caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > De Jane Wyman a Jane Wyman
> De Jane Wyman a Jane Wyman <

O pasado luns 10 de setembro morría aos noventa anos de idade no seu rancho de California a actriz Jane Wyman, a compañeira de Ray Milland no drama de Billy Wilder sobre o alcoolismo The lost weekend ou a xordomuda embarazada a causa dunha violación de Belinda, un personaxe que a convertiu en gañadora dun Oscar e para o cal se preparou durante seis meses nunha escola para xordos na que aprendeu linguaxe de signos. A Jane Wyman lembrámola tamén por Pánico na escena de Hitchcock, ou por un par de obras mestras de Douglas Sirk, Obsesión e Só o ceo o sabe, nas que compartiu escenas con Rock Hudson. Unha estupenda actriz que ademais non cantaba nada mal, e para proba, este In the cool cool cool of the evening de Hoagy Carmichael e Johnny Mercer que interpretaba xunto a Bing Crosby no filme Aquí ven o noivo de Frank Capra:



Jane Wyman estivo casada cinco veces, dúas delas co mesmo home, Fred Karger, un músico en nómina da 20th Century Fox, aínda que o máis célebre dos seus esposos foi un actor bastante limitado chamado Ronald Reagan que acabou sendo presidente dos Estados Unidos (iso de ser mal actor e meterse en política parece ser frecuente naquel país). Hai outro nome inevitábel ao falarmos de Jane Wyman: unha tal Anxela Channing.



Esta é a sintonía creada para a serie por Bill Conti, que foi en varias ocasións o condutor da orquestra das cerimonias dos Oscars (e tamén o autor da banda sonora d'O padriño... o videoxogo, non a película). A sintonía foi sufrindo lixeirísimas variacións cada nova tempada, até que na 89-90, a derradeira, déuselles por facer isto:



Falcon Crest proporcionoulle unha dourada xubilación a grandes figuras que coñeceron tempos mellores, nomes nalgúns casos míticos como os de Lana Turner, Kim Novak, Dana Andrews, Celeste Holm, Robert Stack, Ursula Andress, Mel Ferrer, Cliff Robertson ou Gina Lollobrigida. E tamén a Rod Taylor, o australiano que se fixo un oco n'Os paxaros de Hitchcock e que lle puxo voz ao can Pongo na versión orixinal de 101 dálmatas. Rod Taylor traballou en 1958 en Mesas separadas, un dramón de Delbert Mann con reparto multiestelar encabezado por David Niven, Deborah Kerr, Rita Hayworth, Wendy Hiller e Burt Lancaster, unha das grandes estrelas de Hollywood que soubo ademais moverse con fortuna no cinema europeo, en obras abraiantes como O Gatopardo de Luchino Visconti. O xenio italiano non só dirixiu cinema; tamén fixo teatro e ópera, entre elas varias producións para La Scala de Milán nos anos 50 que contaban coa presenza como primeira figura dunha muller de vida intensa e apaixonada que morría soa en París tal día coma hoxe de hai trinta anos, o 16 de setembro de 1977:



María Callas, o mito. Dona dunha extraordinaria capacidade dramática e dunha gorxa prodixiosa que forzou até rexistros inapropiados, feito que, din os expertos, acabou por deteriorar a súa voz. Hai quen lle bota a culpa tamén á súa brusca pérdida de peso, corenta kilos en apenas dous anos para intentar conseguir un corpo estilizado á maneira da súa admirada Audrey Hepburn. María Callas protagonizou un único filme, Medea, adaptación do clásico de Eurípides feita en 1969 por Pier Paolo Pasolini, un director que revisou de maneira revolucionaria as fontes da cultura occidental. Non só Eurípides, tamén Sófocles (Edipo Re) ou Boccaccio (Il Decameron), nos dous casos coa presenza sempre elegante de Silvana Mangano, que nese treito case final da súa carreira representou varios dos seus mellores papeis. Con Pasolini e tamén con Luchino Visconti (empezamos a desandar o camiño), que a dirixiu en Morte en Venecia, Ludwig e Grupo de familia, con Helmut Berger e Burt Lancaster, o lendario actor que xa citamos antes e que entre outros moitos filmes participou en Vera Cruz, o western de Robert Aldrich con Gary Cooper, Sara Montiel e Cesar Romero. E con este actor de longuísima carreira chegamos ao final da historia. Porque César Romero, ademais de facer de galán latino en moitos musicais, westerns e comedias, e de ser o malísimo Joker da sesenteira serie Batman que hai uns anos recuperou a TVG, foi tamén un dos moitos special guest stars da serie Falcon Crest, no papel dun multimillonario grego amigo e amante da tiránica matriarca que encarnaba Jane Wyman.

Extrarradio, 16 de setembro de 2007.

dos arquivos estranhos: De Infiel a Infiel (De Richard Gere a Liv Ullmann)

2007-10-14, 22:50 | 0 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/52793

Comentarios

Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.198.118.102 (1dcd232d5d)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley