
O vindeiro sábado 5 de abril celébrase na Coruña un
cortexo de honra a
Manuel Curros Enríquez -poeta galego, republicano, progresista e anticlerical- en lembranza do que percorreu hai hoxe cen anos as rúas da cidade para acompañar o seu corpo até o cemiterio de San Amaro. Figura esencial do Rexurdimento, o seu primeiro gran poemario,
Aires d'a miña terra, provocou a ira do bispo de Ourense Cesáreo Rodrigo González, quen informou ao Gobernador Civil de que o volume supuña unha ofensa para a relixión católica e publicou un edicto contra o libro lido en todas as igrexas da súa diócese. O tal bispo non podía soportar versos coma os de
Mirand'ó chau, cun Deus arrepiado a forza de ver
"homes esfameados / emporras mulleres / espigados nenos / que non saben lere" e que acaba dicindo entre dentes
"si eu fixen tal mundo / que o demo me leve". A primeira edición de
Aires d'a miña terra quedou esgotada en dúas semanas. Procesado polo xuíz Manuel Mella Montenegro, Curros foi condenado "a la pena de dos años, cuatro meses y un día de prisión correccional, y multa de 250 pesetas". Non chegou a ingresar no cárcere grazas á colaboración de Serafín Temes, quen se ofreceu a pagar unha fianza de 1500 pesetas. O poeta recorreu a súa condena en segunda instancia ante a Audiencia da Coruña. Poucos meses despois, en marzo de 1881, foi absolto de todos os cargos.
En 1888 publicou
O divino sainete, onde a súa visión sobre a autoridade da igrexa faise aínda máis demoledora:
"...que mentres a Santa Sede / os bens temporales ame / e insulte coa súa riqueza / ós que se morren de fame; / mentres o Papa, que o trono / das almas herdou somentes, / queira ser do mundo dono / i a pel do pascoal Carneiro / trocando en coraza, trate / de convirtirse en guerreiro, / a obra papal será impía; / non de paz, de turbulencia; / non de orde, de tiranía". Para daquela levaba xa uns anos traballando na prensa de Madrid e a súa obra era tremendamente popular na Galiza:
Aires d'a miña terra ía xa pola terceira edición e os seus versos eran mais coñecidos que os da mesmísima Rosalía de Castro, a quen el lle dedicaría un
fermoso poema (
"Do mar pola orela / mireina pasar / na frente unha estrela / no bico un cantar")
En 1894 emigrou a Cuba, onde fundou e dirixiu
La Tierra Gallega, que desaparecería despois de dous anos e dúas multas. Entrou a formar parte do
Diario de las Familias e logo do
Diario de la Marina, nuns anos convulsos en que apoia a autonomía de Cuba e zoupa coa súa mordacidade habitual o imperialismo ianqui.
En 1904 volve por uns meses á Galiza, onde é recibido con entusiasmo. A homenaxe máis importante que se lle tributa é a coroación que ten lugar o 21 de outubro no Teatro Principal da Coruña, hoxe chamado Teatro Rosalía de Castro. No acto, ao que asisten unhas tres mil persoas, participan, entre outros, Eduardo Pondal, Eladio Rodríguez González, Eugenio Carré Aldao e Manuel Lugrís Freire. Curros agradeceu as honras coa lectura dun poema,
Ao pobo cruñés, que saeu do prelo ese mesmo día na Imprenta Ferrer:
"¡Adiós, Orzán tempestoso, / mestre-cantor afamado, / que presides os concertos / dos trobadores cantábricos; / patria de meu pai querida, / montes irtos, verdes campos, / mallas, degrúas, esfollas, / nas noites de luar craro, / romarías, gaitas, festas / arredor do santuario, / adiós! ¡E adiós compañeiros / i amigos do vello bardo! / Con fonda pena vos deixa / meu corazón desolado; / mais así o quer o destino / e non é ben contrarialo".
Dous días despois, o 23 de outubro, voltou a Cuba. Alí morreu o sete de marzo de 1908. O seu cadáver foi pouco tempo despois trasladado á Coruña, onde chegou o día 31 dese mesmo mes. Ao seu enterro, o dous de abril, asistiron unhas corenta mil persoas, no que pasa por ser un dos actos mais multitudinarios da historia da cidade.
¶