Andy Warhol botouse a facer cinema en 1963, uns meses despois da súa primeira exposición individual como pintor na que causaron sensación as súas latas de sopa Campbell. O paso ao celuloide non foi en ningún caso un simple capricho de artista cotizado: entregouse á
realización de películas con verdadeira paixón até o punto de producir centos delas en só seis anos. Acadou unha destacada sona como creador experimental e mesmo chegou a anunciar o abandono da pintura en favor dos filmes, que xulgaba "máis emocionantes". O intento de asasinato por parte de Valerie Solanas acabou definitivamente co seu entusiasmo; despois dese traumático episodio limitouse a dirixir
Blue movie e a apoiar a produción das que rodou
Paul Morrisey con
Joe Dallesandro como protagonista, que por seren máis convencionais e comerciais gozaron dunha moi superior difusión. É unha crenza xeralizada que a pegada do xenio nesas pezas é relevante, pero non é tal; a dicir de
Jonas Mekas son de feito "unha boa ilustración do que non é Andy Warhol". A confusión veu apoiada pola imposibilidade de acceder á filmografía xenuinamente warholiana durante varias décadas, primeiro por vontade do autor, que decidiu retiralas da distribución a comezos dos setenta, e logo, despois da súa morte, polas típicas leas entre herdeiros.
As dificultades reais para ver as películas de Warhol, feito ao que non son alleas as peculiares características dalgunhas delas (nomeadamente a súa duración, que se estende até as oito horas no caso de
Empire), explican tamén o grande número de erros que se repiten unha e outra vez nos textos que examinan a súa obra. Erros que son desmontados e aclarados neste
rigoroso libro de
Alberte Pagán, que evita falar por boca doutros e parte da análise directa dos filmes. Posto que non existe un catálogo completo do cinema de Warhol e que hai aínda infinidade de fitas inéditas, o traballo de Pagán non pretende ser enciclopédico e asume con honestidade o carácter parcial do seu esforzo, cuxo interese e valor ultrapasa en calquera caso o ámbito galego.
Alberte establece unha clasificación esencial na traxectoria do cineasta: un conxunto de filmes iniciais resoltos mediante planos fixos, en contraposición a aqueles posteriores nos que Warhol optará por desprazar a cámara e facer panorámicas, varridos e desenfoques.
A mirada impasíbel ocúpase desta primeira fase; a outra será revisada nunha próxima entrega que levará por título
A mirada inqueda. O Warhol da cámara estática é un home de ollada fría e entomolóxica, "cruel na súa crueza"; alguén que se deixa levar pola contemplación agradecida dos seus personaxes, mesmo cando o personaxe é un edificio. En palabras de Pagán, "o estatismo devén esteticismo", e deriva nun exquisito coidado na maneira de iluminar e de compoñer os planos que non se reproducirá coa mesma intensidade nos traballos con cámara en movemento. E é que se hai un rasgo que caracteriza
A mirada impasíbel é o convencimento co que o autor reivindica o valor estético destas películas. Fronte á súa caracterización tradicional como "obras conceptuais", máis interesantes cando se fala delas que cando se ven -idea exposta polo propio Warhol- Alberte Pagán defende a súa beleza plástica, a sofisticación pictórica dos encadres e a precisión no manexo da luz e os seus sutís cambios; a calidade como retratista que reflicten os numerosísimos "screen tests" e mesmo o sofisticado traballo de montaxe que hai detrás dunha obra como
Sleep, descrita polo común como un puro plano de cinco horas dun home durmindo. Non é preciso que o lector comparta os postulados de Alberte, ou que fique convencido polos seus argumentos, para recoñecer a extraordinaria valía do seu libro, especialmente importante polo que ten de inusual nunha industria cultural como a nosa.
(Publicado en PROTEXTA, Suplemento de libros da revista TEMPOS NOVOS, nº 3, verán 2007)
¶