CINCO ANOS BLOGUEANDO! (if you've got a blacklist, I wanna be on it)
Inicio > Historias > Unhas fotos na cidade de Sylvia (e unha sorpresa)
> Unhas fotos na cidade de Sylvia (e unha sorpresa) <



Fun espectador privilexiado do pase de prensa que o CGAI convocou en setembro antes da estrea na súa sala de En la ciudad de Sylvia, a abraiante obra mestra de José Luis Guerín. Foi todo un saír e chamar os amigos para que foran vela aquel mesmo día, co aliciente engadido da presenza do director, un home de discurso engaiolante. O seu non é simplemente un filme para ver, por máis que a súa beleza convide ao pracer puro da contemplación, senón un filme para estar, que anima o espectador a camiñar con el polas rúas de Estrasburgo ou a sentar nunha terraza e gozar da vida que pasa. Asistín a un novo pase de En la ciudad de Sylvia no Festival de Xixón un par de meses despois, e a experiencia foi aínda máis satisfactoria, por vir acompañada agora pola emoción alegre da complicidade.

Non saín tan contento, antes polo contrario, da proxección de Unas fotos en la ciudad de Sylvia, un proxecto previo do cineasta que el mesmo define como unha "fantasía fotográfica" e non como unha película, seguramente porque lle dá pudor referirse a ela dese xeito, idea que eu comparto. Unas fotos... é unha colección de imaxes capturadas dunha cámara de vídeo, sen acompañamento de sons nin músicas e co único engadido dunhas frases sobreimpresionadas cheas de referencias culturetas. Todo o que a outra de imprescindíbel, teno esta de innecesaria, mais en calquera caso deberían ir vela se teñen ocasión, por exemplo este mércores 30 de xaneiro no CGAI, ás 20:30. Eu irei, atraído sobre todo pola suxestiva advertencia que nos fan desde a filmoteca: "A sesión completarase coa estrea exclusiva dunha curtametraxe sorpresa". Unha curta de quen? Non é moi difícil adiviñalo.

2008-01-29, 21:57 | 6 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/55190

Comentarios

1
De: arume dos piñeiros Fecha: 2008-01-30 00:07

Tiven a oportunidade de estar un día enteiro con Guerín e de presentalo nun congreso sobre cine. Non teño eu esa sensación de engaiolante. A mín deume a impresión de home aburrido, demasiado preocupado de sí mesmo, cunha lixeira prepotencia do que se sabe admirado. A verdade é que foi para mín moi desilusionante. No fondo penso que esta xente fala coa cámara e, ás veces, nin eso. Nas distancias curtas, xa o acabouse: non ten conversa doutra cousa que non sexa o cinema e, por suposto, cun elitismo e aristocratismo sobre as películas ao meu entender ata irritante: detesta as cousas mundanas e sempre parece levitar sobre poesía e imaxinación literaria.
En fin, as súas películas gústanme (Innisfree, En construcción e mesmo Tren de sombras son extraordinarias) e penso ir ver esta de Sylvia, a pesar dos pesares. Ou tal vez por isto.



2
De: Martin Pawley Fecha: 2008-01-30 01:06

Supoño que terá días mellores e días peores, pero ás veces que o escoitei falando en vivo, explicándose diante dun público, sempre me pareceu un home cun discurso magnificamente enfiado que ademais "interpreta" moi ben o seu personaxe. En coloquios, mesas redondas e roldas de prensa adoita comportarse como un home exquisito, de falar claro e ordenado, que convence mesmo a aqueles que non son fans da súa obra.

Non podo falar de Guerín nas distancias curtas, pois non teño trato con el. A primeira vez que recordo ter falado con Guerín foi hai cousa de dez anos, despois dunha proxección no CGAI de Tren de sombras na que lle acabou ofrecendo a unha amiga miña material en bruto que non empregara para o filme (non sei se a oferta a fixera moi en serio, mais infelizmente ningún de nós foi quen de reaccionar a tempo). En calquera caso, da miña limitada experiencia non tirei nunca a sensación de que fose un home aburrido, e moito menos alguén alleo ás cousas mundanas...



3
De: arume dos piñeiros Fecha: 2008-01-30 14:36

Eu teño que admitir que a xente marchou encantada. É problema meu, seguro, que non son quen de enganchar con este tipo de persoaxes, como vostede moi ben di. Véxoos noutra onda, por suposto superior.



4
De: Martin Pawley Fecha: 2008-01-30 14:57

Eu insisto en que nunca percibín a Guerín como alguén endeusado e inaccesíbel, máis ben todo o contrario. Outra cousa é que transmita unha imaxe de autor lánguido e melancólico, de modais elegantes e corteses; pero eu véxoo máis coma un sedutor intelectual que coma un aristócrata distante.



5
De: jorge Fecha: 2008-01-30 17:03

Wilde dicía que a xente que pon tanto talento na súa obra, ás veces se esta é moi brillante non queda nada para a persoa, ¿será iso?



6
De: Doc Hollyday Fecha: 2008-01-31 10:58

Eu tiven a sorte de ser alumno seu durante 3 anos. Podo decir que é un dos personaxes que máis saben de cine que eu coñeza, ten unha visión do cine moi particular e seductora, é quen de explicar a poesía que o cine ten dun xeito absolutamente claro e fermoso, ainda que dito así pareza moi cursi... e ten a sorte de facer o seu cine, algo que agradeceremos sempre. Pero hai que admitir que lle encanta o papel de intelectual e explorador do cinema, moi no fondo é consciente de que representa un xeito de facer cine, é ten esa pose... É unha especie en peligro de extinción.



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 38.103.63.18 (90d586d65a)
Comentario







doa os teus órganos!



axenda cultural

están vivos!



os arquivos estranhos



cuestionario Proust




a coruña
Click for La Coruna Airport, Spain Forecast

correo:diasestranhos()gmail.com

um livro

e um filme

There will be blood
(Paul Thomas Anderson, 2007)

...ou dois

Stellet Licht
(Carlos Reygadas, 2007)

chuza!

Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet

cinco anos do prestige

O sistema de comentarios está á disposición dos leitores de "días estranhos" exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.
(texto copiado hai anos do Carta aberta, que á súa vez llo agradecía ao Inagaki)



Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

© Martin Pawley