CINCO ANOS BLOGUEANDO! (if you've got a blacklist, I wanna be on it)
Inicio > Historias > O xiro postal
> O xiro postal <


Se buscan na base de datos do ISBN o escritor e cineasta Ousmane Sembène non o atoparán: ningún dos seus textos foi publicado en España. En Francia si, e nos Estados Unidos, e tamén en Portugal, onde tivo como tradutor a un tal José Saramago. O mesmo acontece cos seus filmes: o único que coñeceu distribución comercial foi o derradeiro, Moolaadé. O desinterese até hoxe amosado cara ao pai do cinema africano ráchao unha editora galega e valente, Rinoceronte, que vén de colocar nas librarías unha tradución ao noso idioma da súa espléndida novela O xiro postal, que o mesmo Ousmane Sembène converteu poucos anos despois en (non menos espléndido) filme. Tiven o privilexio de participar nesta iniciativa pioneira escribindo unhas páxinas a maneira de epílogo; aquí lles deixo as primeiras liñas, co desexo de que se acheguen á obra dunha figura imprescindíbel.

Dickens en Senegal: a vida e a obra de Ousmane Sembène

“Un director de filmes de África é como o griot, semellante ao bardo da Europa medieval, un home con cultura e sentido común que é o historiador, o contador, a memoria vivinte e a conciencia do seu pobo. O director debe vivir no seo da súa sociedade e dicir o que non funciona nela. Por que o realizador debe desempeñar ese papel? Porque, como moitos artistas, é talvez máis sensíbel que outras persoas. Os artistas coñecen a maxia das palabras, dos sons e das cores, e empregan estes elementos para ilustrar o que os demais pensan e senten. O director non debe vivir recluído na súa torre de marfil; ten unha función social concreta a desempeñar”. Nestas declaracións a Françoise Pfaff, Ousmane Sembene facía explícita a súa visión da creación cultural e artística, da responsabilidade do autor cara a sociedade á cal pertence. Nada máis natural nun home que entendeu o seu traballo de escritor e cineasta como unha misión pedagóxica, destinada a expoñer diante dos ollos dos seus compatriotas as inxustizas pasadas e presentes.

Figura patriarcal na historia do cinema africano, Ousmane Sembène foi un home revolucionario que cría no ilimitado poder de comunicación das palabras e das imaxes. Foi un home valente que non deixou nunca de criticar coas súas armas de creador -as únicas lexítimas- a corrupción do poder, os abusos da burocracia, o racismo e o desprezo padecido polos seus concidadáns, contemplados sempre pola Europa rica como individuos de segunda a seren tratados no mellor dos casos con caridade e benevolencia. Ousmane Sembène foi tamén un home optimista, que estaba convencido da capacidade que a xente ten para saír adiante e resolver os seus problemas. Un humanista no sentido clásico, posuidor desa grandeza dickensiana que lle facía ver con claridade que ningún ser humano merece sufrir e que todos deben por igual aspirar á felicidade. Sembène, coma Dickens, defende as vítimas do sistema e os esquecidos pola fortuna, e emprega todos os seus recursos contra aqueles que negan a voz do tempo, esa maquinaria que segundo contaba o inglés nun dos seus libros de Nadal, “As campás”, nos esixe avanzar e mellorar sobre a memoria dos incontábeis millóns de persoas que sufriron, viviron e morreron para sinalarnos o camiño. A obra de Sembène, igual que a de Dickens, non é compracente: describe un mundo cruel e enfermo onde o individuo debe loitar por non ser esmagado. Mais esa loita é irrenunciábel, e por iso se burla con sarcasmo da indolencia esmoleira daqueles que pasan a vida a agardaren que un bo porvir lles caia do ceo. Porque a gran transformación virá de dentro ou non virá (...)

actualización: a ficha do libro na web da editora.

2008-02-13, 19:57 | 9 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/55577

Comentarios

1
De: Syldaвija Fecha: 2008-02-14 09:34

Beizóns e parabéns. Xa está Sembène ligado á súa persoa.



2
De: Leonel Vicente Fecha: 2008-02-14 12:19

Parabéns!

Um abraço,

Leonel Vicente



3
De: Martin Pawley Fecha: 2008-02-14 14:04

Por certo, até agora todos os epiloguistas de Rinoceronte acabaron sendo ministros de cultura. Certo que só houbo un, iso si.



4
De: ivan Fecha: 2008-02-15 00:37

os meus parabens o proximo ministro de..., mellor escolle ti a carteira que mais che pete.

un saudo

ivan@dona



5
De: Martin Pawley Fecha: 2008-02-15 01:17

Xa colgaron a ficha do libro na web da editorial.



6
De: Paco Penas Fecha: 2008-02-15 11:38

Nos últimos tempos atópome co súa silueta ao abrir moitas ventás. Está vostede, culturalmente falando, nun estado efervescente de gracia.
Non me estrañaría que o ministro Molina xa o teña na axenda. Daquela que si que me iba facer Zapateiro de por vida :-)
Unha aperta das de verdade.



7
De: Martin Pawley Fecha: 2008-02-21 23:24

Unha amábel nota informativa, na edición galega de El País.



8
De: Martin Pawley Fecha: 2008-02-22 10:31

Cesare xa o leu e gustoulle moito.



9
De: Martin Pawley Fecha: 2008-02-28 11:00

Aquí tamén o leron e dan boas referencias.



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 38.103.63.18 (90d586d65a)
Comentario







doa os teus órganos!



axenda cultural

están vivos!



os arquivos estranhos



cuestionario Proust




a coruña
Click for La Coruna Airport, Spain Forecast

correo:diasestranhos()gmail.com

um livro

e um filme

There will be blood
(Paul Thomas Anderson, 2007)

...ou dois

Stellet Licht
(Carlos Reygadas, 2007)

chuza!

Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet

cinco anos do prestige

O sistema de comentarios está á disposición dos leitores de "días estranhos" exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.
(texto copiado hai anos do Carta aberta, que á súa vez llo agradecía ao Inagaki)



Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

© Martin Pawley