A estas alturas non debe haber ninguén que non saiba que
Woody Allen está rodando a súa nova película en Barcelona, posto que a prensa especializada, a de información xeral e as revistas do corazón andan día si día tamén sacando fotos da estadía catalana de Scarlett Johansson. Esta semana súmase á rodaxe Pe(nélope Cruz), o cal é garantía de que non vai diminuír a presenza nos medios do provisionalmente denominado
Woody Allen Spanish Project, no que tamén participa Patricia Clarkson (vista en
The Station Agent e na serie
A dous metros baixo terra), Javier Bardem e outros intérpretes españois como Javier Cámara, Joel Joan ou Lluis Homar, ademais do dobrador de
Woody Allen en España, o actor Joan Pera. Non é a primeira vez, de todos xeitos, que Woody Allen dirixe a unha actriz española: a comezos dos setenta unha modelo chamada Natividad Abascal aparecía no filme
Bananas, onde tamén interviña un daquela case debutante Sylvester Stallone.
Agora que están a punto de desembarcar
os Simpson ás salas de cinema, e que aínda temos por aí
ao ogro verde, non está de máis lembrar o paso de Woody Allen pola animación 3D en
Antz, onde compartiu reparto (de voces) con Stallone (outra vez), Sharon Stone, Dan Aykroyd, Anne Bancroft, Christopher Walken, Gene Hackman, Jennifer Lopez e
Danny Glover. Este
excelente actor nacido en San Francisco que protagonizou
un dos meus filmes favoritos dos 90 e que por certo hoxe 22 de xullo cumpre 61 anos, ademais de facer un cameo é tamén produtor executivo de
Bamako, a
película de Abderrahmane Sissako que abre o próximo mércores 25 o ciclo Realidade'07, xa un clásico nos veráns vigueses. Desde esa data e até o domingo 29, poderán verse na Praza da Estrela ademais desa marabilla africana os filmes
La hamaca paraguaya de Paz Encina,
La línea recta de José María de Orbe,
12:08 ao leste de Bucarest de Corneliu Porumboiu e
Keane de Lodge Kerrigan.
O protagonista da longametraxe que pecha o ciclo é un magnífico
Damian Lewis, pero un papel decisivo correspóndelle
á nena Abigail Breslin, a quen lembramos este mesmo ano como aspirante a
Pequena Miss Sunshine, esa simpática comedia na que tamén estaban Gregg Kinnear, Toni Collette, o oscarizado Alan Arkin e o formidábel
Steve Carell,
un xenio que se fixo grande na televisión, agora na serie
The Office, pola que é
candidato ao Emmy como mellor actor de comedia xunto a Alec Baldwin (30 Rock), Roicky Gervais (Extras), Tony Shalhoub (Monk) e Charlie Sheen (Two and a half men), e antes no
show de Jon Stewart e en
Saturday Night Live, esa canteira inesgotábel da que saíron John Belushi, Dan Aykroyd, Bill Murray, Eddie Murphy, Chris Rock, Julia-Louis Dreyfuss, Adam Sandler, Chevy Chase, Jay Mohr, Martin Short, Billy Cristal, Steve Martin, Andy Kaufman e o gran
Will Ferrell. A
Will Ferrell témolo agora mesmo nos cines cunha película titulada
Patinazo a la gloria que eu desde logo non teño pensado ir ver; á marxe de que na súa filmografía non haxa moitos títulos gloriosos, sen dúbida é un estupendo comediante que estaba inmenso nunha xoia pola que ademais eu sinto bastante agarimo, pois foi
o primeiro filme que vin no Festival de Donostia (no 2004, o meu foi chegar e encher). Trátase de
Melinda e Melinda, a obra que despois duns anos un chisco estancado supuxo un certo renacemento na carreira de
Woody Allen, ese clásico vivo que leva unhas cantas semanas revolucionando Barcelona.
Extrarradio, 22 de xullo de 2007
dos arquivos estranhos: De Sistiaga a Sistiaga
¶