BLOC, REVISTA INTERNACIONAL DE ARTE Y LITERATURA INFANTIL
Español/Inglés. Semestral. 100 páxinas.
Dirección:
Xabier P. DoCampo. Edición: Raquel López.
Bloc nace con vocación de universalidade e excelencia, dito sexa sen presunción. Non quere ser unha publicación máis sobre literatura e arte; non pretende estar pegada á actualidade, nin vai servir de altofalante dos produtos de moda que hoxe inundan o mercado para caer mañá no máis absoluto esquecemento. A intención tampouco é a de dignificar a literatura infantil e xuvenil, pois esta xa é digna de seu, malia o malsoante desprezo que aínda hoxe amosan sen arroxar coa vergoña algúns individuos, verdadeiros energúmenos que non deixan de selo polo feito de teren obra publicada. Ao que
Bloc aspira é a se converter nun espazo para a análise e a reflexión sobre a creación literaria, dedicando especial atención á relación entre textos e imaxes, en particular no ámbito dos álbumes ilustrados.
Bloc escapa do "todo vale" que os medios xeneralistas aplican aos libros para nenos e reclama o mesmo nivel de exixencia crítica que lle outorgarían á creación artística para adultos. Reivindica o rigor sen pecar de academicismo, sen abrumar o lector co típico discurso cultureta tan pomposo coma inane. Esa vontade clara de excelencia non se limita aos contidos textuais e gráficos, senón que se estende ao extraordinario deseño e maquetación das súas páxinas: o continente está á altura dos contidos e fai de
Bloc un abraiante obxecto de desexo.
A revista, que estará disponíbel unicamente
por subscrición, presentouse formalmente en Madrid o pasado
vinte de novembro, coa entrega dun
número 0 que serve de perfecta declaración de intencións. Como arranque, poemas de
Marina Colasanti ilustrados para a ocasión por
Pablo Auladell. A seguir, entrevistas a
Jutta Bauer,
Michel Tournier e
Manuel Estrada. Máis adiante, dez reseñas sobre outros tantos álbumes ilustrados, e para pechar o número tres artigos que evocan a figura da falecida
Asun Balzola, unha das artistas senlleiras do panorama da LIX española dos últimos trinta anos. O esforzo deu excelentes resultados, que agardamos se manteñan nos próximos exemplares, que se ocuparán de maneira monográfica da “fotografía” (primavera 2008) e do concepto de “cidade” (outono 2008).
(Publicado en PROTEXTA, Suplemento de libros da revista TEMPOS NOVOS, nº 5, inverno 2008)
¶