Mellor película: eu votaría por
There will be blood, unha desas películas
bigger than life das que xa non se levan no cinema ianqui, pero das cinco candidatas é a que leva recadado menos dólares. "Demasiado de autor" para uns académicos que preferirán a solidez de
Non é país para vellos, dos irmáns Coen. -> GAÑOU "NO COUNTRY FOR OLD MEN"
Mellor director: o mesmo de antes. Eu premiaría a ambición de xenialidade de Paul Thomas Anderson, pero gañarán os Coen, que aínda que empezaron sendo
indies desta altura
xa son coma da casa. -> GAÑARON OS COEN
Mellor actor: o favorito é o colosal Daniel Day Lewis de
Correrá o sangue, un actor que cando está sublime (histrionicamente sublime) fica por riba do ben e do mal. Pero eu aposto por
Johnny Depp na súa terceira candidatura ao Oscar, máis que nada porque xa lle vai tocando. -> GAÑOU DANIEL DAY LEWIS
Mellor actriz: fálase de Julie Christie polo seu papel tipicamente oscarizábel en
Away from her (pero xa ten un), mesmo de Marion Cotillard por
facer de Edith Piaf (pero é francesa), así que eu aposto pola Laura Linney de
The savages, porque nunha categoría complicada sempre é unha boa solución optar por alguén que naceu en Nova York e que xa foi candidata un par de veces antes nos últimos anos. -> GAÑOU MARION COTILLARD
Mellor actor de reparto: Javier Bardem por
Non é país para vellos. -> GAÑOU JAVIER BARDEM
Mellor actriz de reparto: outra categoría sen claras favoritas. Hai uns meses
Amy Ryan leváballes ás demais competidoras varios corpos de vantaxe, grazas aos premios das asociacións de críticos, pero o Screen Actors Guild optou polo (minúsculo) papel de Ruby Dee en
American Gangster. De todos xeitos, eu négome a aceptar que o premio non vaia ás mans de Cate Blanchett pola súa abraiante encarnación dylaniana en
I'm not there, a outra obra mestra da tempada. -> GAÑOU TILDA SWINTON
Mellor guión orixinal: os cento dezasete millóns de dólares nas billeteiras de
Juno xustifican que o Oscar o leve a ex-stripper Diablo Cody, que subirá as escaleiras lucindo uns carísimos zapatos. -> GAÑOU DIABLO CODY
Mellor guión adaptado: este será o que leve Paul Thomas Anderson, e así os fans de
There will be blood quedaremos medianamente satisfeitos. -> GAÑARON OS COEN
Mellor fotografía: Robert Elswitt por
There will be blood, beneficiándose da dobre candidatura de Roger Deakins. -> GAÑOU "THERE WILL BE BLOOD"
Mellor montaxe: os profesionais
premiaron The Bourne Ultimatum. Neste apartado os académicos adoitan votar un pouco ao chou, e por iso este premio case sempre coincide co de mellor película e/ou mellor director, e de ser así gañaría a dos Coen. O problema é que os candidatos nesa categoría son os propios irmáns Coen, e premialos tres veces xa sería pasarse, así que os académicos mirarán para outro lado: para o de
There will be blood, agardo, aínda que tamén podería ser
A escafandra e a bolboreta, pois Julian Schnabel ten moitos amigos na industria (para fortuna do Festival de Donostia). -> GAÑOU "THE BOURNE ULTIMATUM"
Mellor dirección artística: Jack Fisk e Jim Erickson por
There will be blood. -> GAÑOU DANTE FERRETTI E FRANCESCA LO SCHIAVO POR "SWEENEY TODD"
Mellor deseño de vestuario: o vestido verde de Keira Knightley é unha das iconas do ano. Jacqueline Durran por
Atonement. -> GAÑOU "ELIZABETH, THE GOLDEN AGE"
Mellor maquillaxe: Didier Lavergne e Jan Archibald por
La vie en rose. -> GAÑOU "LA VIE EN ROSE"
Mellor música orixinal: oxalá fose para
Alberto Iglesias, que é un gran compositor, pero penso que gañará Dario Marianelli por
Atonement. -> GAÑOU DARIO MARIANELLI
Mellor canción orixinal: a única que merece ser escoitada é
Falling slowly, de Glen Hansard e Markéta Irglová, no filme
Once. Pero non esquezan que á Academia encántalle Alan Menken, un home que ten oito Oscars e que dunha tacada xuntou tres candidaturas por
Enchanted. -> GAÑARON GLEN HANSARD E MARKÉTA IRGLOVÁ
Mellor son: gañará
a dos Coen, pero o meu apoio vai un ano máis para
Kevin O'Connell, o home máis veces derrotado na historia dos Oscars (con esta van vinte candidaturas sen premio), na compaña de
Greg P. Russell (outro ilustre perdedor, doce veces candidato) e de
Peter J. Devlin polo seu traballo en
Transformers. -> GAÑOU "THE BOURNE ULTIMATUM"
Mellor montaxe de son: Ratatouille (outra que digo ao chou). -> GAÑOU "THE BOURNE ULTIMATUM"
Mellores efectos visuais: o equipo de
Transformers. -> GAÑOU "THE GOLDEN COMPASS"
Mellor película de animación: Ratatouille, de Brad Bird, con
Persepolis como alternativa cultureta. -> GAÑOU "RATATOUILLE"
Mellor película estranxeira: nunha edición na que ficaron fóra algúns filmes que se daban como seguros (
Persepolis ou
Catro meses, tres semanas e dous días), calquera sabe que pode pasar. Hai dous nomes "de prestixio" entre os finalistas: o polaco
Andrew Wajda e o ruso Nikita Mihalkov, e os dous xa saben o que é gañar un Oscar.
A de Mihalkov ten a vantaxe de ser unha adaptación de
12 angry men, e iso fará que algúns corazonciños académicos reparen nela con máis agarimo. -> GAÑOU "OS FALSIFICADORES" (AUSTRIA)
Mellor longametraxe documental: nun ano no que está moi presente a guerra de Irak o favorito é
No end in sight. Eu o único que vin é
Sicko. -> GAÑOU "TAXI TO THE DARK SIDE"
para saber máis: listaxe de
todos os candidatos aos Oscars.
¶