Hai polo menos dez anos que se empezou a falar da posibilidade de que
Tim Burton levase ao cinema o musical de
Stephen Sondheim Sweeney Todd, the demon barber of Fleet Street, unha das obras maiores do teatro americano das últimas décadas. Polo seu regusto macabro o musical parecía ser idóneo para o director de
Sleepy hollow, tan afeccionado como é ás criaturas torturadas e incomprendidas. A súa adaptación, que se estreou nas salas o pasado venres, é un espectáculo extraordinariamente divertido (e brutal) comandado por un inmenso Johnny Depp.
Dito isto, tamén é xusto recoñecer as eivas dunha versión cinematográfica que sen chegar a resultar decepcionante amosa unha innecesaria covardía á hora de manexar un material que se presta a calquera tratamento. Tim Burton aposta por un aspecto visual tan coidado como excesivo, con escenarios á vez góticos e hiperrealistas e un certo abuso dos fondos dixitais, afastándose da deliberada teatralidade que caracterizaba á montaxe de Broadway como estratexia para marcar distancias cun relato con evidente tendencia ao exceso. O filme céntrase no desexo de represalia por parte do barbeiro e no estraño amor que a señora Lovett sente por el, e non oculta pero si dilúe o potente discurso ideolóxico do musical de Sondheim, que converte a Sweeney Todd no axente que pon "aos de arriba ao servizo dos de abaixo" [1], aínda que sexa pola non moi recomendábel vía de cortarlles o pescozo aos
señoritos que acoden ao seu local. A ollos dun Sweeney Todd que transforma o seu rancor contra o xuiz Turpin nunha vinganza contra toda a humanidade, "todos merecemos morrer" nun mundo que se divide entre os individuos que sofren e os que fan sufrir, entre os que comen e os que son comidos, idea esa que tralo paso polo forno da señora Lovett deixa de ser unha metáfora para adquirir a tanxíbel solidez dunha empanada.
Sorprendentemente, Tim Burton déixase arrastrar polos tons graves e desbota o humor, esencial ao
Sweeney Todd de
Sondheim, que nesa peza e
noutras da súa excelsa carreira fixo gala dunha acidez moi saudábel.
Na película non está presente a
Balada de Sweeney Todd, tema coral inspirado no
Dies irae que servía de leitmotiv e reaparecía aquí e acolá como pegamento para unir certas escenas. A eliminación non é irrelevante, pois a
balada outorgáballe carácter lendario a unha fábula escura que renunciaba abertamente á verosimilitude. Podemos resumilo dicindo que o filme opta pola narración realista mentres o musical tiña pretensións máis conceptuais, algo que non é raro nun compositor que naquela altura xa estreara obras como
Company.
Na súa crítica en
Cahiers du Cinema Roberto Cueto sitúa acertadamente o
Sweeney Todd de Tim Burton na mesma trincheira do
Oliver! de Carol Reed ou o
Scrooge de Ronald Neame, a dos "musicales ostentosos que florecieron en la agonía del género". Tim Burton conformouse con exercer de habilidoso artesán e perdeu a oportunidade de facer unha película realmente grande. O resultado, en calquera caso, paga ben a pena.
Libro de notas: Correrá la sangre (nueva), artigo sobre o cinema americano actual e
There will be blood de Paul Thomas Anderson.
¶