caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Ciclo de cine ao aire libre Realidade'07
> Ciclo de cine ao aire libre Realidade'07 <

Ante a crecente uniformización das salas de cinema, ocupadas maioritariamente por producións comerciais deseñadas para o éxito, os afeccionados estamos xa afeitos a buscar na periferia do sistema as pezas menos convencionais, aquelas que exploran outros temas e linguaxes e nos amosan olladas e voces diferentes. O ciclo Realidade'07 camiña este ano ao extrarradio na procura doutras maneiras de entender o cinema.

Dise de moitos filmes que son "necesarios", pero poucas veces ese adxectivo foi tan certo como con Bamako, unha das máis grandes películas estreadas nos últimos anos. O director e guionista Abderrahmane Sissako escenifica un xuízo contra as institucións financeiras internacionais que afogan a nación africana e constrúe un discurso crítico absolutamente irreprochábel, posuidor dunha inusual capacidade reveladora mesmo para aqueles que xa coñezan os argumentos expostos. Lonxe dos vicios mitineiros doutros cineastas máis coñecidos pero non tan valiosos, Sissako mestura a xeopolítica da fame co retrato costumista; o resultado transpira sinceridade para situarnos diante dunha verdade, esta si, decididamente incómoda.

La hamaca paraguaya é unha extraordinaria sorpresa, empezando xa pola súa propia procedencia, Paraguai, un país que carece de industria cinematográfica e no cal non chegou a producirse ningún filme en 35 mm nas últimas tres décadas. Paz Encina elabora a súa primeira longametraxe a partir de tomas fixas de moi longa duración e sen apenas movemento interno; as imaxes non están ademais estritamente sincronizadas coa banda de son, que nos descobre as conversas cotiás dunha parella de anciáns a agardaren pola volta do fillo. Ese deliberado distanciamento convértese, porén, na solución idónea para encher de verdadeira emoción un relato fermosísimo, guiado por unha dolorosa melancolía.

Afastándose dos hábitos verborreicos do peor cinema español, José María de Orbe aposta en La línea recta pola subtileza e o valor expresivo do silencio. A súa protagonista, unha repartidora de publicidade lacónica e algo desorientada, é a perfecta encarnación do noso tempo: alguén que tira para adiante sen se facer grandes preguntas e que non quere e/ou non sabe comunicarse coa multitude urbana que a rodea. Obra elegante e depurada, La línea recta é a proba de que en España se están a encetar novos e estimulantes vieiros fílmicos.

O cinema producido en Romanía leva tres anos seguidos destacando no Festival de Cannes. A Palma de Ouro recibida recentemente polo filme de Cristian Mungiu 4 meses, 3 semanas e 2 días tivo un antecedente no triunfo da espléndida e aquí aínda inédita A morte do señor Lazarescu de Cristi Puiu, premio "Un Certain Regard" no 2005. Entre unha e outra houbo oco e tamén galardón para a precisión e a ironía demostradas por Corneliu Porumboiu en 12:08 Ao leste de Bucarest, unha estupenda sátira social e política conducida por un memorábel trío de actores que obtivo o recoñecemento do xurado da FIPRESCI na edición do 2006.

Cando Bertrand Tavernier veu ao Festival de Donostia para presentar Holy Lola -proxectada no ciclo Realidade'06-, un xornalista preguntoulle na rolda de prensa por algún filme recente de que gostase especialmente. A película que recomendou o mestre francés foi Keane, de Lodge Kerrigan, filme que ben axiña escapa do angustioso drama que semella ser nun primeiro momento para moverse cara a territorios máis complexos e ambiguos. A esforzada e contida interpretación de Damian Lewis dá credibilidade a un personaxe que o actor consegue facer atractivo e inquietante a un mesmo tempo.

Fichas dos filmes

As proxeccións terán lugar na Praza da Estrela de Vigo, ás 23 horas:

Bamako [25 de xullo]
Mali-Francia-EEUU, 2006.
Selección Oficial Festival de Cannes 2006
Dirección: Abderrahmane Sissako. Guión: Abderrahmane Sissako. Fotografía: Jacques Besse. Montaxe: Nadia Ben Rachid. Duración: 115 minutos. Reparto: Aïssa Maïga (Melé), Tiécoura Traoré (Chaka), Hélène Diarra (Saramba), Habib Dembélé (Falaï), Danny Glover, Elia Suleiman, Jean-Henri Roger, Zeka Laplaine, Abderrahmane Sissako (cow-boys). Estrea en España: 18 de maio de 2007. Sinopse: No patio dunha casa de Bamako celébrase un xuízo. Diferentes representantes da sociedade africana acusan o Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional como responsábeis do subdesenvolvemento do continente. Ao tempo que se suceden as declaracións e testemuños a vida continúa no barrio, en particular para unha cantante chamada Melé e para o seu marido, Chaka.

Convertido xa nunha das figuras esenciais do cinema contemporáneo, o mauritano Abderrahmane Sissako (Kiffa, 1961) deuse a coñecer internacionalmente cunha fermosa película ambientada nos últimos días de 1999, A Vida sobre a Terra. A excelente Heremakono (Agardando a felicidade) gañou o Premio FIPRESCI no "Un certain regard" de Cannes 2002, e o Premio Especial do Xurado no Festival de Xixón. En Francia o seu filme Bamako levou máis de douscentos mil espectadores ás salas de cinema.

La hamaca paraguaya [26 de xullo]
Arxentina-Paraguai-España-Francia- Holanda-Austria-Alemaña, 2006.
Premio FIPRESCI ("Un certain regard", Cannes 2006). Seleccionada na bolsa de proxectos "New Crowned Hope"
Dirección: Paz Encina. Guión: Paz Encina. Fotografía: Willi Behnisch. Montaxe: Miguel Sverdfinger. Duración: 78 minutos. Estrea en España: 15 de xuño de 2007. Reparto: Ramón del Río (Ramón), Georgina Genes (Cándida). Sinopse: Xuño de 1935. Nalgún lugar de Paraguai dous anciáns, Cándida e Ramón, agardan o regreso do seu fillo, que marchou da casa para loitar na Guerra do Chaco. Entre a esperanza e o pesimismo o tempo transcorre mentres falan da calor que non desaparece, da chuvia que non cae, dunha cadela que non deixa de ladrar. O fin da guerra e a chegada das primeiras noticias provocará neles un cambio de actitude.

O debut na longametraxe de Paz Encina (Asunción, 1971) é tamén o primeiro filme rodado en 35 mm no seu país desde que en 1978 o goberno ditatorial de Alfredo Stroessner apoiase a produción de "Cerro Corá". "La hamaca paraguaya" está falada en guaraní, que é a lingua de uso maioritario en Paraguai con trinta puntos de vantaxe sobre o español e coñecida polo 90% da poboación. O guaraní é cooficial desde 1992.

La línea recta [27 de xullo]
España, 2006
Sección Oficial do Festival de Xixón 2006
Dirección: José María de Orbe. Guión: José María de Orbe e Daniel Villamediana. Fotografía: David Valldepérez. Montaxe: Nuria Esquerra. Duración: 95 minutos. Estrea en España: 27 de abril de 2007. Reparto: Aina Calpe (Noelia), Alejandro Cano (Lucas), Blanca Apilánez (Rosa), Ferrán Madico (Xefe), Sergi Ruiz (Nico). Sinopse: Noelia, unha moza que non chega aos trinta anos, vive nun barrio na periferia de Barcelona. Traballa polas noites nunha gasolineira e polo día repartindo publicidade nos buzóns. Apenas fala; non ten amigos, nin os procura. Camiña polo mundo sen rumbo claro e sen apenas deixar pegada de si. Só un compañeiro de traballo, Lucas, parecerá abrir fisuras na súa vida gris e illada.

José María de Orbe naceu en Donostia en 1958, aínda que desde hai vinte anos reside en Barcelona, onde se dedica á realización publicitaria. La línea recta é a primeira longametraxe que dirixe. Exerceu como produtor no primeiro filme dirixido por Jaime Rosales, Las horas del día, feito desde a empresa que os dous fundaron no ano 2000, Fresdeval Films.

A fost sau n-a fost? (12:08 Ao leste de Bucarest) [28 de xullo]
Romanía, 2006
Premio "Cámara de Ouro" (Cannes 2006)
Dirección: Corneliu Porumboiu. Guión: Corneliu Porumboiu. Fotografía: George Dascalescu e Marius Panduru. Montaxe: Roxana Szel. Duración: 89 minutos. Estrea en España: 18 de maio de 2007. Reparto: Mircea Andreescu (Emanoil Piscoci), Teodor Corban (Virgil Jderescu), Ion Sapdaru (Tiberiu Manescu). Sinopse: No décimosexto aniversario da caída de Ceaucescu, o dono dunha televisión local convida a un debate a dous cidadáns que aseguran ter vivido intensamente aquel momento revolucionario: un vello retirado que de cando en cando fai de Papá Noel improvisado, e un profesor de historia abafado polas débedas do alcool. Algúns espectadores que están a ver o programa nas súas casas empezan a chamar para daren unha versión ben diferente da que alí se conta.

12:08 Ao leste de Bucarest é a primeira longametraxe do director romeno Corneliu Porumboiu (Vaslui, 1975), que contaba apenas catorce anos cando aconteceron os acontecementos aos que alude o seu filme: "Lembro moi ben ese día. Eu estaba xogando ao ping pong fóra e os meus pais estaban pegados diante da televisión. Volvín a casa xusto despois do momento crucial examinado na película, pois o certo é que ás 12:08 onde nós viviamos todo o mundo estaba observando en directo como Ceacescu fuxía".

Keane [29 de xullo]
EEUU, 2004
Premio Especial do Xurado e Premio da Crítica (Festival de Deauville, 2005)
Dirección: Lodge Kerrigan. Guión: Lodge Kerrigan. Fotografía: John Foster. Montaxe: Andrew Hafitz. Duración: 99 minutos. Estrea en España: 11 de maio de 2007. Reparto: Damian Lewis (William Keane), Abigail Breslin (Kira Bedik), Amy Ryan (Lynn Bedik). Sinopse: William Keane vive atormentado pola perda dunha filla. Talvez desapareceu nunha estación de autobuses. Talvez a nena nunca existiu e tan só é real na súa imaxinación. Sexa dun xeito ou doutro, o caso é que William Keane escapa da súa paranoia cando coñece unha muller, Lynn, e a súa cativa, Kira, dous seres necesitados de agarimo e axuda.

Neoiorquino do 64, Lodge Kerrigan debutou na dirección con Clean, Shaven, premiado en 1995 no Fantasporto. O seu seguinte filme, Claire Dolan, formou parte da sección oficial do Festival de Cannes en 1998. Antes de rodar Keane traballou na realización dunha película protagonizada por Peter Sarsgaard e Maggie Gyllenhall, In God's Hands, pero o negativo orixinal sufriu danos irreparábeis e o proxecto houbo de ser abandonado.

2007-07-23, 13:52 | 0 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/51074

Comentarios

Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.198.52.8 (b2f138890d)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley