Mellor película, mellor director (Martin Scorsese), mellor guión adaptado (William Monahan) e mellor montaxe (Thelma Schoonmaker): The departed, de Martin Scorsese
Que a Academia de Hollywood premie a mellor das cinco candidatas é unha boa noticia. O único problema que ten o traballo de Martin Scorsese é o de ser un remake que non aporta grandes novidades respecto do filme do que é adaptación, o excelente
Infernal affairs. En calquera caso,
The Departed é un prodixio de ritmo e de forza, menos conciso e bastante máis verborreico e explícito que o orixinal, e posúe un deslumbrante reparto encabezado por ese magnífico actor que é Leonardo DiCaprio, un tipo ao cal algunha xente lle ten bastante manía por razóns que non entendo. Jack Nicholson está sobreactuadísimo, por suposto, pero é nesas ocasións cando nos gusta de verdade.
Mellor fotografía (Guillermo Navarro), mellor dirección artística (Eugenio Caballero e Pilar Revuelta) e mellor maquillaxe (David Martí e Montse Ribé): El laberinto del fauno, de Guillermo del Toro
Xa dixen varias veces que non sinto ningunha simpatía polo
Fauno, que a súa mestura de fantasía e guerra civil non me parece nada ben conseguida e que o seu carácter de fábula non xustifica o seu maniqueísmo simplón. Os tres galardóns artísticos e técnicos -máis ou menos esperábeis, e
á quiniela me remito- recibidos por unha película cuxo orzamento é inferior ao caché de Tom Cruise ou Will Smith son unha boa proba do mediocre nivel industrial da produción ianqui do 2006.
Mellor guión orixinal (Michael Arndt) e mellor actor de reparto (Alan Arkin): Little Miss Sunshine, de Valeria Faris e Jonathan Dayton
O filme sorpresa da tempada é unha hábil comedia soportada por un conxunto de estupendos intérpretes. Co andar do tempo irémola esquecendo, pero iso non impide que hoxe recoñezamos a súa admirábel capacidade de síntese (nos primeiros tres ou catro minutos temos a todos os personaxes perfectamente presentados) e a boa tarde que pasamos rindo coas andanzas desta familia pouco convencional unida pola vontade de cumplir a ilusión de ser
miss que ten a filla pequena, a encantadora Abigail Breslin.
Mellor documental e mellor canción (I Need to Wake Up, de Melissa Etheridge): An inconvenient truth, de Davis Guggenheim
Hai uns meses escoiteille a Manuel Toharia na Coruña críticas moi ben fundamentadas contra o tratamento sensacionalista e un chisco mesiánico que do cambio climático dá Al Gore no documental
Unha verdade inconveniente. Aínda comprendendo as razóns científicas que avalan ao divulgador español, non podo deixar de admirar a eficacia didáctica e a convincente enerxía que exhibe o ex-vicepresidente americano, porque a súa mensaxe non é a do pesimismo do
"isto xa non ten remedio", senón un contundente
"poñámonos correndo mans á obra" que acaba resultando tremendamente estimulante: non estamos afeitos a que nos digan que
podemos facer algo.
Mellor actriz de reparto (Jennifer Hudson) e mellor son: Dreamgirls, de Bill Condon
No vieiro estético de
Chicago, é dicir, con moitas luces e pouca imaxinación, pero aínda por riba infinitamente menos divertido que aquel,
Dreamgirls é un musical arrevistado apto só para amantes da liña máis pastelona do R&B ultracomercial. Jennifer Hudson ten unha voz potente e iso desta vez foi dabondo para que lle deran o Oscar.
Mellor actriz (Helen Mirren): The Queen, de Stephen Frears
Desde que vimos a Helen Mirren encarnando á Raíña, é a verdadeira Elizabeth II a que nos parece falsa. A película de Stephen Frears non pasa de ser unha vulgar tv-movie de interese limitado e conxuntural, e é moi posibel que incluso esa interpretación tan unanimemente louvada estea dentro de cincuenta anos tan presente nas vidas de todos como hoxe a de Paul Muni facendo de
Louis Pasteur, pero en calquera caso é innegábel o inmenso talento de Helen Mirren, xa demostrado en
The cook, the thief, his wife & her lover ou en
Gosford Park, e o ben que loce aos seus espléndidos sesenta anos envolta nun traxe de Christian Lacroix.
Mellor actor (Forest Whitaker): The last king of Scotland, de Kevin MacDonald
A primeira decepción con
O derradeiro Rei de Escocia chega ao descubrir que o protagonista principal non é Forest Whitaker, senón James McAvoy, que interpreta con excesivo entusiasmo a figura ficticia dun doutor escocés que marcha para Uganda e despois dun encontro fortuito convértese én médico e asesor persoal do presidente Idi Amin. Fascinado inicialmente pola súa personalidade disque magnética, aínda que na película non o pareza tanto, pouco a pouco irá descubrindo a condición monstrosa e ridícula do tirano, e aí é onde a historia se torce por completo e deriva nun innecesario thriller con amoríos adúlteros cunha esposa do ditador e a suposta tensión final do
fuxirá ou non fuxirá do país. Que Whitaker está ben, non o discuto, pero eu paso de traxedias terceiromundistas narradas a través de intermediarios brancos e occidentais. Para o caso, paréceme máis honesta
Blood diamond, con iso fica dito todo.
Mellor música orixinal (Gustavo Santaolalla): Babel, de Alejandro González Iñárritu
Por segundo ano consecutivo, o arxentino Gustavo Santaolalla é premiado por facer a peor banda sonora das cinco candidatas, o cal non deixa de ter o seu mérito.
Babel é un horror, o filme americano máis perigoso e indecente que vin no 2006; por iso non entendo a
recén destapada polémica entre Alejandro González Iñárritu e Guillermo Arriaga a conta da súa autoría: deberían negala os dous, en vez de pelexarse por ela.
Mellor vestuario (Milena Canonero): Marie Antoinette, de Sofía Coppola
A estas alturas está claro que Sofía Coppola non quere ser o seu pai. O que non sabemos é o que quere ser. Gústalle exercer de dama
indie culta e posmoderna, pero notáselle ben que se criou entre viñedos. Fixo unha María Antonieta que podía chamarse Paris Hilton sen grandes cambios, escapando do relato histórico, que non pasa de ser un fondo confuso, e limitándose a contarnos as súas festas e resacas cunha inxenuidade inapropiada e perversa. O transcurso do tempo está moi mal narrado, e as escenas de Kirsten Dunst paseando coa filla polo campo lémbranme demasiado a un anuncio de champú como para que poida tomarme a película en serio, pero o peor non é iso, senón a súa condición de artefacto luxoso e sen vida, efémero e inútil.
Mellor edición de son: Letters from Iwo Jima, de Clint Eastwood
Cartas desde Iwo Jima é profundamente americana, tanto que mesmo dous dos personaxes xaponeses principais afirman no filme ter estado nos Estados Unidos e gardar bo recordo diso. A película é simple, previsíbel (a secuencia do can é especialmente boba) e mesmo algo cutre, e penso que o seu tosco intento de "humanizar ao inimigo" só lle pode parecer atrevido a un afiliado ao Partido Republicano; pero de inmediato recibiu a etiqueta de "maxistral" por esa inercia habitual en moitos críticos diante da obra de Clint Eastwood, un director non moi dotado para as sutilezas que nos anos 50 ou 60 non destacaría especialmente en Hollywood (hoxe si, así que saquen conclusións). Nin nesta nin en
Bandeiras dos nosos pais hai traza da beleza elexíaca de
Unforgiven ou da emoción de
Million dollar baby; máis perto de Spielberg que de Kurosawa e Ozu (influencias anunciadas que eu non detecto nin con lupa), este falso díptico sobre a guerra, que a priori parecía moi próximo ao seu mundo, revelouse ao final tremendamente frustrante.
Mellor filme de animación: Happy feet, de George Miller
Mellor película en lingua estranxeira: As vidas dos outros, de Florian Henckel von Donnersmarck
Mellores efectos especiais: Pirates of the Caribbean: Dead Man's Chest, de Gore Verbinski
¶