caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Cultur.gal
> Cultur.gal <

Culturgal. Feira do Libro e da Industria Cultural do 10 ao 13 de maio

I) A cifra oficial duns dez mil asistentes deixa unha sensación razoabelmente satisfactoria que, debo confesalo, non coincide demasiado coa percepción que eu saquei do meu paso pola feira o pasado sábado. Polo que sei ninguén se fixo rico a conta do Cultur.gal, pero tampouco parece que vaia haber grandes queixas, finalmente. Para ser a primeira vez, non estivo mal. É obvio que o número de visitantes sería bastante maior se a feira se celebrase en Vigo ou na Coruña (no caso coruñés, basta pensar no ben que funciona a feira do libro de agosto, e iso que a súa organización e programa de actividades é máis que deficiente); pero creo que a mellor forma de facer país é esquecerse de localismos e optar por unha sede estábel, asumindo un acordo a longo prazo con ela independentemente de quen presida o goberno desa cidade.

II) O modelo a imitar, por suposto, é a feira de Durango. Celébrase no mes de decembro, e o seu impacto no mercado cultural euskaldún é decisivo, até o punto de que non son precisamente poucas as empresas daquel país que arranxan as contas do ano durante esas cinco xornadas. Lévannos corenta e unha edicións de vantaxe, pero tamén é evidente que a proximidade do Nadal estimula espectacularmente as ventas. Convertir a feira no escenario de presentación das novidades máis importantes da temporada axuda a darlle visibilidade; nese senso, hai que recoñecer que este Cultur.gal quedou un chisco coxo, pois foron moi poucas as obras que chegaron ao Pazo da Cultura recén saídas do forno.

III) A Radio Galega ocupou no Cultur.gal un destacado espazo e retransmitiu desde alí varios dos seus programas. Fronte á estimulante actividade da radio, sorprende a apatía da televisión de noso. Esta era unha estupenda ocasión non só para facer emisións en directo, establecer unha morea de conexións e gravar contidos para os diferentes programas, senón tamén para promocionar a produción propia. En colaboración coas empresas do audiovisual galego (alarmantemente ausentes desta feira, agás algunhas honrosas excepcións), a televisión tiña que estar presente proxectando as súas series e facendo encontros co público dos seus intérpretes e creadores: as cinco viúvas d'A vida por diante, os protagonistas de Libro de familia, os de Pepe o inglés, os de Valderrei... Amosando con orgullo, en suma, as figuras do noso star system.

IV) Para vindeiras edicións hai que conseguir unha maior presenza das empresas do audiovisual. É certo: non están porque non quixeron. E si, tamén é certo: non están porque non teñen produtos que venderlle ao público que pasea polo Pazo. Pero hai que convencelas de que deben participar e vender a súa imaxe. Poden dar a coñecer os seus proxectos, anunciar rodaxes, participar en encontros, debates, mesas redondas, o que faga falla. Poden demostrar que existen.

V) Precisamos máis música. E máis teatro. Hai que quitarlle papel á feira. A idea está impulsada polos editores, ben o sabemos, pero se queremos que sexa grande deben estar todos os sectores da cultura galega comprometidos co modelo.

VI) E os primeiros que deben asumir ese compromiso deben ser os editores de libros, que foron os impulsores da idea. Non ten sentido que algúns estean laiándose un día si e outro tamén e logo desaproveiten a ocasión de compartir un proxecto ilusionante coma este. Non vou dicir nada máis dos ausentes; vaia, porén, o meu aplauso para os presentes, pequenos, medianos ou grandes.

VII) De nada serve gastar cartos nunha web se despois non vai ser actualizada. A páxina do Cultur.gal ficou sen novas desde a véspera do comezo da feira, e nela faltaba información esencial, como a listaxe de expositores. Aos organizadores teríalles sido máis barato e máis práctico abriren un blog, para o caso; sería unha carta de presentación bastante máis dinámica que a que finalmente tiveron.

VIII) Polo de agora, o Cultur.gal non deixa de ser unha feira do libro de gran tamaño. Quizá haxa que ir escapando do modelo "unha caseta a carón doutra" e botarlle un pouco de imaxinación na procura de novas fórmulas. Hai que idear moitas actividades, sen medo a que coincidan os seus horarios: é preferíbel verse obrigado a escoller que non ter ningún sitio onde meterse. Son só catro días ao ano, non pasa nada por ter un programa moi denso. Ten que haber razóns para que acudan non só os veciños da cidade que acolle a feira, senón tamén os que viven a dúas horas dela en coche.

IX) En calquera caso, os resultados globais moven necesariamente ao optimismo. Era unha proposta complexa e saíu ben; hai cousas por corrixir, pero sabemos que sobre vontade e talento para resolver calquera problema. É momento de facer análises e reflexións críticas, pero non para andar choutando na poza das lamentacións, senón con vistas a que o segundo Cultur.gal sexa máis grande e mellor.

2007-05-15, 03:04 | 0 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/49433

Comentarios

Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 23.20.225.97 (89e00f6a88)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley