“A comedia é simplemente unha maneira divertida de ser serio”. Atribúeselle esta frase ao actor
Peter Ustinov, que describía dese xeito conciso a forza dun xénero que desde sempre serviu para expresar grandes verdades. O humor esnaquiza as nosas barreiras intelectuais e dilúe os nosos prexuízos, até deixarnos dispostos para calquera cousa, impulsados pola enerxía alegre e liberadora dun sorriso. Mellor aínda en boa compaña: poucas cousas unen tanto como unhas boas gargalladas compartidas.
O paro e o problema da vivenda asoman ao fondo de
Un buen día lo tiene cualquiera, de Santiago Lorenzo, revisión da comedia social clásica que camiña unha e outra vez cara o esperpento.
12:08, ao leste de Bucarest, de Corneliu Porumboiu, recibiu a Cámara de Ouro no Festival de Cannes de 2006, un importante paso na recuperación da cinematografía romena, que o ano anterior coñecera o éxito da sublime
A morte do señor Lazarescu (Cristi Puiu, 2005) e máis recentemente o espectacular triunfo internacional de
Catro meses, tres semanas e dous días (Cristian Mungiu, 2007). A
excelente película de Porumboiu explora de maneira traxicómica a Rumanía actual a través de dous cidadáns que acoden a un debate na televisión para falar da caída de Ceaucescu, acontecemento que afirman ter vivido en primeira liña; o problema vén cando os espectadores empezan a chamar para daren unha versión dos feitos moi distinta.
O filme
Pasqualino Settebellezze converteu a Lina Wertmuller na primeira muller en obter unha candidatura ao Oscar na categoría de mellor dirección. En
Ferdinando e Carolina retrocede á luxosa corte napolitana do século XVIII para espiar as intimidades do matrimonio de conveniencia entre María Carolina de Austria e Fernando I de Borbón, pola mesma época na que Laurence Sterne publicaba a célebre
The Life and Opinions of Tristram Shandy, Gentleman. Unha novela inadaptábel da que se vale Michael Winterbottom para reflexionar sobre o cinema e o seus profesionais na divertidísima
A cock and bull story, protagonizada con lúcida ironía por un Steve Coogan en verdadeiro estado de graza.
ciclo "sorrisos europeos"
8, 9 e 10 de maio: Un buen día lo tiene cualquiera (Santiago Lorenzo, 2007)
15, 16 e 17 de maio: A fost sau n-a fost (12:08 ao leste de Bucarest) (Corneliu Porumboiu, 2006)
22, 23 e 24 de maio: Ferdinando e Carolina (Lina Wertmuller, 1999)
29, 30 e 31 de maio: A cock and bull story (Michael Winterbotton, 2005)
Sala Fernando Rey (Fórum Metropolitano, r/Río de Monelos s/n, Parque Europa, A Coruña). Horarios: xoves, 20:30; venres, 20:30 e 23:00; sábado, 17:30 e 20:30. Entradas: 3 euros (carné xove e maiores de 65 anos, 2 euros). Abono 5 películas: 12 euros. Venda na billeteira: media hora antes de cada sesión. Venda antecipada: no ambigú do Fórum, de luns a venres de 10:30 a 13:30 e de 16:30 a 19:30; na Praza de Ourense, de luns a xoves de 9:30 a 13 e de 16:30 a 19:30, venres de 9:30 a 13.
dos arquivos estranhos: cinema no fórum: adaptacións literarias
¶