caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > De José Antonio Sistiaga a José Antonio Sistiaga
> De José Antonio Sistiaga a José Antonio Sistiaga <

Ao longo de todo este mes a programación do CGAI está ocupada por un amplo ciclo dedicado a revisar o cinema ensaístico, experimental e de vangarda feito por diversos autores en España desde os anos sesenta até a actualidade. Un moi interesante seminario celebrado o 9 e 10 de xullo e dirixido por José Luis Castro de Paz trouxo até a Coruña a varios deles: Basilio Martín Patino, Javier Aguirre, José María Zabala, Eugeni Bonet, Antonio Padrós ou Adolfo Arrieta (estes dous últimos protagonizaron, por certo, o momento máis divertido das xornadas, nun exercicio moi saudábel de sabotaxe do academicismo imperante).

Pero quizá a figura máis interesante de todas, pola súa xenuina excepcionalidade, é a do gran artista vasco José Antonio Sistiaga, cuxa obra pasou por museos coma o MOMA de Nova York e o Georges Pompidou de París, e que foi fundador xunto a Eduardo Chillida e Jorge Oteiza do grupo GAUR, colectivo guipuzcoano que nos 60 pretendeu recuperar o contacto coa vangarda artística internacional, rota pola guerra civil. Coa financiación do navarro Juan Huarte Beaumont a través da súa produtora X Films, nun acordo resolto en quince minutos e que foi selado cun simple apretón de mans, José Antonio Sistiaga emprendeu en 1968 a realización da súa obra capital Ere Erera Baleibu Icik Subua Arauren, o filme máis longo da historia pintado directamente sobre o celuloide que supuxo para el dezasete meses de traballo en xornadas de entre doce e quince horas diarias. Sistiaga actuou sobre máis de cen mil fotogramas igual que faría sobre un lenzo: empregou pinceis, paus e os seus dedos para aplicar a pintura, riscou o celuloide, botou area por riba del e mesmo púxoo a secar ao sol, sempre guiado pola intuición e o acaso para elaborar un cadro abstracto de setenta e cinco minutos de duración, sen son nin música engadidas: unha experiencia verdadeiramente fascinante. Sistiaga non tiña intención de poñerlle título ningún á súa obra, pero por razóns administrativas houbo de facelo. Chamou entón por teléfono ao seu amigo Rafa Ruiz Balerdi e pediulle que lle dixese algunhas palabras inventadas que carecesen de significado. "En euskara o cualquier otro idioma, que no sea ni muy larga ni muy corta", díxolle. A proposta de Rafa foi o definitivo ere erera baleibu icik subua arauren.

Sistiaga proseguiu coa súa carreira pictórica, e non volveu a facer cinema coa mesma técnica até 1988 coa peza de sete minutos Impresiones de la alta atmósfera, despois da cal virían dúas máis, En un jardín imaginario e Paisaje inquietante nocturno, que participan do seu labor pictórico pero que non foron feitas directamente sobre a fita.

Na súa visita ao CGAI, Sistiaga explicou que a decisión de realizar unha película tomouna ao ver en 1958 en París unha curtametraxe do cineasta de animación Norman McLaren. Norman McLaren naceu en Stirling, Escocia, en 1914; estudou en Glasgow e despois duns primeiros traballos en Londres trasladouse a Nova York a finais dos trinta e despois a Canadá para traballar no National Film Board, onde creou un estudo de animación e educou a varias xeracións de profesionais. Máis adiante participou en proxectos formativos da UNESCO.

McLaren é un dos grandes creadores do campo da animación, onde ensaiou toda sorte de técnicas e experimentou no tratamento da imaxe, o son e a música. Quizá a máis famosa das súas películas sexa Neighbours, curta de imaxe real cun potente discurso anti-violencia aboiando sobre as súas insólitas imaxes en stop motion. A película trata de dous veciños que viven en convivencia pacífica até que unha flor nace xusto na liña imaxinaria que separa as súas casas e comezan a pelexar por ela con resultados fatais. Recibiu unha morea de premios en todo o mundo, e foi dobremente candidato ao Oscar nas categorías de mellor curta dun rolo e mellor curta documental (sic); curiosamente, gañou nesta última candidatura. Iso acontecía na vixésimo quinta edición dos premios Oscar, a do ano 1952, a mesma na que foron recoñecidas as interpretacións de Gary Cooper, Shirley Booth, Anthony Quinn e Gloria Grahame. O Oscar á mellor película levouno O maior espectáculo do mundo, seguramente para honrar ao lendario Cecil B. de Mille, e o de mellor dirección foi para un home que con aquel recollía o seu cuarto premio nesa categoría. Falo, claro, de John Ford, vencedor por The Quiet Man, con John Wayne encarnando a un boxeador americano de orixe irlandesa que volve á terra da súa familia despois de matar accidentalmente a un oponente no ring. En Irlanda coñecía a unha muller de carácter, Maureen O'Hara, e por suposto caía namorado. Victor MacLaglen, Ward Bond, Barry Fitzgerald e boa parte do equipo habitual do xenial director colaboran nun filme no que se din frases coma esta: "Is this a courtin' or a donnybrook? Have the good manners not to hit the man until he's your husband and until he can hit you back". En tradución libre: Isto que é, unha cita ou unha feira? Ten a educación de non zoupalo a el até que esteades casados e poida zouparche el tamén a ti.

Ademais de dar esa clase de consellos, a película serviu de punto de partida varias décadas despois para o documental Innisfree. O seu director, o español José Luis Guerín, viaxou nos oitenta a Irlanda e pasou polas terras onde se rodou O home tranquilo; entrou nun pub e escoitou a catro vellos completamente bébedos falando de John Ford, e aí naceu a idea da súa persoal revisión do clásico a través do que din e contan os veciños da zona.

De José Luis Guerin, autor tamén de Tren de sombras e En construción, escoitaremos falar dabondo ao longo dos próximos dous meses, pois se ben a programación do Festival de Venecia aínda non foi anunciada, podemos xa asegurar que o seu novo filme participará a competición na sección oficial. En palabras do entusiasmado produtor Luis Miñarro, "Me he sentido transportado en un laberinto visual y sonoro. Estoy orgulloso de compartir esta dedicatoria de amor: de amor al cine. A las mujeres. A una ciudad. Al espectador. Si el cine ha de reinventarse, la película de José Luís Guerín es una señal de la vuelta al origen; a la recuperación de la inocencia perdida". A película parte doutra previa feita con fotos fixas que oficialmente non existe; Miguel Marías, un dos poucos que chegou a vela, considerouna unha das mellores obras do 2005. A obra que todos veremos finalmente ocupará a portada do número de setembro de Cahiers du Cinema España e leva por título En la ciudad de Sylvia. Os seus creadores reducen a súa sinopse a tan só un par de frases: "Un mozo nunha cidade, mira unha moza. Despois mira outra". O mozo que mira é Xabier Laffite, e a moza mirada Pilar López de Ayala, unha actriz que empezou na televisión nesa serie pola que pasaron case todos os intérpretes da súa xeración. E aínda que non é esa a súa primeira película, é evidente que o título que lanza no cinema a Pilar López de Ayala é Juana la Loca, de Vicente Aranda. O papel da filla dos Reis Católicos que descubriu en 1948 a Aurora Bautista tamén serviu para colocar no mapa á madrileña Pilar López de Ayala, que con ese personaxe gañou un Goya e uns meses antes o premio como mellor actriz no Festival de Cine de Donostia, a cidade na que naceu en 1932 o gran artista vasco José Antonio Sistiaga, homenaxeado este verán tamén alí cunha exposición que se clausurou onte 15 de xullo no Centro Internacional de Cultura Contemporánea de Donostia, na antiga Fábrica de Tabacos da cidade, moi perto da estación de RENFE, cruzando o río Urumea pola ponte María Cristina...

Extrarradio, domingo 15 de xullo de 2007

2007-07-16, 00:39 | 0 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/50890

Comentarios

Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.162.236.133 (cb759b668d)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley