caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Una giornata particolare
> Una giornata particolare <

"O Alcalde da Coruña ten o pracer de invitarlle aos actos que, coa presenza de Dona Mercedes Cabrera, Ministra de Educación..." Non fixo falta ler máis: un servidor non adoita recibir convites de tanto lustre, así que esa primeira liña foi dabondo para eu aceptar con entusiasmo. Os Museos Científicos Coruñeses tiraron a casa pola ventana para celebrar o vinte aniversario dos Premios Prisma, feito que inspirou tamén esa Mostra de Ciencia e Cinema de cuxa organización fun parcialmente responsábel. Boa parte dos convidados estaban xa aquí o venres e pasaron pola conferencia de Javier Armentia na Domus, e aínda despois pola sesión de Astronomía Urbana na Praza de María Pita a cargo da Agrupación Io. O ceo despexado permitiu que a xente vise Marte, a galaxia de Andrómeda ou as Pléiades, e por suposto o gran protagonista destas últimas semanas, o cometa Holmes, aínda que aquela non fose precisamente a súa mellor noite. Na praza estivemos de palique coa concelleira de cultura e co páter, e da conversa até naceu o compromiso de convocarmos unha futura observación astronómica no Castelo de San Antón, se for posíbel con con música en vivo.

O sábado os actos comezaban ás doce da mañá, coa presentación na Domus do libro premiado no 2006 e editado agora, En el límite de la vida. Un siglo de virus, de Vicente Pallas, un ensaio cuxo título non deixa moito espazo para a dúbida. Un par de autobuses serviron para trasladarnos ao Concello, onde tiña lugar a lectura da acta do xurado e a entrega dos Premios e Mencións Honoríficas. Na súa intervención, a Ministra de Educación e Ciencia explicou que esta cidade será a cabeza da rede de centros de divulgación científica de España e que Ramón Núñez Centella lideraría o proxecto do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía. Dixo iso, que non é pouco, e nada máis, coa precisión e a ambigüidade típica desta clase de anuncios. Non se ten moita noticia de cartos, nin de prazos, nin do procedemento administrativo que guiará a verdadeira constitución dun organismo que hoxe por hoxe é pouco máis que unha colección de pezas, non sempre de grande interese; así que dependendo de con quen falases a interpretación das palabras de Mercedes Cabrera podería variar entre o si (rotundo) e o si (depende). Levado polo seu afecto, Lynx adxudícalle a Moncho a dirección do Museo; máis que do cargo, que ten moitos pretendentes (e pretendentas), imaxino que se refire á execución do proxecto. Na miña opinión, a travesía non vai ser curta nin doada, pero o anuncio ministerial serve polo menos para garantir unha certa tranquilidade das augas.

Pasadas as dúas, marchamos Julio, El Pez e máis eu no coche do páter cara a Domus, onde se inauguraba a exposición Museos para el futuro, un estupendo menú-degustación do que ofrecen 23 centros de divulgación do estado. Xusto na entrada Armentia preséntame a José Pardina, director da revista Muy Interesante, que por certo acolle o artigo galardonado co Prisma esta edición, ¿Hemos sido diseñados?, de Miguel Ángel Sabadell. Tamén estiven de cháchara con Leonardo López Amado, o director arxentino da curta que mereceu unha mención de honor, El alma de una ciudad, proposta moi afastada do didactismo que con frecuencia esmaga as producións divulgativas e en consecuencia interesante; unha peza visualmente atractiva que amosa, iso si, algunhas outras deficiencias.

No xantar, que parece o dunha voda, sentámonos á Mesa Carl Sagan varios membros da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias. Un aperitivo de fabas con chourizo serve de preámbulo para un relato que se desenvolve en tres capítulos: crema de pataca con setas e chipiróns, rape en salsa verde con navallas e berberechos e canelón de outono. Como epílogo, piña coada e un preparado a base de arroz con leite, biscoito de améndoa e mazá asada, máis café e chupitos de caña e licor café. Levamos de agasallo un prato conmemorativo de Sargadelos e un libro excepcional, Amantes de la ciencia. 20 años de divulgación científica en España, coeditado polo Ministerio e a FECYT. No Restaurante da Domus convivimos, xuntos pero non revoltos, munícipes e ministras, xornalistas e editores, directores de museos e produtores de cinema, pero case me parece que o que máis abundaba alí dentro eran os blogueiros. Algúns prolongamos a sobremesa todo canto puidemos. Primeiro paramos na cafetería do Hotel María Pita, onde coincidimos con Gonzalo Uriarte e aprendemos que os pianos nestes recintos están só de adorno. Logo fomos ao bar das tostas que está perto do CGAI, na compaña do pai e nai de Xiana, e máis adiante de Nieves e Toño. Foi todo tan divertido que entre unhas cousas e outras fixósenos de madrugada, pero teño a sorte de que aos máis deles heinos de ver en apenas tres días.

2007-11-19, 11:39 | 0 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/53515

Comentarios

Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.167.215.35 (f09bef978c)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley