caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > O tubo de Rubens
> O tubo de Rubens <

Onte celebrouse na Coruña o Día da Ciencia na Rúa, unha xornada festiva a prol da divulgación e o pensamento crítico organizada un ano máis, e xa van trece, pola Asociación de Amigos da Casa das Ciencias. Botei case todo o día na jaima da Agrupación Io, mais por suposto aproveitei para dar unha volta polo Parque de Santa Margarita e mirar o que se cocía noutras carpas, entre elas a do Museo Nacional de Ciencia y Tecnología, que debutaba na nosa cidade amosando pezas da súa colección vencelladas coa orixe do cinema. Os protagonistas do Día da Ciencia na Rúa, en calquera caso, son os rapaces dos centros educativos, que dedican esforzo e tempo a preparar actividades e explicárnolas aos asistentes.

Unha das cousas máis rechamantes este ano foi o tubo de Rubens que trouxeron os alumnos do Colexio Marista Cristo Rey. O experimento é tan sinxelo como impactante. Nun tubo longo facemos pequenos buratos aliñados, e tapámolo nos dous extremos; conectamos un deles cunha botella de gas que actuará como combustíbel, e polo outro colocamos unha membrana elástica que vibra sacudida polo son dun altofalante. Enchemos o tubo de gas e prendemos lume sobre os orificios como facemos nas cociñas de butano, de maneira que se forma un fío de pequenas lapas. Cando producimos unha vibración sonora no extremo do tubo, a onda viaxa polo seu interior e rebota ao chegar ao outro extremo. A onda que vai atópase coa que volve; a súa interferencia produce unha onda estacionaria con puntos de máxima e mínima amplitude. Se o burato do tubo coincide cun punto de máxima presión, sairá máis gas por el e veremos unha chama máis intensa; pola contra, nas zonas de mínima presión a chama será máis pequena. Canto maior sexa a frecuencia do son que propagamos, menor será a súa lonxitude de onda e collerán máis máximos e mínimos dentro do tubo.



Se en vez de emitir unha única frecuencia o que poñemos é música, o tubo de Rubens convírtese nun ecualizador de enorme beleza e incríbeis posibilidades artísticas.


2008-05-11, 22:42 | 1 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/57341

Comentarios

1
De: Herr Graf Ferdinand Von Galitzien Fecha: 2008-05-12 02:45


Ciencia e ... colexio "Marista Cristo Rey"??!!!...

E despois mesmo critican vostedes as excentricidades da aristocracia xermánica??!!

Herr Graf Ferdinand Von Galitzien



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.198.190.185 (bff174eb9a)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley