Sei que noutros portos hai xente moi partidaria da Caótica Ana de Julio Médem, pero eu debo dicir que había tempo, moito tempo, que non saía tan amolado dun cine; levo visto cousas peores, por suposto, pero non recordo ningún outro filme que me producise a mesma sensación de indignidade (nin sequera Hotel Tívoli). O alucinante é que xa desde a primeira e absurda escena cos paxarracos tiña a certeza de que a cousa non podía ir ben, pero Julio Médem foi capaz de superarse e conseguir que cada minuto me parecese peor que o anterior, até chegar a ese escatolóxico 69 que lle provocou ao amigo José Luis Losa unha risa liberadora. O reparto está á altura (ou á baixura) dos resultados, empezando pola protagonista, Manuela Vellés, facendo de artista hippie e naif como saída de "Los mundos de Yupi", e proseguindo por Charlotte Rampling (perdidiña de todo), Bebe (quero ser chica Almodóvar), o hipnotizador, o amante saharaui, e o homiño este que fai performances despelotado e que leva varias décadas encarnando a adolescentes en series de televisión. Unha verdadeira cagada, neste caso tamén en sentido literal.
¶
...móllese e diga o motivo de tal indignación, porque concordo que os actores frouxean en certos momentos, pero a desigual historia ten momentos de fermosa tenrura (a comida na cova), moito doble sentido (creo que todo o filme é en sí ambiguo, co xogo da morte e a vida que a muller leva en sí), unha música moi acorde (con pasaxes de gran carga emotiva, salvo o concerto) e en xeral unha sensación de benestar incómodo... é caótica no desenrolo e na elección de actores, pero creo que tamén iso a achega ó punto bohemio que igual trata de transmitir...
A miña indignación vén dada porque non achei nela nada que me pareza minimamente razoábel, nin esteticamente interesante; e porén si padecín infinidade de momentos ridículos: o encontro no restaurante co malísimo facedor de guerras e a posterior escena do hotel; todas as performances, os cadros e accións pseudoartísticas que inzan o filme; a inanidade dos descursos antibélicos ou prosaharauis, que exudan tanta progresía de postín; todas as aparicións de Manuela Vellés camiñando polas rúas con cara de lela, e un longo longo longo etcétera. A min Caótica Ana non me parece un caos: paréceme un disparate, que é unha cousa moi diferente.
Vaia home, pois pasóuseme esta entrada. De todos xeitos a xente coa que falei oscila entre o total rexeitamento e a completa adhesión, así que supoño que todo depende de se queremos ver escatoloxía ou xustiza poética, mística intragábel ou discurso feminista de redención (un tanto bioloxicista para o meu gusto, pero ben).
É raro que os actores con Médem non estean forzados, aínda que desta vez pode que fose de máis (coller a unha debutante absoluta como protagonista é case tan boa idea como coller a Paz Vega para... calquera papel?). Un saúdo.
O sistema de comentarios está á disposición dos leitores de "días estranhos" exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.