Aquí lles deixo a tradución ao galego dun artigo de James Benning para a serie Life in film da revista Frieze:
Cada pouco imparto un curso no
Instituto Californiano das Artes titulado "Mirar e Escoitar". Cada semana dez ou doce estudantes imos a algures para practicar o feito de prestar atención. Botamos un día enteiro cruzando un campo petrolífero, xuntámonos unha mañá cedo para ollar como o ceo vai enchéndose de luz, ou pasamos dez horas nos autobúses locais ou unha noite enteira pola rúa Quinta de Los Angeles. Descubrimos que mirar e escoitar é un acto político, e que as diferencias na maneira en que percibimos reflicten os nosos prexuízos coma individuos. Pídenme de vez en cando que dea este curso noutros lugares. Fíxeno a primavera pasada en Cidade de México. Despois de pasar o día nunha gran área industrial, preguntei, "Que foi o que vostedes viron e ouviron?":
Estudante un: Había unha parede branca no lado oposto da rúa. Era moi brillante. Á dereita había unha porta pequena aberta medio metro ou algo menos, provocando unha sombra rectangular sobre ela. No lado esquerdo había dúas portas máis que eran bastante grandes, pero non tiñan ningunha sombra, posto que non foran abertas. Estaba todo relativamente tranquilo - ou sexa, o típico ambiente industrial. Entón despois dalgúns minutos alguén saíu a través da porta pequena. A sombra cambiou dun rectángulo a un triángulo e logo ao revés cando esa persoa abriu e pechou a porta e marchou rúa abaixo. Despois non aconteceu nada durante moito tempo. Finalmente as outras dúas portas abríronse cara a dentro, descubrindo un espazo no que se albiscaba a presenza de dous homes que traballaban nalgures ao fondo daquel baleiro negro. Un dos homes acendeu unha antorcha de soldadura e voaron faíscas. A parede exterior seguía brillando. A sombra rectangular fíxose máis grande.
Estudante dous: Había unha pequena zona verde, e un camiño que a cruzaba diagonalmente de esquerda a dereita. Dous homes limpaban o camiñocon longas vasoiras de palla. Un dos homes limpaba primeiro de esquerda a dereita, e logo de dereita a esquerda. Facía un son coma un asubío,
xui-xui, xui-xui, xui-xui. Traballaba metodicamente, sen facer ningún descanso. O outro home limpaba de esquerda a dereita soamente. O seu son era continuo e máis rápido:
xui, xui, xui, xui... até que tomaba un descanso. Era moi musical.
Estudante tres: O camiño de ferro segue unha traxectoria curva por detrás de dúas vellas fábricas. Soaban coma unha fundición, pero non eran tal. Non estou seguro do que eran. A xente vivía en casas improvisadas nas dúas beiras da estrada. Había cativos e cans. Xusto onde eu me detiven unha estrada atravesaba as vías. Os vehículos que baixaban pola rúa freaban por mor das malas condicións do cruzamento. Mentres pasaban, podía escoitar parte das conversacións, ou os sons da radio. Palabras e cancións ían e viñan. Un camión grande non baixou a velocidade e cruzou facendo moito barullo. Todos os cans empezaron a ouvear.
Estudante catro: vin tres homes que descargaban un furgón cheo de po amarelo. Tiñan un tubo longo que aspiraba o po fora do vehículo. Un dos homes collía o tubo e ia enchendo sacos de tea que sostiñan os outros dous homes. Axiña que un saco estaba cheo, o home selábao e púñao nun palé. Cando o palé estaba cheo (arredor duns cincuenta sacos), un condutor carretaba con el. Entón un dos homes encargábase de conseguir un palé baleiro para substituír o cheo que acababan de levar. Estiven observando durante dúas horas. O proceso non se detivo nunca. O son era coma o da area movéndose, pero era difícil de escoitar co ruído dos motores de compresión. Seguían traballando co terceiro palé cando marchei.
Estudante cinco: Había uns vinte traballadores fóra da fábrica durante un descanso. Algúns estaban sentados nos bancos da fábrica. Un home con mono de traballo azul marino falaba cunha moza atractiva. Eles dous estaban de pé. Ela tamén vestía de azul, pero o seu traxe era moi fino. O tecido deixaba ver as súas formas. Quizá fose secretaria ou formase parte do equipo de xestión. Non podía escoitar o que estaban dicindo, pero podo dicir polos seus xestos que eles estaban flirteando. Tres mulleres con mono de traballo amarelo que estaban sentadas xuntas fumaban cigarros e rian. Dous homes á esquerda estaban concentrados nunha conversa seria. Eles dous tamén levaban roupa de traballo azul. Entón soou unha campá, e todos eles entraron de novo no edificio, que era laranxa.
Etc etc etc ... é unha das mellores películas que vin e escoitei nunca.
Ah, e esta mañá vin outro filme abraiante. Estaba na miña escola, que foi alugada para unha escola de verán do programa de artes. Os corredores estaban inzados de adolescentes. A carón dunha das galerías principais un home novo tocaba
unha peza de piano composta por
Erik Satie en 1893,
Vexations, que contén 840 repeticións e foi composta para ser interpretada de maneira continua. Fun alí e escoitei durante horas. Que gran sorpresa escoitar esa interpretación. De cando en cando uns cantos estudantes entraban, na maior parte dos casos por menos dun minuto, e logo daban a volta. Dúas rapazas ficaron na porta durante uns trinta minutos, perplexas e un chisco asustadas de entrar na xenialidade desta obra. Lembráronme a primeira vez que vin e escoitei a
John Cage. Despois, un estudante cego entrou e se sentou. Levaba un bastón vermello e branco pregábel, e deixouno recollido. Escoitou con máxima atención e aínda ficaba alí cando marchei. Imaxinen o que el percibiu.
James Benning
para saber máis: Talking about Seeing: a conversation with James Benning (Danni Zuvela) e
James Benning's Art of Landscape: Ontological, Pedagogical, Sacrilegious (Michael J. Anderson) en
Senses of cinema; o
perfil do cineasta que aparece na web do CalArts,
traducido ao galego
¶