
A novidade máis importante do sistema editorial galego no último ano foi a crecente aposta polas traducións de autores estranxeiros contemporáneos ao noso idioma. En vésperas de Reis podemos pasar polas librarías e escoller entre
O perfume de Patrick Suskind en
Sotelo Blanco,
A casa dos encontros de Martin Amis en
Galaxia, ou
Coma se non existise de Slavenka Drakulic en
Xerais, que
anuncia para os próximos meses
a nova de John Updike. Modélico é o caso de
Rinoceronte, o "parque natural da tradución ao galego", unha editorial pequena e con exquisito gusto que ao longo do 2006 foi sorprendéndonos cunha magnífica selección de títulos en edicións de sinxela e asombrosa fermosura. Xaneiro arranca para
Rinoceronte coa presentación dunha nova serie,
Vétera, adicada a textos clásicos e que se dará a coñecer co
Decamerón de
Boccaccio; máis adiante, cara a primavera, chegarán os primeiros volumes da colección de
Poesía, con
Anna Akhmatova e
Konstantinos Kavafis. O seu catálogo de narrativa seguirá medrando con autores como
John Berger e
Sandra Cisneros, ademais dos premios Nobel
J. M. Coetzee,
Ivo Andric e
Yasunari Kawabata. O máis salientábel, porén, é a publicación por primeira vez en España dunha novela do senegalés
Ousmane Sembene, o pai do cinema africano; un verdadeito fito editorial que honra
aos seus responsábeis. Home de traxectoria artística e vital apaixonante, que aprendeu case todo de maneira autodidacta na "escola da vida" despois de ser expulsado dun colexio francés por mor dunha acusación inxusta, Ousmane Sembene exerceu diversos oficios antes de alistarse no exército durante a Segunda Guerra Mundial; á fin dela, en 1948, marchou clandestinamente a Franza e traballou de estibador en Marsella, onde destacou como líder sindical vencellado ao Partido Comunista. Tardaría aínda oito anos en publicar o seu primeiro libro,
Le Docker noir, ao que lle seguiu en 1957
Oh pays, mon beau people. Na altura dos sesenta
Ousmane Sembene era un home recoñecido e apoiado pola intelectualidade de esquerdas francesa, con Simone de Beauvoir e Jean Paul Sartre á cabeza. Cando volve a África entra en contacto con líderes revolucionarios como Patrice Lumumba e renova o seu compromiso contra o colonialismo. Conscente de que debido aos elevados índices de analfabetismo os libros non son unha ferramenta eficaz para transmitir mensaxes para as masas,
Ousmane Sembene decide que a alternativa idónea é o cinema, forma de expresión que permite chegar a todo tipo de público. Nun ano aprende en Rusia e da man de
Mark Donskoi os elementos fundamentais de cinematografía que precisa para dirixir axiña algunhas curtametraxes, que dan paso en 1966 a
La Noire de..., considerada a primeira longametraxe africana (aínda que falada en francés) e que lle outorgou ao seu autor o prestixioso premio
Jean Vigo, o mesmo que recibiran uns anos antes Chris Marker e Alain Resnais. Dous anos despois adaptou unha novela propia,
Le mandat, xustamente a que vai ser editada por
Rinoceronte, na que é a primeira película rodada nunha lingua africana, o wolof:
Mandabi.
Xala,
Ceddo e
Camp de Thiaroye son outras alfaias na filmografía dun xenio aínda vivo e de quen para vergoña de todos só chegou a estrearse en España un único filme,
Moolaadé, a súa polo de agora última obra mestra. Quizá para novembro poidamos ter xa nas mans a edición galega de
O xiro postal, que se convertirá, poden estar ben seguros, no regalo que máis veces farei aos amigos o próximo Nadal.
¶