Se alguén empeza a cantaruxar
"Arde la calle..." poucas persoas nin moi novas nin moi anciáns haberá que non saiban continuar a canción dicindo aquilo do
Sol de poniente e falando das
tribus ocultas que hai perto do río. O repertorio de
Radio Futura está cosido á memoria de todos aqueles que empezaron (empezamos) a escoitar música alá polos oitenta, que en moitos casos tiveron o bo sentido de transmitirlles esas pezas aos sobriños e agora xa tamén aos fillos.
Despois daquela espléndida etapa Santiago Auserón optou por disfrazarse de
xoglar contemporáneo con gusto polos sons de Cuba, e uns anos despois volveu facer xira co seu irmán Luis para
versionar en español clásicos do rock e o soul. Nos últimos tempos vímolo acompañado dunha orquestra de jazz coa cal reelaborou moitas das súas pezas máis coñecidas, experiencia que dará pé en breve a un disco.
Que é un gran músico, un gran cantante e un grandísimo letrista, é algo que sabiamos desde hai moito tempo; o pasado
mes de outubro confirmamos que, aínda por riba, é un tipo encantador. Vai pasar unha semaniña enteira (esa si que é muiñada!) na Coruña; será a finais de marzo, á volta da Semana Santa, como director do certame de cancións
ACoruñaSon (aquí
teñen a listaxe de finalistas). Auserón abre o
obradoiro cunha traballadísima conferencia inaugural que leva por título
Para que serve unha canción, e participará intensamente en todas as sesións, que contan cun apretado
programa de actividades. Se queren asistir, poden inscribirse de balde como oíntes enviando os seus datos por email ao enderezo
cultura@coruna.es, e lembren que para o 24 faltan poucos días e a semana que vén ten unha morea de festivos (é dicir, non agarden ao último momento).
para saber máis: a web de
ACoruñaSon; e os canais de YouTube de
Radio Futura,
Santiago Auserón e
Juan Perro.
¶