O xoves 8 de novembro de 2007 presentei no CGAI o filme "Bamako", de Abderrahmane Sissako, dentro do ciclo "Cine e dereitos humanos" organizado polo grupo local de Amnistía Internacional. Isto é máis ou menos o que contei daquela.
Hoxe pola mañá merquei nun quiosco o exemplar de novembro da revista
Investigación e Ciencia, un monográfico que leva por título "Saciedad y hambruna". O artigo que fala de malnutrición -"
Hambre, todavía"- ten este encabezado: "A oitava parte da poboación mundial carece de alimento suficiente". Se extrapolamos o dato
a esta sala, se facemos desta sala unha representación a escala do mundo, catorce persoas das aquí presentes estarían pasando fame, unha fila e media completa. Permitan que parafrasee o comezo desa reportaxe para dicirlles que durante as dúas horas que investiremos en ver o filme que pasará a seguir, 1440 nenos de idade preescolar terán morto no mundo de fame e malnutrición.
Non, non quero amargarlles o visionado de
Bamako, a espléndida película de Abderrahmane Sissako, director nacido en Mauritania (o país da súa nai) aínda que afincado en Mali (o país do seu pai) xa desde neno. Non sería lóxico, ademais, pois se de algo non se pode acusar a
Bamako é de compracencia, de deterse a lamentar de maneira pasiva a traxedia africana.
Bamako toma posición de maneira vehemente e rotunda levando literalmente a xuízo ás grandes institucións financeiras que esmagan as posibilidades de desenvolvemento do continente. Nun xenial xogo de representación, o proceso celébrase nun patio de veciños, con xuíces e avogados vestidos con toga mentres a vida transcorre ao seu redor. O tribunal acolle como testemuña a
Aminata Traoré, escritora e política de Mali, ministra de cultura e turismo entre 1997 e 2000, e coordinadora do programa de desenvolvemento das Nacións Unidas, unha das voces máis potentes contra os efectos perniciosos da globalización e as políticas económicas do primeiro mundo; e entre os avogados veremos a
William Bourdon, grande activista a prol dos dereitos civís, as vítimas da mundialización e en casos de crimes contra a humanidade, que fará un poderoso alegato final. A débeda externa, a farsa da mundialización, a alarmante escasez de infraestruturas esenciais (estradas, camiños de ferro), a necesidade de que na sociedade africana xurda unha masa crítica de cidadáns verdadeiramente conscentes da súa situación, o drama da inmigración e o feito moitas veces esquecido de que ademais dos que chegan, son moitos, demasiados, os seres humanos que morren polo camiño, cruzando o deserto; todos eses temas son explorados durante o xuízo, probando que a explotación escravista doutrora deu paso hoxe a formas talvez máis sutís, pero desde logo non menos perversas. Pero
Bamako é un filme, non un discurso. O que o fai grande é a prodixiosa convivencia dunha mensaxe ideolóxica poderosa e a representación da vida cotiá; a xeopolítica da fame e da miseria en paralelo ao retrato costumista, o que nos descobre á cantante Melé e o seu marido Chaka. Dous planos que se mesturan e mesmo interrompen, e así é que un cortexo nupcial atravesa literalmente o escenario do xuízo e detén por un intre a súa celebración. Guiado pola súa liberdade como creador, Abderrahmane Sissako mesmo insire na película unha parodia de spaghetti-western,
Morte en Tombuctú, na cal se lían a tiros algúns amigos e compañeiros do director, entre eles Elia Suleiman e o actor estadounidense Danny Glover -produtor executivo da película-; un segmento quizá desconcertante, pero en ningún caso gratuíto, e que por si só daría para alimentar un coloquio completo.
Filme elocuente e necesario, cheo de verdades incómodas, tan incómodas que a ningún ministerio se lle dará por mercar milleiros de copias para repartilas nos colexios,
como aconteceu recentemente cun coñecido documental,
Bamako é un documento impagábel para entender o mundo que vivimos, para comprender por que África segue, recollendo o título do anterior traballo de Sissako,
agardando pola felicidade.
Empecei dando uns datos, e quixera rematar con outros. En Francia esta película foi vista por 217.410 espectadores. Nas salas de cinema dos Estados Unidos
recadou algo máis de cen mil dólares. En España, e segundo
datos do Ministerio de Cultura, o número total de entrada vendidas non chega a 900.
¶