um
Máis perdidos do que nunca estiveron nas paraxes selváticas que lles son cotiáns, Misael Saavedra e Argentino Vargas, protagonistas das dúas primeiras películas de Lisandro Alonso, soben e baixan por escaleiras e ascensores, entran e saen de camerinos e cuartos de baño e vagan, en suma, polas decrépitas instalacións do
Teatro San Martín de Buenos Aires, nunha de cuxas salas, a
Leopoldo Lugones, proxéctase
Los muertos. Tal é o punto de partida de
Fantasma, a nova alfaia do xenio arxentino, quizá demasiado hermética para os que non coñezan a súa obra anterior pero unha verdadeira gozada para o espectador cómplice. A ofrenda que o director lles tributa aos seus actores posúe un aire inequivocamente irónico, mesmo malévolo. Lisandro é dono da lucidez necesaria para non tomarse demasiado en serio e amosa o cine baleiro, ocupado unicamente por Argentino, un inquietante acomodador e unha administrativa do teatro que acaba felicitando ao protagonista, parco en palabras. Nin el nin Misael (sempre só, aínda máis extraviado e espectral) forman parte dese mundo, un escenario pechado e solemne que só pode inspirarlles inseguridade e que parece
reprocharlles a cada intre a súa incómoda condición de "intrusos". Unha amiga díxome ao saír que por momentos experimentara a sensación de que aquilo podía ser unha película de terror; o comentario non está nada fora de lugar, porque
Fantasma ten moito de exercicio lúdico pero tamén de misterioso e enigmático, até revelarse como unha proposta no fondo non moi afastada do Buñuel de
El ángel exterminador que se beneficia da contundente pegada dos sons de
Flormaleva.
dois
Contra o final de
Fantasma, Misaal Saavedra prende unha televisión e dá cun documental sobre pesca. O sorprendente para nós é descubrir que a voz en off fala en galego e que as imaxes, en efecto, son da
TVG. Segundo nos dixo o propio Lisandro o pasado sábado no
Extrarradio elixiunas en parte polo idioma, pois lle gustaba o feito de que non se tratase do español ou do inglés. Non deixa de ser cómico que sexa a produción arxentina
Fantasma a que máis fixo soar a lingua galega no
Festival de Cannes, e sen un euro de
subvención xunteira.
¶