Tres de cada catro mortes por SIDA prodúcense na África subsahariana, rexión que acolle a
máis do 60% dos infectados polo virus. Dous millóns de mortos cada ano, o que equivale a un cada quince segundos: as cifras son tan elocuentes que diante delas sobra calquera comentario.
Á hora de corrixir esa tráxica estatística, a educación ten unha importancia decisiva. Desde hai unha década o proxecto
Historias de África aposta polo cinema para transmitirlle información á xente, especialmente ás persoas máis novas. Directores de renome internacional como
Idrissa Ouédraogo,
Cheick Oumar Sissoko ou
Mahamat-Saleh Haroun participaron nesta iniciativa dirixindo curtametraxes sobre a SIDA baseados en ideas aportadas por mozos e mozas da África Occidental. Nas próximas semanas iremos revisando no blog moitas desas pezas; empezamos hoxe coas tres que fixo un dos grandes cineastas da actualidade,
Abderrahmane Sissako, autor de
Agardando pola felicidade e
Bamako:
The first step (O primeiro paso), baseado en ideas orixinais de Sanwé Médard Kiénou (20 anos, Burkina Faso), Liliane Sipouwoua (18 anos, Camerún) e Carmelle Nadège Hounnou (20 anos, Benin).
Sexually Transmitted Marks (Notas Sexualmente Transmitidas), baseado en ideas orixinais de Kossi Yesunyo Gossou (18 anos, Togo) e Régis Nkouma (20 anos, República do Congo).
Good reasons (Boas razóns), baseado en ideas orixinais de Ndèye Diasse Samb (18 anos, Senegal) e Guy Merlin Wayap (21 anos, Camerún).
¶