caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Os galegos e a ciencia
> Os galegos e a ciencia <

Aproveitando que hoxe é o Día Darwin bótolle un ollo á última sondaxe da FECYT sobre percepción social da ciencia e a teconoloxía. O estudo foi elaborado ao longo dos meses de setembro e outubro do 2006 a partir dun rigoroso cuestionario ao que se someteron case sete mil entrevistados, catrocentos deles no noso país, e os seus resultados colócannos aos galegos á cabeza do desinterese pola ciencia. Deliberadamente o informe separa nas súas conclusións a medicina e a saúde do concepto global de ciencia e tecnoloxía, entendendo con bo criterio que aquelas inspiran sempre unha percepción positiva nos cidadáns (poucos serían os que negasen a utilidade de investigar máis sobre o cancro ou a SIDA) e a súa mestura nos datos xerais implicaría un evidente sesgo. Porque a realidade é que aínda hoxe, cando a maioría das persoas vive rodeada de trebellos tecnolóxicos e cousas que se enchufan, segue persistindo unha enorme e significativa desconfianza polos avances científicos e/ou polas súas aplicacións.

Os galegos tamén somos os que menos necesario consideramos un incremento do orzamento dedicado á investigación (só un 4% dos consultados o ven preciso, mentres que na Rioja a cifra é dun 29%), feito que convén relacionar coa convicción xeralizada (máis da metade dos entrevistados) de que o nível de desenvolvemento científico e tecnolóxico de España é moi inferior ao dos outros estados da Unión Europea. Por suposto, o ámbito prioritario de investigación para unha maioría de cidadáns é a medicina, seguida a moita distancia polo medio ambiente nunha listaxe que pechan a tecnoloxía aeroespacial e os transportes (curiosamente, as tecnoloxías da información e as comunicacións non saen tampouco nada ben paradas). Os españois consideran que a súa formación científica na etapa escolar foi baixa (33%) ou moi baixa (20%), e tendo en conta que mesmo cun governo socialista a materia de Tecnoloxía ten asignados uns recortes brutais de horas de aula dos que porén se librou a de Relixión non creo que as cousas vaian mudar moito nos próximos anos. Para un 45% deles a ciencia ofrece máis beneficios que problemas, pero un 33% cren que os aspectos positivos e negativos están equilibrados e mesmo hai un 7% para os que pesan máis os segundos. Se nos cinguimos ao ámbito galego a cifra vólvese arrepiante: só un 23% considera que a ciencia trae máis vantaxes que prexuízos.

Unha amiga profesora contábame antonte que lles encargara aos seus alumnos de secundaria que buscasen nos xornais e revistas noticias científicas: a inmensa maioría dos rapaces trouxo recortes que falaban de casas encantadas e parvadas magufas polo estilo, de incendios forestais (!) e só houbo unha rapaza que se decidiu pola nova categoría anano-planetaria de Plutón. É evidente que moitas persoas non saben distinguir o que é ciencia do que non o é, nin entenden até onde chegan as súas implicacións, e polo tanto non teñen criterio dabondo para valorar a súa importancia. Desbotando análises ruralistas e máxico-esotéricas, parece claro que o único camiño para mellorar no futuro os números que nos ofrece esa enquisa pasa por darlle á xente máis e mellor información, por explicarlle que grazas á ciencia vive hoxe como vive.

2007-02-12, 15:23 | 11 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/47090

Comentarios

1
De: Vendell Fecha: 2007-02-13 09:25

Profesores de ciencias en colexios, instis e universidades, xunto a estudiantes de carreiras de ciencias e científicos en activo xa deben sumar o 4% da pobación encuestable, ou así. Alucinante.



2
De: Martin Pawley Fecha: 2007-02-13 14:26

Esa sondaxe pode verse tamén como outra proba do fracaso real do ensino obrigatorio: varios anos no instituto aprendendo límites de funcións, as partes dunha célula, a formular ácidos e sales ou as características dos movementos circulares, para que logo ao cabo dos anos a inmensa maioría dos alumnos non só non entenda de que vai iso da ciencia, senón que ademais desconfía abertamente dela...



3
De: cossimo Fecha: 2007-02-13 17:25

Tampouco hai que caer no victimismo. Polo que parece, a xente intéresase bastante máis pola ciencia ca polos temas de famosos (iso, ou mentimos coma cosacos nas enquisas, claro).
Asimesmo, non debería pasar por alto que un 65% oporíase a un recorte no gasto público adicado a Ciencia e Tecnoloxía.
Por outra parte, que as persoas prefiran que se invista máis en Medicina ou en Medio Ambiente ca en Tecnoloxía aeroespacial ou transportes tamén parece bastante razoable, ¿non?.
Ademais, os científicos está socialmente moi ben valorados (4.1 sobre 5 é unha puntuación altísima). Sinceramente, non creo que os avogados, por exemplo, saisen tan ben parados.
Se cadra no fondo, a xente é consciente de que a pesar de todos os avances científicos, 2/3 da humanidade seguen a vivir na indixencia e non se benefician en absoluto dos mesmos.
Para min o dato máis preocupante e un dos máis indicativos é probablemente o da porcentaxe de enquisados partidarios dun incremento nos gastos en seguridade cidadá.



4
De: Martin Pawley Fecha: 2007-02-13 22:08

cossimo, non é que as persoas "prefiran que se invista máis en medicina que en tecnoloxía aeroespacial", senón que "prefiran que se invista máis en medicina" e non "prefiran que se invista máis en tecnoloxía aeroespacial". É dicir, postos a pensar nun incremento dos orzamentos, admiten que se produza se vai dedicado á medicina, pero non se o seu destino son as tecnoloxías do transporte ou da comunicación. A min se me preguntan diría que deben aumentar os recursos para todas elas (outra cousa é de onde sacar os cartos, pero diso non trata a enquisa).

Respecto ao de preferir os temas de ciencia aos de famosos, a realidade parece constatar a diario que os españois consultados mentiron coma bellacos.



5
De: Vendell Fecha: 2007-02-13 22:27

O da seguridade cidadá é terrorífico, coma loitar contra os accidentes de tráfico promovendo o uso de aspirinas.



6
De: cossimo Fecha: 2007-02-13 23:41

pawley, creo que non é exactamente como vostede di. Os enquisados tiñan que enfrontarse a un dilema similar ao que se lle plantexa aos responsables da elaboración do presuposto público: optar entre alternativas de gasto. Porque os recursos son limitados. Entre 10 opcións posibles tiñan que priorizar 3. Un 50% elixiu seguridade cidadá, un 40% medio ambiente e un 20% ciencia e tecnoloxía. Non vale polo tanto, dicir que hai que aumentar o investimento en todas elas. Porque supoño que na súa terna nunca figuraría Defensa, ¿non?



7
De: Martin Pawley Fecha: 2007-02-14 01:56

Son preguntas distintas. Nun caso pidéselles que elixan tres opcións de nove para as cales destinarían máis cartos públicos, e os resultados son estes:

-Un 50% cre que debería aumentar a inversión en seguridade cidadá
-Un 40%, en medio ambiente
-Un 33% en obras públicas
-Un 31% en cultura
-Un 26% en xustiza
-Un 20% en ciencia e tecnoloxía
-Un 15% en transportes
-Un 10% en deporte
-Un 7% en defensa

Máis adiante, pregúntase por un posíbel incremento nos cartos destinados á ciencia e tecnoloxía, e pídese que destaquen dous ámbitos concretos, e aí é onde se disparan os resultados da medicina, o cal é previsíbel. O que me sorprende é o escaso apoio das outras opcións, en especial tendo en conta que á vista das cifras parece que hai bastantes entrevistados que non marcaron o máximo de dous campos permitidos e optaron por un só ámbito de incremento orzamentario.



8
De: Martin Pawley Fecha: 2007-02-14 02:02

E non lles sorprende tamén que os investimentos en cultura, con frecuencia considerados "arbitrarios" por moitos cidadáns e criticados publicamente (pensen, por exemplo, nas subvencións ao cine ou o gasto en publicacións que logo fican gardadas en caixas para a eternidade), acaben merecendo un apoio popular maior que os cartos que recibe a ciencia (investigación médica incluída)? Ou será máis ben que cando á xente se lle pregunta pola "ciencia e tecnoloxía" pensa máis en radares e satélites que en tratamentos médicos?



9
De: Anxo D Fecha: 2007-02-14 15:46

Poderíase dicir que o 50 % da poboación ten medo a sair á rúa? O 40% medo do que no futuro lles agarda co tema do cambio climático? O 33% medo do mal trazado das estradas e vías de comunicación, que, de mellorarse, é por seguridade? Non terán medo do reparto do orzamento en Cultura ese 31% restante, non??
En fin. Temos medo e pedimos investimento na nosa seguridade.



10
De: cossimo Fecha: 2007-02-14 16:55

Sendo precisos, na P25 non se pregunta por un posíbel incremento dos gastos públicos en Ciencia e Tecnoloxía, senón polos ámbitos nos que segundo o enquisado debería ser prioritario o esforzo investigador de cara ao futuro. Insisto: que a maioría dos entrevistados se decante por Saúde e Medio Ambiente parece bastante sensato.
Eu arríscome a aventurar unha conclusión a partir dos resultados do estudo: a maioría das persoas considera que a ciencia debe ser unha ocupación propia de científicos do mesmo xeito que a carpintería debe ser unha ocupación propia de carpinteiros. É dicir, intúo que tendemos a asociar ciencia con saber técnico especializado e non como unha parte fundamental da formación básica de calquera individuo. Non é que o traballo científico estea desvalorizado. Eu creo que é máis ben o contrario: vese como unha actividade necesaria pero reservada a "mentes privilexiadas".
Se cadra os plans de estudo e tamén unha certa endogamia e aislacionismo da parte da comunidade científica teñen algo que ver.



11
De: mendinho Fecha: 2007-02-16 21:34

Que inventen outros, dicía Unamuno, e así nos foi.



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 107.22.46.150 (aeafe2fbf3)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley