Un amigo pediume unha vez consello para preparar unha conferencia sobre a picaresca. Quería incluír algúns exemplos cinematográficos e botou man da miña memoria; compartimos un par de cafés e ao longo da conversa foron aparecendo diversos títulos, uns máis afortunados que outros. Lembro ben que a primeira película que saíu a relucir foi
The sting, e que esa mesma tarde sentín a urxente necesidade de gozar dela unha vez máis.
Desde logo, o filme está cheo de pícaros. Pícaros de diversas actitudes e procedencias, pero unidos por unha mesma condición de superviventes nun mundo manifestamente inxusto e corrupto. O
golpe que funciona como eixo argumental está motivado pola vinganza contra un desapiadado mafioso despois que este ordenase a morte do colega e protector de Redford, un pequeno timador negro a piques de se retirar. Este espírito xusticeiro é o que desencadea a reacción de todo o sindicato do lumpen, que se presta á trama cun certo aire de solidariedade. Chégase a dicir que incluso están recadando diñeiro para a viúva e fillos do asasinado, e en varios momentos alúdese a que para calquera cousa contra o pérfido Doyle Donnegan (un xenial Robert Shaw) é moi fácil atopar voluntarios. Pero non son eses os únicos motivos. Por riba de todo hai un compoñente lúdico e de superación. Se se lanzan a facelo é máis por ver se serán capaces que por verdadeira ambición; a fin de contas, o botín obtido, medio millón de dólares a repartir entre unha morea de xente, non compensa en absoluto os riscos asumidos. A vinganza non serve de nada: hai que facelo porque si.
De todos eles, o personaxe máis bohemio e desarraigado é o de Redford. Nada sabemos de onde vén, e non sabemos onde vai, nese final chaplinesco cos dous protagonistas marchando por unha ruela. No caso de Redford, nin sequera marcha con cartos, aos que renuncia dicindo que os acabaría (mal)gastando. É un pícaro guapo, pero un pícaro de todos xeitos, que vai adquirindo modais co paso do tempo. O de Newman, en cambio, é un pícaro en excedencia, arrimado á dona dun prostíbulo que ten tamén un carrusel (marabillosa a escena en que lle di que o vai poñer en marcha para que se entreteñan as mozas). Redford é o aprendiz, Newman o home astuto e experimentado que non dá puntada sen fío.
Gústanme moito as secuencias de Redford coa camarera do bar onde adoita parar. El non sabe que a camareira realmente está a soldo do mafioso Donnegan para matalo; así é que unha noite Redford vai detrás dela até o seu cuarto, ela dille que no fondo non o coñece de nada e el responde que son iguais: dous seres que non teñen onde ir ás dúas da madrugada. Pasan a noite xuntos, e o plano amósanos como ela dorme mentres el permanece esperto. Penso que a escena caracteriza ben o ton que ten toda a película. Nese encontro furtivo e efémero hai unha profunda soidade e desolación, como sacada dun cadro de Edward Hopper.
E é que, por debaixo dos toques de humor, da vivacidade, do puro gozo que parece impregnar toda a cinta, eu sempre sentín un delicado pouso de tristura, a mesma que transmiten os ragtimes de Scott Joplin que ocupan a banda sonora e que baixo os seus ritmos sincopados e cambiantes agochan un sentimento de saudade da que é imposíbel fuxir. A carón desa aparente
joy of living que se respira, a carón desa portentosa ambientación, sen lugar a dúbidas unha das mellores xamais vistas na pantalla dun cine, apréciase sempre o sutil latexo da amargura. É o aroma da derrota, do que nunca chegan a escapar os heroes cansos.
dos arquivos estranhos: no centenario do nacemento de Rex Harrison, aquí lles deixo a ligazón a un vello post sobre
My fair lady.
¶