O cine forma parte da nosa vida cotiá, pero case sempre como entretemento ocioso que non esixe demasiado traballo intelectual. Para unha inmensa maioría de cidadáns é algo que se ve por unha pantalla pequena, no esencial non demasiado diferente a un
reality show ou a unha serie por episodios: todos eses espazos son cousas que contemplamos comodamente tumbados no sofá. O cine carece de prestixio cultural mesmo entre individuos aos que se lles supón un certo sentido crítico; independentemente das calidades, "ver unha película" non posúe o valor social de "ler un libro", que con frecuencia fica determinado polo esforzo que implica a absorción dos seus contidos (e a fin de contas acabar calquera
libro-canapé leva máis tempo que devorar a filmografía completa de
Lisandro Alonso).
Nas escolas e institutos o cine non existe; no mellor dos casos é unha nota ao pé na asignatura na que se fale de arte. O cine asoma tamén como ferramenta didáctica nalgunhas materias, pero nunca polos seus propios valores, senón como recurso para que os alumnos saiban
de qué trata unha novela (como se iso servise para aprender o que é a literatura), ou para visualizar
como era unha época determinada, fixando para sempre identidades do tipo
Roma clásica=Gladiator. Por iso resulta tan estimulante descubrir que en centros como o IES de Porto do Son procuran maneiras alternativas de enfocar a educación, e que hai
profesores e alumnos que reservan imaxinación e enerxías para entender como se fabrican os produtos audiovisuais e mesmo están dispostos a roubarlle horas ao sono para acabar facendo coa colaboración de profesionais do medio unha curtametraxe como este
Nico que aquí lles deixo, unha peza de resolución máis que correcta co acoso escolar como tema:
¶