A única vez que estiven completamente só nunha sala de cine aconteceu este mesmo ano no desaparecido Equitativa da Coruña, a tarde do trece de abril, Xoves Santo. O filme que disfrutei con paz e tranquilidade absoluta foi La casa de mi abuela, o pequeno e valioso documental de Adán Aliaga producido por IB Cinema, con Xosé Zapata a pé de obra. Ao acabar a proxección estiven falando un bo anaco por teléfono con Adán, o director, que sería o noso convidado dous días despois no apartado cinéfilo do Extrarradio. Infelizmente, o seu traballo non acadou en España a difusión que merecía, así que como tantas outras veces foi o seu grande éxito no exterior o encargado de poñelo no seu xusto lugar. Á crecente colección de galardóns recibidos en distintos festivais de todo o mundo hai que sumarlle a nominación como mellor documental nos Premios do Cine Europeo que se fixo pública hoxe; unha categoría esa na que en edicións anteriores venceron títulos tan estimábeis como Darwin's nightmare, Être et avoir ou Les glaneurs et la glaneuse. É momento de alegrarse e de desexarlles moita sorte para o próximo dous de decembro en Varsovia, data da cerimonia dos Premios, pero paréceme que o maior triunfo que pode ter La casa de mi abuela é que a vexan e falen ben dela agora todos os que no seu momento a ignoraron con olímpico desprezo.
Canta razón levas. Creo que con este filme se deron unha cantidade de sen sentidos que era para analizar. Cando se puxo en Cineuropa non mereceu nin unha triste crítica de xornal. Gañou o Jori Ivens e nos periodicos estais nin se fixo mención. Polo visto non era o suficentemente boa para gañar o Play-Doc. E se miramos "El mundo" ou "El País" as únicas veces que mereceu a súa atención foi por gañar o "Documenta Madrid" (que ten pelotas a cousa) e por extrearse nun cine dos USA (que hai que ser paleto).
O sistema de comentarios está á disposición dos leitores de "días estranhos" exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.