caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > De Michelangelo Antonioni a Ingmar Bergman
> De Michelangelo Antonioni a Ingmar Bergman <

Non podía ser doutra maneira: hoxe rompemos a estrutura habitual da sección neste verán para honrarmos ás dúas grandes figuras do cinema recentemente falecidas.

De Michelangelo Antonioni a Ingmar Bergman

Michelangelo Antonioni naceu en Ferrara en 1912. Estudou ciencias económicas en Bolonia, pero acabou por dedicarse ao xornalismo, exercendo como crítico na revista “Cinema”. Ao cinema de verdade, non ao de papel, chegou nos anos corenta como axudante de realización e guionista, traballando con cineastas tan coñecidos como Rossellini e Fellini. A súa obra como director comeza asumindo os postulados do neorrealismo, pero pouco a pouco vai rachando con eles para achegarse ao existencialismo e explorar a “angustia da modernidade”: a incomunicación, a soidade, a tensión dun mundo industrializado e deshumanizado, a pobreza emocional da clase burguesa, incapaz de amar e de expresar os seus sentimentos... “Os meus filmes míranse coma estatuas”, dixo algunha vez, e abofé que a frase resulta -para ben e para mal- moi reveladora do seu estilo e intencións. Antonioni era un home minucioso que traballaba moito a estética visual e sonora dos seus filmes (o xeito de empregar a cor, os silencios, os sons naturais) e intentou aproximarse ao espírito dos novos tempos (o “swinging London” en Blow up, o movemento hippie en Zabriskie Point) non sempre con fortuna. Verdadeiro tótem do cinema de autor europeo nos anos sesenta, o seu aprezo entre a crítica foi diminuíndo co andar dos anos; os seus últimos filmes non foron moi ben acollidos que digamos e nalgúns casos (por exemplo, o derradeiro, o seu episodio para a película Eros) non poden inspirar outra cousa que lástima. Pero moito antes diso deixounos títulos que convén coñecer e/ou revisar -tamén para ben e para mal-, entre os que destacamos L'avventura (1960), Premio do Xurado no Festival de Cannes; La notte (1961, con Mastroianni e Jeanne Moureau, Oso de Ouro en Berlín), L'eclisse (1962, con Paco Rabal, Monica Vitti e Alain Delon) ou Il deserto rosso (León de Ouro en Venecia), todas elas co-escritas co guionista Tonino Guerra e coa participación da actriz Monica Vitti, coa que mantivo unha relación non só profesional. A musa da incomunicación debeu ficar tan liberada ao deixar a Antonioni que empezou a facer comedias trosmas e produtos tan bizarros como Modesty Blaise (Joseph Losey, 1966).

Falabamos a semana pasada de Blow up, con David Hemmings e Vanessa Redgrave, Palma de Ouro en Cannes en 1967, e xustamente é esta actriz quen nos serve para conectar o principio e o final da historia de hoxe, pois Redgrave traballou en 1974 con Bergman na película Asasinato no Orient Express, dirixida por Sidney Lumet. Non, non falo de Ingmar aínda, senón de Ingrid Bergman, que tamén era sueca, e que por ese filme levou o seu terceiro Oscar (como mellor actriz de reparto). Catro anos despois Ingrid Bergman traballaba por fin xunto ao outro Bergman, Ingmar, na película Sonata de outono (pola que tamén foi candidata ao Oscar), coprotagonizada por Liv Ullman.

Ingmar Bergman naceu en Uppsala, Suecia, en 1918. O seu pai era pastor luterano e recibiu unha educación extremadamente rigorosa, circunstancia que o marcou ao longo de toda a súa vida. Estudou arte e literatura en Estocolmo, e desde 1942 dedicouse ao teatro, actividade á cal non renunciou nunca malia converterse nunha figura destacadísima do cinema mundial. Na súa primeira etapa como director atopamos varias comedias, como Un verán con Mónica, ou Sorrisos nunha noite de verán, feito que quizá sorprenda a aqueles que só saiban dos seus títulos máis “austeros”. O xiro temático márcao O sétimo selo, unha obra mestra que comezaba co celebérrimo encontro dun cabaleiro que volvía das Cruzadas, Max von Sydow, e a Morte, á cal retaba a unha partida de xadrez. O tema da morte, tan tipicamente seu, reaparece en Fresas salvaxes, protagonizada polo tamén director Victor Sjöstrom, a viaxe dun vello profesor que vai recibir un premio e revisa a súa vida. As cuestións relixiosas foron tamén un foco permanente de atención de Bergman, que se moveu entre un cristianismo máis filosófico que relixioso e o agnosticismo. O seu cinema metafísico e complexo volvíase ás veces impenetrábel, pero moitas outras das súas obras chegaron a ser moi populares -Secretos dun matrimonio, Fanny e Alexander-, en parte por existiren montaxes estendidas para a televisión, que acabou sendo o refuxio final, onde produciu a súa derradeira alfaia.

Extrarradio, 5 de agosto de 2007

Actualización: no New York Times, un artigo de Woody Allen sobre Bergman (The Man Who Asked Hard Questions) e outro de Martin Scorsese sobre Antonioni (The Man Who Set Film Free)

dos arquivos estranhos: De James Benning a James Benning

2007-08-09, 15:36 | 0 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/51422

Comentarios

Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.196.18.46 (9ac191d804)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley