caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Cinema no Fórum: adaptacións literarias
> Cinema no Fórum: adaptacións literarias <

“Está ben, pero é mellor o libro”. Se houbera unha listaxe das frases máis repetidas á saída dunha sala de cinema, esa sería sen dúbida unha das que aparecería en cabeza. Na percepción popular é un lugar común que na comparación (por outra parte innecesaria) entre unha película e a obra literaria na que se inspira é o filme o que leva todas as de perder, un feito que revela o aínda insuperábel prestixio do papel impreso como depósito de cultura mesmo entre aquelas persoas que len pouco ou nada.

Non temos ningunha obriga de escoller entre filmes e libros, e o máis razoábel é gozar con calquera deles sempre que poidamos. Certo que houbo, hai e haberá versións cinematográficas moi desafortunadas de textos magníficos, pero non son infrecuentes as películas que ollan para a súa fonte de igual a igual. As uvas da ira, por exemplo, unha espléndida novela de John Steinbeck que deu pé a unha obra mestra de John Ford; ou O falcón maltés, O soño eterno, O gatopardo e tantas outras. Tamén hai infinidade de películas grandiosas inspiradas en novelas de escaso mérito, coma Psicose, de Alfred Hitchcock, e xenios que se moveron con fortuna nos dous medios e foron quen de poñer en imaxes os seus propios escritos, caso do senegalés Ousmane Sembène.

É todo cuestión de talento. Un clásico do literatura aparentemente intocábel coma o Quixote admite o achegamento radical e rabiosamente contemporáneo que propón Albert Serra na excelsa Honor de cavalleria, relectura dos personaxes de Cervantes que non traizoa o seu espírito. Máis fiel ao orixinal, pero non por iso menos moderna, é a Lady Chatterley de Pascale Ferran, obra que combina paixón e tenrura con elegancia e escapa do acartonamento típico de moitas películas “de época”. Dito Montiel transformou a súa novela “A guide to recognizing your saints” no filme homónimo, que a España chegou co título Memorias de Queens, e soubo introducir lirismo no retrato nostálxico da súa mocidade nun conflitivo barrio de Nova York. Paisaxes humanas na procura dun atlas que marque o rumbo, coma o que nos ofrece Azucena Rodríguez ao adaptar a novela de Almudena Grandes, que colaborou coa directora na escritura do guión.

ciclo "adaptacións literarias"

3, 4 e 5 de abril: Honor de cavalleria (Albert Serra, 2006). Premio FIPRESCI na Viennale 2006. Premio ao mellor filme e ao mellor actor no Festival de Torino 2006. Gran Premio do Xurado ao mellor filme e premio ao mellor actor no Festival de Belfort. Selección oficial na Quincena de Realizadores do Festival de Cannes 2006. Seleccionada nos festivais de Vancouver, Donostia, Londres, Sao Paulo, Xixón, Rotterdam, FICCO (México), Mar del Plata e BAFICI (Buenos Aires).

10, 11 e 12 de abril: Memorias de Queens (Dito Montiel, 2006). Premio á mellor interpretación masculina conxuntamente a Shia LaBeouf, Channing Tatum, Martin Compston, Adam Scarimbolo e Peter Anthony Tambakis no Festival de Xixón 2006. Premio ao mellor director e Premio Especial do Xurado no Festival de Sundance 2006. Premio Semana da Crítica no Festival de Venecia 2006. Candidata aos Independent Spirit Awards nas categorías de mellor primeiro guión e mellor actor e actriz de reparto.

17, 18 e 19 de abril: Lady Chatterley (Pascale Ferran, 2006). Premio César 2007 ao mellor filme, mellor actriz (Marina Hands), mellor fotografía (Julien Hirsch), mellor vestuario (Marie-Claude Altot) e mellor guión adaptado (Pascale Ferran, Roger Bohbot e Pierre Trividic). Candidata aos César nas categorías de mellor dirección, mellor deseño de produción, mellor son e mellor actriz novel. Premio Lumiére á mellor actriz e á mellor dirección. Candidata aos Independent Spirit Awards na categoría de mellor filme estranxeiro.

24, 25 e 26 de abril: Atlas de geografía humana (Azucena Rodríguez, 2007). Premio á mellor actriz e Premio do Público no Festival de Cinema Español de Toulouse. Selección Oficial no Festival de Málaga.

Sala Fernando Rey (Fórum Metropolitano, r/Río de Monelos s/n, Parque Europa, A Coruña). Horarios: xoves, 20:30; venres, 20:30 e 23:00; sábado, 17:30 e 20:30, agás Lady Chaterley, que se proxecta os tres días só ás 20:30 por mor da súa duración (160 minutos). Entradas: 3 euros (carné xove e maiores de 65 anos, 2 euros). Abono 5 películas: 12 euros. Venda na billeteira: media hora antes de cada sesión. Venda antecipada: no ambigú do Fórum, de luns a venres de 10:30 a 13:30 e de 16:30 a 19:30; na Praza de Ourense, de luns a xoves de 9:30 a 13 e de 16:30 a 19:30, venres de 9:30 a 13.

2008-04-05, 13:12 | 0 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/56651

Comentarios

Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.196.74.142 (bdb57ed074)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley