caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Paso decisivo
> Paso decisivo <

O asunto da posíbel expulsión do militante do BNG Pedro Gómez-Valadés polo único feito de presidir a Asociación Galega de Amizade con Israel non pode inspirar outra cousa que noxo. Moito, moito noxo. Porque o problema non é xa que persigan ou boten fora a unha persoa que non comparte o ideario oficial completo, cousa de seu inquietante, senón algo moito máis grave: que haxa xente dentro desa organización política á que lle pareza maligno sentir simpatía e interese por Israel. De feito, non podo imaxinar un país que poida producir antipatía. O país enteiro, todo el. Presidentes e dirixentes políticos, ocorrénseme unha morea; pero países, ningún. Pertencer a unha asociación de amigos de Israel é tan lexítimo e razoábel como apuntarse a unha de amizade co Irán, que en caso de existir podería ter a Francisco Rodríguez como presidente de honra.

Levar o necesario debate sobre os problemas do Oriente Medio ao terreo do enfrontamento futboleiro, substituíndo o ti es do Dépor ou do Celta? por un ti por quen vas, polos palestinos ou polos israelís?, é unha mostra no mellor dos casos de inxenuidade ou de infantilismo. No peor, unha proba clara de odio fanático, de irracionalidade, de desprezo pola liberdade de opinión. Son un optimista patolóxico, así que confío en que a Asemblea Comarcal do BNG de Vigo, ou no seu caso o Consello Nacional, rexeite finalmente a expulsión de Pedro Gómez-Valadés, e que se abra un longo periodo de reflexión interna que evite no futuro situacións tan graves e patéticas coma esta. Agardo tamén que os impulsores desa iniciativa reaccionaria pidan perdón e recoñezan o seu erro, ou que sexan sancionados, porque un comportamento así de inquisitorial non pode ser desculpado como se se tratase dunha pequena anécdota. Oxalá o fagan porque crean que é o xusto, e non porque pensen que iso vaia influír nos seus resultados electorais (que tamén, empezando polo meu voto).

para saber máis: comunicado da AGAI

2007-03-13, 12:58 | 14 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/47893

Comentarios

1
De: hormiga Fecha: 2007-03-13 15:27

Como ben dicheches e unha postura bastante infantil e patética. Pero está ben que saian a luz certos arranques fascistoides que normalmente non se fan públicos. A ver se así espabila a xente.



2
De: Vendell Fecha: 2007-03-13 18:28

Chegado o caso de que non, ¿qué parte de Galicia podería equipararse a Siberia? ¿Alá por Río Caldas? ¿Folgoso? ¿O Incio? ¿O porto exterior de Ferrol?



3
De: Colazo Fecha: 2007-03-13 19:41

Precisamente, polo que dis, o nome de "Asociación Galega de Amizade con Israel" a min paréceme ridículo, coma se se adicaran a organizar viaxes turísticos á Terra Santa. Eu non sinto coma inimigo a nengún país, esa percepción só me parece lóxica nunha guerra.

É posíbel que este de novo airear os trapos sucios fora, lle veña ben ao Bloque e que sexa esta a única forma de facelo, é posíbel tamén. Pero por outra, Gómez Valadés, non me parece que sinta moita simpatía polos musulmáns.
http://galiza-europa.blogspot.com/2007/02/europa-liberdade-libertinaxe-e.html
http://galiza-europa.blogspot.com/2007/03/o-rabe-nova-lingua-de-europa-por-josep.html



4
De: webensis Fecha: 2007-03-13 20:03

Vaya, una versión bloqueira de Pilar Rahola :oD



5
De: Martin Pawley Fecha: 2007-03-13 22:18

Colazo, se Pedro Gómez-Valadés fose un fanático que despreza aos musulmáns, pareceríame moi ben que o expulsasen e que explicasen a razón. Que dixesen ben clariño "botámolo porque sabemos que este home ten ocasionais arranques fascistoides de odio a outros seres humanos, que non podemos compartir de ningún modo dentro dunha entidade política como a nosa". Polo de agora, non parece ser ese o caso.



6
De: cossimo Fecha: 2007-03-13 22:43

Recoñeza que tamén é difícil imaxinar que alguén poida ser amigo de todo un país.
O intento de purga é tan obvio que nin siquera merece máis comentario. Pero daí a equiparar a AGAI a unha asociación de amigos das praias da Mariña!... O señor Gómez-Valadés asimila todo un colectivo á un determinado posicionamento ideolóxico, á unha determinada política. Algo tipicamente nacionalista, por outra parte. A súa amizade limítase a un sector (máis ou menos maioritario) da sociedade israelí.



7
De: Colazo Fecha: 2007-03-13 23:58

cossimo eu non equiparo a AGAI a iso, só me refería ao seu nome.
Pawley, o comunicado da AGAI paréceme que está totalmente fora de ton, e se asinan iso militantes e cargos do BNG deberían preguntarse ou respostar que fan eles á beira d"Os fascistas da UPG" e de "simpatizantes de Hamas, Hizbollah e Al Qaeda." Pluralidade si, pero até certo punto non?

P.Gómez Valadés nos seus artigos paréceseme moito a esa dereita que fala de Eurabia, e sen esquecer o 11-M, non creo que sexa para tanto.

Non creo e agardo que o expulsen, nen o desexo, o de pedir perdón paréceme utópico, confórmome cunha reconciliación sincera e cun debate interno, necesario e sen dogmatismos sobre política exterior no século XXI. O BNG coma forza de goberno precisa ter unhas ideas máis claras e comúns, e co pouco que pintamos os galegos non mundo, non se pode ser máis independente.



8
De: Martin Pawley Fecha: 2007-03-14 01:31

Cossimo e Colazo, que Gómez-Valadés sexa máis ou menos paranoico ou máis ou menos trosma non me parece relevante nesta cuestión. O comunicado califica de comportamento intolerante e fascista o daqueles que propugnan a expulsión dun militante que ten ideas sobre política exterior que parecen non coincidir coa liña oficial do BNG; a min iso tamén me parece un comportamento intolerante e fascista (por certo, cal é a liña oficial? A daqueles que din que os únicos aliados posíbeis do BNG son Irán, Cuba e Venezuela? Pensa iso tamén Anxo Quintana? A conselleira de cultura, a de vivenda ou o de Medio Rural? todos os deputados, alcaldes e concelleiros do BNG acreditan niso? Ou haberá que expulsar tamén a Francisco Rodríguez?). Polo demais, un non é responsábel do que pensan a título individual todos os membros das organizacións ás cales un pertence, senón do ideario xeral decidido en común. Católicos e ateos, seguidores do Real Madrid e do Barça, partidarios de Bush e de Castro seguro que os hai no BNG, no PSOE e no PP; e nas asociacións colombófilas, nas astronómicas e nas de tiradores de arco. Tamén nos bares polos que pasamos a diario.

Polo que se ve, no BNG colle case todo o espectro ideolóxico da esquerda á dereita sempre e cando participe dunha certa concepción nacional do país, pero non se admite a discrepancia nun tema tan "trascendente" para os galegos como é Israel. Pois si que é curioso, si.



9
De: cossimo Fecha: 2007-03-14 11:17

Persoalmente creo que para calquera persoa debería ser ben máis trascendente a existencia dun muro como o de Cisxordania (do que no blog da AGAI se fai unha defensa digna dos mellores tempos do noso NODO) cá concepción nacional do país.
Reclamar o dereito á disidencia dentro de estructuras tan sectarias e antidemocráticas como os partidos políticos é ou ben un acto de candidez, ou ben de cinismo.
Un militante do Bloque que ao mesmo tempo estivese afiliado a unha organización que reivindicase o retorno ao centralismo administrativo, ¿debería ser expulsado?
¿E un militante do PP que presidise unha asociación de independentistas navarros?
Se o señor Gómez-Valadés é o responsábel do blog Europa Europa que enlaza Colazo, entón vostede ten moitísima razón. O BNG abarca todo o espectro ideolóxico: da extrema dereita á extrema esquerda. Dos jihadistas que traballan a prol da defensa da nosa civilización ata os antiimperialistas pro-ayatolás. Dos ilustrados cidadanistas transversais ata os esquizofrénicos e resesos estalinistas pasando polos liberais a tempo parcial. Todos baixo o paraugas común da nazón de Breogán, iso si.
Sinceramente, non creo que o boten.



10
De: mangueiriñas Fecha: 2007-03-14 12:23

Estou abraidado vendo cantos vixian por que o BNG cumpra coa correción politica , a liberdade interna e a de expresión.Cossimo xa dixo case todo o que eu tiña que decir. So unha cousa ; pensan vostedes de verdade que nos partidos politicos debe haber xente de todas as ideoloxias e pensamentos? logo para que valen? si se admitira eso , non cheiraria un pouco a pensamento único e ó moderno relativismo ideoloxico ? un pobo que despois de roubarllela terra condena a outro ó ghetto e a sede, lle derruba as casas, lle mata os fillos .. e defendible no seo dunha orgaización que se di de esquerdas? Poida que os metodos defensa dos palestinos nalgún caso estén errados (Hamas, Hizbula) pero eso descalifica a sua loita e xustifica o Estado de Israel? Si algún partido expulsase a un militante polo seu apio expreso a Hamas ou Hizbhula estariamos a ter esta teima? Poucos pobos sufriron coma o xudeo , pero debe pagar todo Occidente eternamente por eso incruso nos os galegos?



11
De: Avelino Fecha: 2007-03-14 13:47

Non nos fagamos os inxenuos. Israel non é un país calquera, e unha asociación de amizade con Israel non é unha sociedade de intercambios culturais, senón de apoio á súa política. Esa política é simplemente a do apartheid. Israel é un país onde a lei permite a tortura (caso único no mundo) onde a cidadanía de concede ou se nega seguindo criterios xenéticos (!) e non de lugar de nacemento, onde non hai constitución (o país ríxese desde 1948 mediante leis de emerxencia prolongadas sucesivamente) onde existen prísións secretas, execucións sumarias... en fin, todo o que sabemos. Paréceme que ese home ten todo o dereito do mundo a formar unha asociación de amizade con este Estado (que non país, porque deso se trata: Israel considera que Palestina é parte dese país)pero é o equivalente a unha Asociación de Amizade co Irán dos ayatollas ou como se un militante do Psoe dos anos 30 crease unha asociación de amizade con Alemaña na época de Hitler. Non. Non son do Bloque nin concordo con moitas das súas ideas, pero aquí me parece que por unha vez a expulsión está plenamente xustificada.



12
De: Vendell Fecha: 2007-03-14 22:11

Outra pregunta: así as cousas, ¿cómo é que non pide él mesmo a súa exclusión do BNG?



13
De: Larvós Fecha: 2007-03-15 15:18

Avelino: todo o que ti queiras e máis. Pero se colles un mapa e miras o entorno, con todo o que dis, non teñas nin a máis mínima dúbida que en ningún deses países se respectan máis os dereitos humanos ca en Israel. E que eu saiba Israel non convoca mitíns masivos baixo o eslogan "borremos do mapa Xordania", nin din "o holocausto armenio é unha fabulación".

Israel é un bastión democrático (aínda que imperfecto) na zoa. E simpatizar cos israelís non implica estar contra os árabes (ou musulmáns). A razón é tan sinxela como que os verdadeiros inimigos deses pobos non son os xudeos nin os occidentais: é a manada de mangantes fanáticos que os dirixen, que pasan a vida vomitando merda contra o "materialismo occidental" e adobiando a "espiritualidade islámica" mentres eles mercan un novo Ferrari para a súa frota de deportivos e o seu pobo espiritual morre de fame.

Moi mal o BNG. Pero que moi mal. Polo que a min respecta agardo unha rectificación, e non creo ser o único.



14
De: Félix Fecha: 2007-03-21 00:11

Coincido co que vostede ten razoado, e tamén teño a esperanza de que o BNG saiba saír da trampa na que se meteron os da asambleia viguesa. Ao meu parecer, as simpatías persoais de Gómez Valadés --sexan étnicas, relixiosas ou o que sexan-- polo pobo israelí non poden ser sometidas a ningún debate ideolóxico na seo dunha organización democrática e respetuosa cas persoas. Falar da permanente crise de Oriente Próximo e dividi-los protagonoistas entre bos e malvados, brancos e negros, xudeos e musulmáns... para facer unha análise do caso Gómez Valadés paréceme un grande erro. Israel non é o Goberno israelí, do mesmo xeito que Galicia non é a Xunta. Unha aperta.



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 23.20.162.200 (d29e56c94e)
Comentario
¿Cuánto es: mil + uno?









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley