: 2008-06-09 18:49

Grazas, Pawley. Sabía que o ías entender. Pero que lle ves ti ó meu pseudónimo? Non é tan malo.



14
De: Martin Pawley Fecha: 2008-06-09 18:52

É dicir, que se o xurado decide que o seu libro é o mellor -e con algún dos seus membros falei o sábado- non hai nada máis que engadir. Parabéns polo seu triunfo, Mar, que agardo sexa o primeiro de moitos. Cando se publique o libro, xa lle contarei o que me parece; pode estar ben segura que o lerei con interese, igual que o de Marilar.



15
De: Martin Pawley Fecha: 2008-06-09 18:53

Non, non, o da elegancia non ía precisamente polo seu comentario, Mar ;-)



16
De: Mar Guerra Fecha: 2008-06-09 19:08

Síntoo. A inmediatez dos blogs as veces crea certa incomunicación. Tanto ten. Só quería deixar constancia de que, aínda que así pareceu, non pretendía pedir disculpas. Pero que aínda así igualmente penso que foi unha sorte incríble acada-lo premio. Se é merecida ou non, en efecto, terá que xulgalo vostede. E por suposto, teño moitísimo interese en saber se paso esa proba... Xa veremos. Agardarei a súa opinión (e perdoe o tuteo, teño moi malos costumes).



17
De: X Fecha: 2008-06-14 19:47

Pois teremos que agardar ao outono aínda que sexa un fastidio que no verán sempre hai máis tempo.
Por certo, é tal o seu ritmo de publicación que non dou lido, xa me dirá como fai. Saúdos.



18
De: Luis Cerdeiro, mascota do Xabarim Clube (oink) Fecha: 2008-06-15 18:43

Poñendo a primeira merda que atopa, coma sempre. Este Paw... Pa-pa-pa-w-ma-mao, pa-pa-w-ma-mao.



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 38.107.191.93 (dcc1211700)
Comentario

tradución automática: es pt



















os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com



Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet

O sistema de comentarios está á disposición dos leitores de "días estranhos" exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley