CINCO ANOS BLOGUEANDO! (if you've got a blacklist, I wanna be on it)
Inicio > Historias > O señor Lugrís e a negra sombra: Publicar a lenda
> O señor Lugrís e a negra sombra: Publicar a lenda <

Nunha entrevista publicada no número de xullo de 1961 da revista Vida Gallega, o pintor Urbano Lugrís avisou da súa intención de escribir un libro de memorias, para o cal xa tiña escollido nome: “Viaxe arredor do meu mundo”. Nunca máis se soubo dese posíbel libro, a non ser un bosquexo do que podería ser a súa capa, que debuxou no reverso dun recibo de aluguer en maio de 1973, nunha altura da súa vida na que xa apenas había ocasión para a ledicia. A incógnita sobre a existencia deses escritos autobiográficos é a escusa coa que arranca a nova obra de Luis Rei Núñez, que se vale do recurso do “manuscrito atopado” para percorrer os vinte últimos anos do pintor galego.

"O señor Lugrís e a negra sombra" é, non se pode negar, unha novela ambiciosa, que aposta por unha estrutura non precisamente sinxela que combina a voz do narrador/autor coa da figura protagonista, da man dunhas cuartillas supostamente orixinais que asoman aquí e acolá. O exercicio de estilo é finalmente moito máis sofisticado: a pluralidade de personaxes que pasan pola vida de Urbano Lugrís fai do texto un verdadeiro relato coral, que brilla pola vizosa recreación dos ambientes culturais, algúns bohemios e outros non tanto, da Coruña dos 50 e 60. É unha novela sobre Lugrís, si, mais tamén sobre Miguel González Garcés, bibliotecario e poeta; sobre Mariano Tudela, compañeiro de Lugrís na aventura de “Atlántida”, revista de traxectoria breve pero intensa que acolleu nas súas páxinas ao dream team da literatura e da arte galega daquel tempo; sobre o futbolista Luis Suárez e o cantante Pucho Boedo, deuses locais cuxo talento mete algo de luz na longa noite de pedra. Tamén sobre Álvaro Cunqueiro, que viña á Coruña dúas ou tres veces cada ano para ofrecer algunha conferencia memorábel, mais nunca tanto como as fabulacións que inventaba para entreter as sobremesas das consecuentes e inevitábeis ceas (unha das partes máis suxerentes do libro de Luis Rei é, de feito, a que describe o tortuoso camiño cara á estrea no Teatro Colón do “Don Hamlet” cunqueirán, unha peza que houbo de vencer, e non sen dificultades, a incomprensión do delegado provincial do Ministerio e Información e Turismo). Pero sen dúbida o outro gran protagonista da novela é o escritor Antón Avilés Vinagre, Avilés de Taramancos, daquela aínda un mozo que compartía con Lugrís troulas, proxectos e frustracións nunha cidade que podía percorrerse de tasca en tasca e que polas noites se desfacía da rectitude e formalidade aparentes.

Ocorrente, excéntrico e desmedido, Urbano Lugrís é o típico personaxe guloso para calquera creador: un home que soña cunha estabilidade para a cal non pode nin quere dar os pasos necesarios, o clásico “xenio fracasado” que mantén a ilusión de acadar o éxito que lle devolva a felicidade que cre ter experimentado noutrora. A vida de Lugrís, o náufrago, está chea de anécdotas suxestivas, moitas delas falsas, e de encontros e desencontros de enorme potencial literario. Luis Rei Núñez acerta ao seguir o consello fordiano de “publicar a lenda”; móvese no gume da navalla que separa (ou une) a ficción da realidade para recrear “o mito Lugrís” sobre a base dunha riquísima documentación. Excluíndo o seu capítulo final, perfectamente prescindíbel, a novela é un exemplo de boa construción e solidez. Talvez sexa demasiada a solidez; seguramente tería acadado maior altura cun voo máis libre, pero en calquera caso a altura á que chegou non é pequena.

(Publicado en PROTEXTA, Suplemento de libros da revista TEMPOS NOVOS, nº 5, inverno 2008)

2008-02-27, 10:39 | 0 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/55884

Comentarios

Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 38.103.63.18 (90d586d65a)
Comentario







doa os teus órganos!



axenda cultural

están vivos!



os arquivos estranhos



cuestionario Proust




a coruña
Click for La Coruna Airport, Spain Forecast

correo:diasestranhos()gmail.com

um livro

e um filme

There will be blood
(Paul Thomas Anderson, 2007)

...ou dois

Stellet Licht
(Carlos Reygadas, 2007)

chuza!

Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet

cinco anos do prestige

O sistema de comentarios está á disposición dos leitores de "días estranhos" exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.
(texto copiado hai anos do Carta aberta, que á súa vez llo agradecía ao Inagaki)



Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

© Martin Pawley