O mes de abril é o mes do libro, e o Fórum Metropolitano dedica un ciclo na Sala Fernando Rey ás
adaptacións literarias. Para comezar, o filme español máis difundido polo mundo e louvado dos últimos anos,
Honor de cavalleria, dirixido polo cineasta de Banyoles Albert Serra. A entrevista que acompaña estas liñas dá un exemplo das súas ideas e a maneira de expresalas, que dificilmente poden deixarnos indiferentes. Coñecín a Albert hai cousa de ano e medio no CGAI; presentou a súa película con tanta contundencia que non houbo ninguén que se movera da sala, aínda que a súa aparente condición de
enfant terrible inspirase unha certa necesidade de gardar distancias. Poucos meses despois falei con el dúas ou tres veces por teléfono, coa idea de que aparecera no
Extrarradio dentro do típico resumo do mellor do ano. Ao final non foi posíbel que entrase no programa na mañá prevista,
certamente complicada, mais o que quería dicir é que falando con el todas as miñas reservas iniciais desapareceron: pareceume un home amábel e encantador, coa cabeza moi ben armada e con ideas claras sobre o que está disposto a facer e o que non. Un home que traballa con absoluta liberdade, que toma o tempo preciso para facer os filmes coma el quere. O seu novo traballo,
El cant dels ocells, formará parte da programación
dalgún gran festival, o de Cannes se para maio está acabado e se non, o de Venecia. Eu teño moitísima curiosidade por saber que dará de si a súa reconstrución da viaxe dos (catro) Reis Magos.
dos arquivos estranhos: Albert Serra /
Atlètic Club Banyoles
¶