caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Indielisboa 2008. Capítulo 2: Murmúrios do vento
> Indielisboa 2008. Capítulo 2: Murmúrios do vento <

Acordo cedo pola mañá, unha hora antes de participar no Extrarradio, é dicir, tres horas despois de deitarme. Grial e máis eu facemos tertulia cultureta para desrecomendar adaptacións fílmicas de novelas de éxito e apuntar razóns cinéfilas para vir a Lisboa, por se non fosen suficientes todas as demais. O Indielisboa vén sendo coma o Festival de Xixón, pero con moita máis luz. Falar da luz de Lisboa é xa un tópico, mais é inevitábel reparar nela, en especial se un vén desde a Galiza. Lisboa é unha cidade cálida e acolledora, na que se está a gusto. Non falo xa da súa beleza, dos seus lugares de referencia convertidos en postais a visitar; falo da súa abraiante condición de cidade simultaneamente antiga e emerxente, chea de vitalidade e frescura. Igual que o seu festival de cinema.



O sábado empezou da mellor maneira imaxinábel. Profit motive and the whispering wind, de John Gianvito ofrece en 58 portentosos minutos un repaso da historia dos Estados Unidos nos últimos séculos, desde o masacre da poboación indíxena até as máis recentes reivindicacións sindicais, a través das figuras dos homes e mulleres que participaron de maneira activa na loita polos dereitos civís. Personaxes en moitos casos anónimos que pagaron coas súas vidas o seu enfrontamento ás elites de poder. Resolta a través de fermosos e elegantes planos fixos de lousas, estatuas e máscaras mortuorias, esta viaxe straubiana pola memoria dun país de cemiterio en cemiterio vai punteada por imaxes de árbores abaneadas polo vento, ese whispering wind que para min é irmán daquela voz do tempo da que falaba Dickens, esa que nos obliga a movernos cara a adiante sobre a senda marcada polos que morreron para marcarnos o camiño.



Killer of sheep de Charles Burnett é sen dúbida o redescubrimento do ano. Rodada en 1977, este retrato descorazonador e austero da vida cotiá das comunidades negras permaneceu trinta anos sen exhibirse polo uso indebido de cancións na banda sonora. O tempo outorgoulle a condición de obra de culto que realmente merece: aínda que irregular, o filme é unha lección de simplicidade e humanismo cun protagonista memorábel que traballa nun matadoiro e acha pequenos intres de felicidade nun baile coa súa esposa ou gozando da calor morna dunha cunca de café. O filme de Burnett non pretende ser optimista, nin quere dar respostas; máis emocional que narrativo, as súas desoladoras imaxes de nenos sen futuro xogando a tirarse pedras equivalen a un contundente editorial. Ás veces fermosa e ás veces incómoda, Killer of sheep conserva a modernidade e valentía coa que foi concebida, e iso non é desde logo un mérito pequeno

2008-04-28, 14:56 | 0 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/57062

Comentarios

Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.225.19.255 (799359e1dd)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley