caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > De Infiel a Infiel (de Richard Gere a Liv Ullman)
> De Infiel a Infiel (de Richard Gere a Liv Ullman) <

O venres sete de setembro fixéronse públicos os nomes dos dous gañadores do Premio Donostia deste ano, Liv Ullmann e Richard Gere. Esta noticia inspira a viaxe cinéfila de hoxe; tensando lixeiramente as regras, iremos dun ao outro valéndonos do feito de que ambos teñen unha película que en España se estreou co título Infiel.

Empezamos por Richard Gere, a quen se lle entrega o premio en primeiro lugar (o domingo 23 de setembro), e reparamos no seu filme Infiel (Unfaithful, 2002), dirixido por Adrian Lyne e inspirado noutro que rodara Claude Chabrol nos anos sesenta. Richard Gere e a estupenda e fermosa Diane Lane compoñen a típica parella aparentemente perfecta cuxa vida cambia cando ela fica atrapada nunha relación adúltera cun home máis novo, Olivier Martinez. Uns anos antes, Max von Sydow e Diane Lane coincidiran no reparto de Xuiz Dredd, aquel bodrio con Sylvester Stallone, así que poderíamos coller ese atallo para acabar pola vía rápida, pois a partir de Max von Sydow (Premio Donostia o ano pasado) chegamos de mil maneiras a Liv Ullmann; pero realmente prefiro evitar o paso por esa desastrosa película para non ferir a miña dignidade, así que buscaremos un camiño alternativo, máis longo pero tamén máis proveitoso. Non imos deternos máis en Unfaithful de Adrian Lyne, que tampouco merece moita atención, pero si imos ocuparnos brevemente de Richard Gere, un home que tardou bastantes anos en tirar a etiqueta de sex-symbol para empezar a ser recoñecido como actor.



Gostemos máis ou menos de Richard Gere, o que é innegábel é que ao longo da súa carreira traballou para moitos grandes directores; non precisamente nos seus mellores proxectos, é certo, pero ninguén lle quita ter colaborado con Robert Altman (Dr T e as mulleres), Robert Mulligan (Stony, sangue quente), Terrence Malick (Días do ceo), Francis Ford Coppola (Cotton Club), Sidney Lumet (Power) e mesmo Akira Kurosawa (Rapsodia en agosto).

En Donostia homenaxean a Richard Gere coa estrea en España de The hoax, de Lasse Hallstrom, o director sueco ao que recordamos (uns con máis afán que outros) por As normas da casa da sidra, con Tobey Maguire, Charlize Theron e o gran Michael Caine; Chocolat, con Johhny Depp, Juliette Binoche e Judi Dench, ou Atando cabos, con Kevin Spacey e Julianne Moore. Antes de chegar a Hollywood fixo moito cine na súa Suecia natal, e algún dos seus títulos acadou bastante sona, nomeadamente A miña vida coma un can, comedia dramática con neno protagonista que lle proporcionou dúas candidaturas ao Oscar, como mellor director e guionista, malia tratarse dun filme non americano. Un pouco antes, no ano 1977, rodou unha película protagonizada por Anni-Frid Lyngstad, Benny Anderson, Björn Ulvaeus e Agnetha Fältskog. Dicindo os apelidos ao mellor nótase menos que estou falando dese famosísimo cuarteto que triunfou en Eurovision cantando Waterloo: o grupo ABBA.



Ademais de dirixir ABBA: The movie, sobre unha xira australiana do grupo, Lasse Hallström foi o realizador de practicamente todos os vídeos musicais que fixeron, recurso promocional que a mediados dos setenta aínda non era demasiado común, e que á banda serviulle para chegar a lugares onde lles era imposíbel acudir fisicamente por varias razóns: a) porque o seu éxito foi mundial e non podían ir obviamente a todas partes, b) porque Agnetha tiña medo a voar e iso dificultaba os traslados, e c) porque Agnetha e Björn tiñan dous cativos e non querían separarse deles por longos periodos de tempo.

Lasse Hallström reside desde hai máis de dez anos nos Estados Unidos, en Bedford (Nova York), xunto á súa dona, Lena Olin, actriz sueca de moi irregular filmografía, pero que nalgún momento pareceu ter madeira de estrela, cunha candidatura ao Oscar como actriz secundaria nada máis aterrar no cine americano, na comedia dramática de Paul Mazursky Enemigos: unha historia de amor (con Anjelica Huston e Ron Silver). Disque Sidney Pollack quedou tan fascinado con Lena Olin que refixo un guión para que se adaptase especialmente a ela. Habana foi un intento de trasladar o espírito romántico de Casablanca á convulsa Cuba de finais dos cincuenta. O resultado non foi moi afortunado malia contar con Robert Redford de protagonista e ter unha música estupenda de Dave Grusin.

Por que unha muller co potencial de Lena Olin naufragou logo en proxectos tan demenciais como A novena porta, Mistery Men, A raíña dos condanados, Darkness ou Bang Bang Orangutang, unha castaña que estivo a concurso en Donostia hai un par de anos, e cuxo director, Simon Staho, ameaza este ano con outra na Sección Oficial? Pois quen sabe; é un deses misterios do audiovisual: xente que aparentemente teno todo para triunfar acaba esnafrándose e ficando reducida á condición de “esposa de” ou “marido de”, mentres que outros a priori non dotados dun talento especial acaban demostrando bo ollo e intuición á hora de elexir proxectos.

Non esquecimos a Lena Olin, pois é ela quen nos permite achegarnos ao noso destino. A súa primeira aparición no cine aconteceu no filme Cara a cara de Ingmar Bergman, co que repetiría cunha personaxe máis destacada en Despois do ensaio, un dos varios traballos feitos para a televisión polo mestre sueco despois do grande esforzo de produción que foi Fanny e Alexander, o derradeiro gran esforzo de produción (e despedida do cine en sentido estrito) do mestre sueco, e na que por certo tamén aparecía Lena Olin.

De Ingmar Bergman era o guión de Infiel (Trolössa, 2000), e tamén o de Confesións privadas, películas as dúas que se verán no Festival de Donostia para honrar á súa directora, Liv Ullmann, protagonista da derradeira película de Ingmar Bergman, Saraband, e doutras moitas películas do mestre sueco (Cara a cara, O ovo da serpe, A frauta máxica, Escenas dun matrimonio, Berros e murmúrios, Sonata de outono, A vergoña, A hora do lobo, Persoa, Paixón...)



E xa que antes escoitamos a Richard Gere cantando, imos facer o mesmo con Liv Ullmann para pechar o círculo de hoxe. A actriz sueca fixo teatro en Broadway; non só A casa de bonecas de Ibsen e a Anna Christie de O'Neill que en cine encarnara Greta Garbo. Tamén fixo teatro musical, o I Remember Mama de Richard Rodgers no que cantaba así (o vídeo ten pésima calidade, pero oír óese):



Extrarradio, 9 de setembro de 2007

dos arquivos estranhos: De Tim Burton a Tim Burton

2007-09-18, 02:28 | 0 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/52230

Comentarios

Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.196.74.142 (bdb57ed074)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley