caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > De Before sunrise a Before sunset
> De Before sunrise a Before sunset <

Esta semana non chegamos tampouco ao mesmo sitio de onde partimos; empezamos cunha película e chegamos a outra diferente, aínda que non demasiado. Non importa, en calquera caso, porque hoxe, máis que nunca, o que importa non é o principio nin o fin, senón o camiño.

De “Before sunrise” a “Before sunset”

Un mozo americano, Jesse (Ethan Hawke), e unha estudante francesa, Celine (Julie Delpy), coñécense nun tren e deciden pasar unhas horas xuntos en Viena, coa chegada dun novo día como límite para a súa relación. Ese era o argumento de Before sunrise, de Richard Linklater, unha delicia que nos sorprendeu alá polo ano 1995.

Viena é, sen dúbida, unha boa proposta para vacacións, pero quizá alguén prefira unha viaxe máis exótica. Dous anos despois de coñecer Viena, Ethan Hawke pretendía en Gattaca un destino un chisco máis afastado: Titán, que cos seus 5150 kilómetros de diámetro é a maior das lúas de Saturno e o segundo satélite máis grande do sistema solar, despois de Ganímedes (de Xúpiter). Titán é tamén o único satélite que posúe unha verdadeira atmosfera, composta case totalmente por nitróxeno (98,4% nitróxeno, 1,6% metano); nunha ben lembrada escena do filme Ethan Hawke explicáballe a Jude Law como era Titán enchendo unha copa de viño con fume de tabaco. Cos seus 90K de temperatura media (uns -183 graos centígrados) desde logo ninguén podería queixarse da calor. Titán é un dos obxectos que máis noticias está xenerando nos últimos tempos; por exemplo, a existencia de nubes e lagos de metano, etano e outros compostos orgánicos que detectou a sonda Cassini.

Como Titán non está ao alcance do ser humano aínda, buscaremos outros destinos aquí na Terra, e para iso valémonos de que o director da corporación Gattaca era Gore Vidal, o coñecido escritor americano. Gore Vidal fixo varios guións para o cinema, entre eles o do Calígula de Tinto Brass, ou por citar un máis digno Suddenly, last summer (título que se refería a unhas decisivas vacacións en España do personaxe encarnado por Elizabeth Taylor). Aínda que non estivo acreditado, Gore Vidal participou na escritura do mítico Ben Hur; no documental The celluloid closet dicía que el convencera ao director William Wyler de que era bo suxerir sutilmente que entre o machote Ben Hur e o seu amigo romano Massala houbera no pasado algo máis romántico que unha bonita amizade. Segundo Gore Vidal só lle explicaron isto ao actor Stephen Boyd, que actuaría supostamente de maneira que parecese o reencontro de dous namorados, pero non a Charlton Heston. Quen sabe se as cousas aconteceron exactamente desa maneira, ou se todo é ou unha pequena broma dun home ao que seguramente lle encantaría meterlle un dedo no ollo ao moi reaccionario líder da Asociación do Rifle.

Unha vez que chegamos a William Wyler, temos moi doado o de seguir viaxando. Porque, a ver... a quen non lle apetecería pasar unhas Vacacións en Roma con alguén parecido a Audrey Hepburn ou Gregory Peck?. E da man de Audrey Hepburn poderiamos seguir viaxando até aborrecer. Polo Nova York de Breakfast at Tiffany's (Blake Edwards, 1961), polo Londres de My fair lady (George Cukor, 1964), polo Congo de Historia dunha monxa (Fred Zinemman, 1959), pola Rusia recreada en Cinecittá de War and peace (King Vidor, 1956) ou tirar polas estradas do sur de Francia no eterno amar e desamar que describía Two for the road (Stanley Donen, 1967, con Albert Finney). Pero se hai unha cidade asociada á filmografía de Audrey Hepburn, esa é París. Era París onde escapaba unha mociña chamada Sabrina para esquecer amores adolescentes por un frívolo home de familia rica (William Holden), para acabar descubrindo á súa volta que o irmán maior Humphrey Bogart, tan serio el, era moito máis interesante; era París a cidade á que viaxaba a modelo Jo Stockton, naquel filme, Funny face (Stanley Donen, 1957) no que o fotógrafo era Fred Astaire. Era en París onde vivía a estudante de cello Arianne, filla dun detective coa cara de Maurice Chevalier e que conseguía reformar a un sedutor Gary Cooper, en Love in the afternoon (Billy Wilder, 1957). E sobre todo era en París onde se desenvolvía esa marabillosa comedia con intriga e misterio que é Charade, con ese Cary Grant que cambiaba de nome e identidade cada pouquiño, desconcertando a unha en calquera caso namoradísima Audrey Hepburn. Unha alfaia dirixida por Stanley Donen, un home de seu moi viaxado, pois de feito debutou como director con Un día en Nova York e pechou a súa carreira con Lío en Río (con Michael Caine flirteando coa filla do seu mellor amigo).

París é o escenario de infinidade de películas (case poderiamos dicir que París = Europa no cinema americano), e é nesa cidade onde transcorre o novo filme da actriz -por certo, parisina- Julie Delpy, que dirixe, escribe, protagoniza, coproduce, monta e mesmo compón a música de 2 días en París, que se estreou antonte en España. Mentres agardamos para vela, podemos revisar Before sunset, de Richard Linklater, o encontro en París deses Jesse e Celine dos que falabamos ao comezo, moitos anos despois da súa tarde/noite en Viena. Imposíbel resistirse, en particular se alguén como Julie Delpy nos canta unha canción:



Extrarradio, 12 de agosto de 2007

dos arquivos estranhos: De Michelangelo Antonioni a Ingmar Bergman

2007-08-17, 00:44 | 0 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/51570

Comentarios

Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.197.75.83 (ccf77fbda8)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley