caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > De Bob Dylan a Bob Dylan
> De Bob Dylan a Bob Dylan <

A edición número 64 do Festival de Venecia, que comeza o vindeiro 29 de agosto, inclúe este ano entre os filmes a concurso o novo traballo de Todd Haynes, I'm not there, un estraño proxecto que mestura varias historias ambientadas na América dos 60 e 70 que aluden a aspectos ou etapas da vida de Bob Dylan. Cada unha desas historias está protagonizada por un personaxe distinto, sempre cun claro carácter dylanesco: Woody (Marcus Carl Franklin), un neno negro de once anos que anda fuxindo de todas partes; Robbie (Heath Ledger), un artista mullereiro “on the road”; Jude (Cate Blanchet), unha estrela de rock andróxina; John / Jack (Christian Bale), un ídolo folk que se reinventa como evanxelista, e o máis vello de todos, Billy (Richard Gere), un famoso fuxitivo que está vivo de milagre. Non é a primeira vez que Todd Haynes se achega ao mundo da música; é ben coñecida Velvet Goldmine, película protagonizada por Ewan MacGregor e Jonathan Rhys-Meyers que revisaba a traxectoria dunha estrela do glam-rock vagamente inspirada no personaxe Ziggy Stardust creado por David Bowie. Antes diso, alá por 1987, fixera unha mediometraxe con bonecas Barbie que relataba o triunfo e caída de Karen Carpenter, falecida aos 32 anos por un paro cardíaco derivado da anorexia nerviosa que arruinou a súa vida. Un filme hoxe retirado de circulación despois dun proceso xudicial iniciado por un Richard Carpenter horrorizado co tratamento que do tema daba Hayness e a resultas do cal (case) todas as copias da película foron destruídas.

Evidentemente, o que máis curiosidade nos produce de I'm not there é ver facendo de Dylan a Cate Blanchett, unha actriz que levou o Oscar por encarnar á gran Katharine Hepburn en O aviador, de Martin Scorsese. O director italoamericano ten varios proxectos en carteira e un pendente de estrea, Shine a light, documental que reflicte a súa persoal visión dos Rolling Stones. Isto faime pensar na primeira aparición cinematográfica dos Rolling, un documental bastante máis antigo (1966) e hoxe de moi dificil acceso por vontade dos propietarios dos dereitos: Charlie is my darling, de Peter Whitehead.

De Peter Whitehead xa falamos no Extrarradio con ocasión do ciclo que lle dedicou o Festival de Gijón e o CGAI. Estudou ciencias na universidade de Cambridge e mesmo chegou a traballar para Francis Crick, o codescubridor da estrutura do ADN; xa daquela empezou a facer teatro e coñeceu a xente como Syd Barret e o actor Ian MacKellen. Despois de formarse como pintor e director, debutou como cineasta cunha curtametraxe científica, The perception of life (1964), composta de imaxes tomadas a través de microscopio. A década dos sesenta foi a súa: retratou a contracultura e todos os acontecementos dunha época fascinante en películas a medio camiño entre o documental e o ensaio (auto)biográfico que mesturaban con brío diferentes texturas e estilos. A peza suprema é The fall, pero nun día no que estamos especialmente musicais non debemos esquecer que tamén filmou un concerto de Led Zeppelin e o traballo de Pink Floyd nesa primeira e psicodélica etapa do amigo Barret. O que nos interesa para seguir o fío de hoxe, porén, é unha das súas primeiras obras, Wholly communion, que recolle un recital celebrado en Londres en 1965 no que participaron entre outros os poetas americanos Allen Ginsberg e Lawrence Ferlingheti.

Lawrence Ferlinghetti naceu en Yonkers en 1919; o seu pai era de Brescia e mudou en “Ferling” o apelido familiar, pero o fillo poeta decidiu máis adiante desfacer o cambio. Estudou na Universidade de Columbia e na Sorbona en París e camiño dos anos 50 trasladouse a San Francisco. En 1953 Ferlinghetti abriu alí xunto a Peter Martin unha librería á cal lle puxeron por nome City lights, en homenaxe ao incomparábel filme de Charles Chaplin. Aos dous anos Peter Martin marchou a nova York, e Ferlinghetti en solitario empezou a editar libros, sobre todo poesía. Entre eles, o mítico Howl, de Allen Ginsberg ("I saw the best minds of my generation destroyed by madness, starving hysterical naked, dragging themselves through the negro streets at dawn looking for an angry fix..."). O libro contén diversas referencias a drogas e prácticas sexuais que motivaron un xuízo por obscenidade, no cal o editor Ferlinghetti contou co apoio de diversos expertos en literatura e de grupos a prol das liberdades civís. O xuíz determinou finalmente que Howl non era obsceno e salientou a protección que a Primeira Enmenda supuña para a liberdade de expresión, decisión que apoiou a posterior edición doutras obras “prohibidas”, como Tropic of Cancer de Henry Miller ou Lady Chatterley's lover de de D. H. Lawrence. Nin que dicir ten que Howl, con toda a polémica ás súas costas, acabou tendo unhas ventas moi importantes; grazas a elas e ao prestixio adquirido como editores independentes, “City Lights” quedou extraordinariamente reforzada.

O 25 de novembro de 1976 Lawrence Ferlinghetti recitou o poema Loud Prayer no concerto de despedida de The Band, lendario grupo cuxo batería, Levon Helm, desenvolveu logo unha esporádica carreira como actor en películas como Quero ser libre, Elexidos para a gloria ou Os tres enterros de Melquíades Estrada. Ese concerto, que foi recollido pola cámara de Martin Scorsese nun filme memorábel, The last waltz, contou coa colaboración dunha chea de grandes figuras: Eric Clapton, Neil Diamons, Neil Young, Emmylou Harris, Van Morrison, Ron Wood, Joni Mitchell, Ringo Star... Entre eles estaba, como non, Bob Dylan.



Extrarradio, 19 de agosto de 2007

dos arquivos estranhos: De Before sunrise a Before sunset

2007-08-22, 22:24 | 0 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/51674

Comentarios

Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.225.16.10 (f23115c6d6)
Comentario
¿Cuánto es: mil + uno?









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley