caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Festival de Donostia 2007: sábado, 22 de setembro
> Festival de Donostia 2007: sábado, 22 de setembro <

Empezo o día con Buda estourou por vergoña, da novísima Hana Makmalbaf, filla de Mohsen e irmá de Samira; a súa magnífica acollida entre o público e a crítica asistente ao certame permite predicir a súa presenza no palmarés final, máis aínda se temos en conta que Bahman Ghobadi forma parte do xurado. A película responde ao prototipo de certo cinema iraniano, subxénero "neno na procura de". Neste caso temos a unha cativiña (encantadora) que quere ir á escola, pero para iso precisa un caderno, e para iso precisa cartos, e para iso precisa vender uns ovos no mercado. Ninguén quere os ovos, pero si hai quen lle pide pan, así que cambia uns por outros para acadar as moedas que precisa. Até aí, non hai queixa; o problema vén logo cando a nena é collida por outros rapaces que están "xogando á guerra" e compórtanse coma talibáns que ameazan mesmo con apedreala. A metáfora non é moi sutil que digamos, e aínda que non chegue a ser irritante lastra o resultado final, que dista moito de ser xa non brillante senón simplemente bo. Se queren ter unha segunda opinión, lean a Ángel S. Harguindey, que a el gustoulle moito.

Ás once paso polo confesionario que a organización do festival reservou para as radios, para participar no Extrarradio con Belén Regueira, Grial Parga e María Yáñez. De alí marcho ao Teatro Victoria Eugenia, onde botan ás doce do mediodía Ploy, dirixida polo noso segundo tailandés favorito, Pen-Ek Ratanaruang. Unha parella volve a Bangkok para asistir a un funeral despois de varios anos en América. Hospédanse nun luxoso hotel e alí coinciden cunha moza a agardar pola súa nai. O home convídaa a que suba con eles ao cuarto para evitar que pase horas mortas no bar, feito que provoca o enfado da súa dona. O filme fala de amor e desamor, dos celos e das fantasías que nos axudan a acadar a felicidade; os temas son, si, os de sempre, pero o que varía é o seu tratamento, ben orixinal e estimulante.



Vou logo con Blanca Oria á presentación do Festival de Albacete, onde este ano compite o meu amigo Marcos Nine coa súa peza JEDN; chegamos tarde para os discursos, pero cedo para os viños. Repoñemos forzas cun bocadillo e achegámonos ao pase das curtas de Kimuak. Saio antes de que acabe a sesión porque teño unha cita cos animaliños de Earth. As vistosas paisaxes deben ser idóneas para unha sobremesa, pero eu acho de menos unha manta e unha almofada. Penso que o mellor do documental é o tráiler:



Ás sete e media métome no Kursaal á Happy hour do audiovisual brasileiro, durante o cal anúnciase un acordo co audiovisual de noso que consistirá na coprodución de dous filmes entre ambos países (abstéñome de facer comentarios se non é diante do meu avogado). Despois de facer que ceo, entro un rato ao Teatro Principal, onde poñen Tnuah meguna. Ás doce da noite estou no Kursaal 2 coa entrada que me cedeu xentilmente José Luis Losa. Botan In the valley of Elah, de Paul Haggis, de quen xa detestara Crash. Esta é igual de torpe.

A miña pensión está moi perto da Kontxa, a dez minutos de camiño ou así. Son perto das tres cando pillo a cama: a última cousa que lembro ter feito antes de durmir é programar o despertador para as oito.

2007-09-25, 19:37 | 0 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/52412

Comentarios

Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.145.118.24 (5dc49f1f81)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley