caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > 9 de marzo, eleccións xerais
> 9 de marzo, eleccións xerais <

12

Podemos facer moitas contas, pero a min a que máis me interesa é esta: oito millóns de españois que podían votar nestas xerais preferiron non facelo, e iso non hai circunscrición nin procedemento de reparto que o corrixa.

11

Gostemos deles máis ou menos, os números de Zapatero son obxectivamente abraiantes. Sácalle case un millón de votos ao Felipe González de 1982, o da aplastante maioría absoluta de 202 deputados, pero o máis interesante é comparar o seu resultado co que obtivo o PSOE no ano 2000. Cando ZP chegou á dirección do partido o PSOE tiña 125 escanos e 7.918.752 votos. Uns anos despois, nas traumáticas eleccións de 2004, o PSOE recuperou a confianza de tres millóns de cidadáns (11.026.163), e nas do pasado domingo aínda foi quen de mellorar esas cifras (11.064.524).

10

E estes serían os resultados se tomamos como circunscrición electoral a comunidade autónoma, e non a provincia (para aqueles casos de comunidades compostas por varias provincias). Entre paréntese, o resultado real:

Galiza (23 escanos)
PP: 11 (11)
PSOE: 9 (10)
BNG: 3 (2)

Andalucía (61 escanos)
PSOE: 33 (36)
PP: 25 (25)
IU: 3 (0)
método
Aragón (13 escanos)
PSOE: 7 (8)
PP: 6 (5)

Canarias (15 escanos)
PSOE: 7 (7)
PP: 6 (6)
CC: 2 (2)

Castilla y León (32 escanos)
PSOE: 15 (14)
PP: 17 (18)

Castilla La Mancha (21 escanos)
PSOE: 10 (9)
PP: 11 (12)

Catalunya (47 escanos)
PSOE: 23 (25)
CiU: 10 (11)
PP: 8 (7)
ERC: 4 (3)
ICV-EUiA: 2 (1)

Comunitat Valenciana (33 escanos)
PSOE: 14 (14)
PP: 19 (19)

Extremadura (10 escanos)
PSOE: 6 (5)
PP: 4 (5)

Euskadi (18 escanos)
PSOE: 8 (9)
EAJ-PNV: 6 (6)
PP: 4 (3)

9

Fago números para ver que sucedería se a circunscrición electoral fose única -todo o estado- en vez de provincial, aplicando igualmente o método D'hont. Os resultados serían estes (entre paréntese, o que obtiveron onte):

PSOE: 161 (169)
PP: 147 (153)
IU: 14 (2)
CiU: 11 (11)
PNV: 4 (6)
ERC: 4 (3)
BNG: 3 (2)
CC: 2 (2)
UPyD: 4 (1)
NaBai: 0 (1)

Cesare tamén fixo as súas contas aplicando iso de un home, un voto.

8

Interesante a matización que fai Calidonia sobre os datos de asistencia ás urnas: a participación en Galiza realmente non foi máis alta, senón un pouquiño máis baixa. Para que quede claro: onte votaron 1.744.120 galegos, e falta por computar o voto do censo de residentes no estranxeiro. Nas eleccións de 2004, a cifra de votantes á hora do peche dos colexios foi un chisquiño maior: 1.757.397. O censo RAE aportou daquela noventa mil votos adicionais.

7

O resultado do BNG é francamente bo nun contexto de caída case sen excepcións dos partidos periféricos: melloran en número e porcentaxe de votos respecto ás eleccións de 2004. Como xa pasara nas municipais do ano pasado, medra a súa forza nas vilas de tamaño medio e no rural, pero ao tempo prodúcese unha lixeira baixada na Coruña (-631) e Vigo (-528), e bastante máis acusada e preocupante en Pontevedra (-1186, o que representa un 19% do que recolleron en 2004), Ferrol (-1203, un 24% menos) e Ourense (-2521, un 27% menos). Dunha banda hai que recoñecer que o BNG é hoxe unha forza asentada en todo o territorio galego; doutra, que non acaba de despegar nas maiores urbes do noso país, feito especialmente significativo se consideramos que participa nos gobernos de todas elas.

6

O nacionalismo vasco queda moi tocado polas eleccións de onte. O PNV maquilla os seus números grazas aos seis escanos que conserva (perde un), pero é superado polo PSOE nas tres provincias e sofre un castigo durísimo en Gipuzkoa, onde perdeu un de cada tres votos recollidos en 2004, e Bizkaia (sesenta mil votos menos, un 25% dos que tivo hai catro anos). O mesmo vale para Eusko Alkartasuna, que perde trinta mil votos (-38%) e queda fóra do Congreso, e Aralar (-23%). A caída de IU, xeralizada en todo o estado, é espectacular no País Vasco, onde o seu apoio se reduce á metade.

5

Foi Alfonso Guerra quen inventou aquilo da "amarga victoria" e a "dulce derrota" para referirse aos resultados electorais de 1996; acórdense de como acabou o conto. Evidentemente, o de onte é un triunfo de Zapatero, que supera por segunda vez os once millóns de votos, unha cifra que nunca acadou Felipe González; pero non é en absoluto un fracaso de Rajoy, que roza cos dedos o número de papeletas que levou Aznar en 2000, cando o PP sacou maioría absoluta. Atendendo a eses datos, e co pequeno inconveniente de que pasarán outra lexislatura sen gobernar, non vexo razón algunha para que o PP modifique nin unha soa coma na súa estratexia de oposición. As eleccións de onte non enterraron a crispación, máis ben o contrario: reforzan un panorama maniqueo de bos e malos que xira arredor de dous únicos partidos. Sospeito que a campaña de 2012 empezará ben axiña, unha vez transcorran os cen días de cortesía de rigor.

Prodúceme especial curiosidade ver que vai pasar con Mariano Rajoy. Sabemos que no seu partido había xente cos coitelos afiados para papar os seus restos e postularse como salvador (ou salvadora), pero obxectivamente falando no PP deberían estar moi contentos (a primeira intervención pública de Pío García Escudero poucos minutos despois das oito anunciaba "un resultado histórico", cando as sondaxes apuntaban o contrario, o cal fala moi ben da espléndida organización coa que conta a dereita). Porén, non ten tampouco moita lóxica que se presente en 2012 como candidato un home que xa perdeu dúas veces e que dificilmente pode ser exhibido como opción de renovación e futuro. "Rajoy es hoy más líder, aunque efímero", escribe Juan Varela no seu blog. A caverna, ademais, xa se está movendo.

4

O éxito da Entesa catalá (PSC, ERC e ICV), que volve colocar no Senado os seus doce candidatos, catro por provincia, fai pensar que sucedería se ocorrese algo semellante aquí na Galiza. O do Senado é un sistema maioritario (os catro máis votados acadan asento na cámara), pero moi influido pola estrutura de partidos malia ser unha elección aberta. A candidatura máis votada en cada provincia leva ao peto tres senadores, e no caso galego esa candidatura é aínda a do PP. Non hai que ser moi lince para saber que sucedería se PSOE e BNG presentasen ao Senado candidaturas conxuntas: nas catro provincias galegas serían a opción máis votada, e en consecuencia disporían de doce senadores, doce (un reparto previsíbel sería oito para o PSOE e catro para o BNG). O PP faríase con outros catro. O reparto de onte foi doce para o PP e catro para o PSOE.

Ollo! Con oito senadores menos o PP ficaría na cámara baixa con 113, e con catro senadores máis o PSOE quedaría en 110, máis os que lle toquen da Entesa de Catalunya.

3

Cando se fala de voto útil sempre se pensa na concentración de votos arredor dos dous grandes partidos, e esquécese a incapacidade doutras candidaturas para apañar votos de opcións minoritarias coas que poden compartir ideario. O escano barcelonés ao que me antes me referín sería de IU a pouco que recollese mil e pico votos máis. Poden parecer moitísimos, pero decátense de que nesa mesma circunscrición sacou case oito mil votos o Partido Antitaurino, máis de doce mil Els Verds (EV-LAE), outros sete mil o outro partido verde (EV-LV), catro mil o Partit Republicà Català, tres mil o Partido Comunista del Pueblo de Catalunya, mil trescentos o Partit Obrer Socialista Internacional e outros tantos Izquierda Republicana. A nivel do estado, de recoller unha parte dese voto disperso IU podería ter acadado non só un deputado máis, senón tamén a cifra simbólica do millón de papeletas.

2

Durante todo o reconto bailou un escano por Barcelona, provisionalmente asignado a ICV-EUiA, e que logo estivo movéndose entre o PP e CiU. Finalmente levouno a dereita nacionalista catalana, que mellora o seu resultado de 2004 malia perder uns sesenta mil votos. Se CiU tivese 82 votos menos dos que tivo, ou o PP 71 máis, ese último deputado por Barcelona sería do PP.

1



para saber máis:
Base histórica de resultados electorais
Eleccións xerais 2008

2008-03-09, 03:03 | 0 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/56134

Comentarios

Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.156.32.65 (d3893ad4e6)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley