En fin, xa o saben: Penélope Cruz é candidata ao Oscar por
Volver, pero o filme ficou fora do quinteto de elixidas na categoría de mellor película de fala non inglesa. Dixen
no seu día que
Volver era un filme decepcionante que non asumía risco ningún; iso non supuña un gran problema para os Oscars, antes polo contrario, así que cabe pensar que a principal razón para a ausencia de Almodóvar é o propio Almodóvar: sendo un dúas veces gañador do premio, os académicos que seleccionan os filmes estranxeiros deberon pensar que darlle outro podía ser excesivo. Intúo que tamén hai detrás unha certa sensación de fartura, e a procura de nomes diferentes (pero, iso si, non demasiado exóticos), feitos estes que tamén prexudicaron a Zhang Yimou e a súa nova entrega de
espadachineses,
The Curse of the Golden Flower. Penso que en calquera caso a exclusión de
Volver beneficia a Penélope Cruz, pois o feito de ser ela a única representante do filme na cerimonia pode reportarlle simpatías e votos que doutro xeito irían parar ao seu director e guionista.
Fagamos agora repaso dunha listaxe de nominacións sen grandes sorpresas e que parece anunciar outro ano de premios moi repartidos no que Scorsese, esta vez si, acabará levando para casa a prezada estatuíña:
Dreamgirls: o título con máis candidaturas, oito, ficou fora dos apartados máis importantes. Non desboten a Eddie Murphy como actor secundario e tampouco á súa compañeira de reparto Jennifer Hudson, pero despois de ter colocado tres pezas entre as cinco finalistas á mellor canción parece claro que por aí van as mellores opcións desta película de Bill Condon de estrea inminente en España.
Babel: candidata á mellor película, director (Alejandro González Iñárritu), guión orixinal (Guillermo Arriaga), actrices de reparto (Adriana Barraza e Rinko Kikuchi), montaxe (Douglas Crise e Stephen Mirrione) e música orixinal (Gustavo Santaolalla). Un dos títulos imprescindíbeis da temporada, nacido para xerar aplausos entusiastas entre espectadores que saen dos cines convencidos de teren visto un filme importante.
Babel é o tópico da bolboreta que sacode as ás en Asia e acaba provocando unha tormenta no Amazonas feito cine: o mundo é unha estrutura complexa e caótica no que accións a priori sen grandes consecuencias poden derivar en acontecementos transcendentais nas vidas de persoas moi diferentes. Guillermo Arriaga e González Iñárritu revélanse incapaces de enfíar ben os diferentes episodios, unidos por casualidades que no caso da historia xaponesa chegan a extremos ridículos, e tampouco poden xustificar axeitadamente o cúmulo de situacións e reaccións vividas polos seus personaxes; pero en calquera caso o peor non é iso, senón que o seu retrato dun
sufrimento globalizado é atrozmente simplificador e socialmente inofensivo, un exercicio cheo de pretensións morais que gustará aos mesmos que adoraron
Crash e que como poden adiviñar a min paréceme detestábel e pernicioso para o conxunto da humanidade, dito sexa coa contundencia que me caracteriza.
El laberinto del fauno: candidata ao mellor guión orixinal (Guillermo del Toro), mellor fotografía (Guillermo Navarro), mellor dirección artística (Eugenio Caballero, Pilar Revuelta), mellor música (Javier Navarrete), mellor maquillaxe (David Martí, Montse Ribé) e mellor película estranxeira. A birriosa e nada homoxénea mestura de fantasía e guerra civil creada por Guillermo del Toro leva acadado un indiscutíbel éxito internacional cuxa consecuencia lóxica eran as nominacións aos Oscars; o de filme en fala non inglesa será seu, se o sentido común dos académicos non o remedia. A min non me impresionan as criaturas aladas nin os faunos de atrezzo, e fora diso non vexo nada nesta aparatosa pero escasamente imaxinativa película.
The Queen: candidata á mellor película, mellor director (Stephen Frears), mellor actriz (Helen Mirren), mellor guión orixinal (Peter Morgan), mellor vestiario (Consolata Boyle) e mellor música (Alexandre Desplat). Despois de ter sido a favorita de case todas as asociacións de críticos americanos e levar o Globo de Ouro, imaxino que Helen Mirren xa estará facendo sitio nas estanterías para acoller o premio gordo da industria ianqui. Ela está estupenda; o filme, non, pero tanto dá.
The departed: candidata á mellor película, mellor dirección (Martin Scorsese), mellor actor de reparto (Mark Wahlberg), mellor montaxe (Thelma Schoonmaker) e mellor guión adaptado (William Monahan).
Infiltrados é unha desas películas que se disfrutan desde o primeiro até o último minuto. Certo que a orixinal
Infernal affairs xa era magnífica, pero é difícil resistirse ao seu extraordinario conxunto de intérpretes e o seu ritmo alucinante. Unha ocasión perfecta para saldar contas co eterno derrotado Martin Scorsese.
Letters from Iwo Jima: candidata á mellor película, mellor director (Clint Eastwood), mellor guión orixinal (Iris Yamashita) e mellor edición de sonido. Clint é "o da casa", aínda que rode en xaponés. Xa venceu cando tiña que vencer, así que desta volta non creo que lle toque.
Little Miss Sunshine: candidata á mellor película, mellor actor de reparto (Alan Arkin), mellor actriz de reparto (Abigail Breslin), mellor guión orixinal (Michael Arndt). Ollo, ollo, ollo: é un filme pequeniño para o estándar de Hollywood, a maior sorpresa (e a mellor adquisición) da colleita do Festival de Cine Independente de Sundance no 2006, pero a asociación de produtores (si,
eles) deulle
o seu premio hai só uns días. O de ser unha comedia moi divertida que lle gusta a todo o mundo xoga ao seu favor nun ano sen clarísimos favoritos.
Eses son os títulos principais dunha edición con destacada presenza mexicana, non só a de González-Iñárritu/Arriaga e Guillermo del Toro e os seus equipos (no caso do
Fauno hai tamén varios nomes españois), senón tamén a de Alfonso Cuarón, dobremente candidato por
Children of Men (guión e montaxe). Conseguiron candidaturas importantes a moi apetecíbel
Little children (actriz, Kate Winslet; actor de reparto, Jackie Earle Haley, e guión adaptado) e
Notes for a Scandal, coa xa habitual Judi Dench ocupando unha das posicións de saída e Cate Blanchett (actriz de reparto), Philip Glass (música) e Patrick Marber (guión adaptado) entre os escollidos. Tan claro coma o de Helen Mirren parece o premio para Forest Whitaker como mellor actor por
The last king of Scotland, encabezando o selecto grupo de afroamericanos nominados (Eddie Murphy, Will Smith, Jennifer Hudson) aos que hai que sumar o nome dun que é
afro de verdade, o actor nacido en Benin
Djimon Honsou. A decisión da
Screen Actors Guild, que se fará pública o domingo 28 de xaneiro, dará pistas definitivas para os apartados de interpretación.
Deixo para o final as dúas curtametraxes españolas nominadas. A de Borja Cobeaga,
Éramos pocos, poden
vela no YouTube, e non pasa de ser unha simple idea máis ou menos feliz que ao final deixa no corpo esa sensación característica de moitas curtas que poden verse por aí adiante:
e logo, xa está? xa acabou?. Da outra, da de Javier Fesser,
Binta y la gran idea, levo namorado desde que vin no 2004 en Donostia
En el mundo a cada rato, o filme ao que inicialmente pertencía, e de feito os vigueses que o desexaron puideron vela no ciclo
Realidade'06: Camiños e fronteiras que tiven o pracer de programar o ano pasado. Alén de certos tópicos e excesos, segue parecéndome enormemente estimulante e provocador o seu ton festivo e luminoso, afastado da tradicional e a estas alturas xa inútil gravidade coa que se tratan certas cuestións:
¶